Feijóo pon o foco nas petroleiras tras subir o imposto de hidrocarburos

Prezos de hidrocarburos recompilados polo Ministerio de Industria CC-BY-SA Praza Pública

Unha das promesas estrela de Alberto Núñez Feijóo durante a campaña electoral de 2012 foi non subir impostos. Na páxina 31 do programa electoral do PP figuraba, literalmente, que "unha suba de impostos (...) pode resultar dobremente contraproducente, pois ademais de provocar unha contracción maior da actividade empresarial, dos investimentos e do consumo interno, pode alterar á súa vez a lóxica redistributiva estatal propia dos tributos de maior poder recadatorio". Un ano despois daquela promesa, en outubro de 2013, o Goberno galego incluía nos seus Orzamentos para 2014 unha suba do imposto de hidrocarburos, nomeadamente de 3,6 céntimos adicionais por litro de gasóleo e 2,4 por litro de gasolina. Este mércores, ás portas da ponte de Semana Santa e en vésperas electorais, Feijóo pon o foco nas compañías petroleiras.

Aquela suba do denominado céntimo sanitario -o imposto presentouse inicialmente como unha vía para financiar a sanidade- produciuse nun contexto no que Galicia xa era das autonomías nas que a cidadanía ten que pagar uns prezos máis elevados polos carburantes, situación que se mantén na actualidade. Así, os últimos datos dispoñibles no Ministerio de Industria, datados en febreiro deste ano, indican que os consumidores e consumidoras do país pagan, antes de impostos, o segundo gasóleo máis caro do Estado, con 75,4 centimos por litro. Unha vez aplicados os tributos este prezo chega a 1,37 euros por litro, só por tras de Balears.

Aínda que estes datos veñen sendo públicos mes a mes, o Consello da Xunta abordou un informe da Consellería de Facenda "sobre a evolución do prezo do combustible en Galicia" tras o cal o Goberno galego "conclúe que Galicia está entre as comunidades cos prezos dos combustibles máis altos antes de impostos", motivo que, di Feijóo, levará o Goberno a tentar "favorecer a baixada dos prezos, moi especialmente do gasóleo", xa que "aínda que non se aplicase ningún imposto, Galicia tería igualmente o gasóleo maís caro da Península". As compañías petroleiras, abonda "venden os seus produtos en Galicia cuns prezos por riba da media" estatal "sen ningunha causa xustificada".

A Xunta asegura agora que favorecerá a apertura de máis gasolineiras para promover a baixada de prezos

Máis dun ano despois de que a Comisión Nacional da Competencia expedientase a seis empresas do sector -Repsol, Cepsa, Disa, Meroil, Galp e BP- por pactar os seus prezos Feijóo decídese agora a "denunciar" que "tendo unha refinaría das 8 que hai en España", a de Repsol na Coruña, "en Galicia as petroleiras póñense de acordo para vender o gasóleo un 5% máis caro que no resto de España". "O viñemos denunciando e o seguimos denunciando agora", mantén, nun contexto no que "pedimos que o Tribunal de Defensa da Competencia finalice o expediente aberto" para que as petroleiras "non prexudiquen as familias e a economía galega". Paralelamente, afirma, a Xunta favorecerá a apertura de novas gasolineiras independentes e "animará os centros comerciais a poñer máis gasolineiras" de combustible barato "para intensificar a competencia".

Feijóo xustifica a suba do imposto malia aos altos prezos do combustible en Galicia

Pero, por que aínda sabendo que Galicia padecía tan altos prezos, a Xunta decidiu subir o imposto a finais de 2013?, preguntóuselle ao presidente dende a bancada da prensa. "Reducir os impostos para que as petroleiras poidan seguir vendendo o prezo do gasóleo máis alto antes de impostos?", repreguntou Feijóo. "O imposto é a metade do que as petroleiras incrementan o prezo", dixo, para a continuación xustificar a suba co argumento de que non aplicar esa suba tributaria sería "beneficiar aínda maís a conta de resultados a costa da Facenda autonómica". "Eu estou cos galegos e non coa conta de resultados das petroleiras", proclama, antes de insistir en que "os impostos que se pagan polas gasolinas" en Galicia "é igual ao do 85% do territorio nacional".

Feijóo, tras o Consello deste mércores © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.