Se a crise económica trouxo algún efecto positivo este foi unha maior vixilancia da sociedade contra o malgasto de recursos en infraestruturas innecesarias, e en xeral, na desaceleración de actuacións urbanísticas que supoñen un atentado contra o medio. A crise deixou ao descuberto a inutilidade de varias vías de alta capacidade nos arredores de Madrid, e de aeroportos sen avións en todo o Estado e paralizou algúns proxectos construtivos, tamén en Galicia, redundantes ou de discutible necesidade. Mesmo así, nos últimos tempos asistimos a un regreso do impulso dese tipo de actuacións, por exemplo a autovía A76 na Ribeira Sacra, unha obra na que se gastarían 1.200 millóns de euros, con 64 viadutos e 22 túneles, mentres as estradas galegas son as peor conservadas do Estado. Unha atuación moi agresiva para o medio e que achegaría un beneficio moi pequeno aos seus usuario.
A SGHN denuncia o que considera unha "sinrazón cun coste inmenso tanto ambiental como social, cando por con moitos menos cartos, pódese conseguir algo mellor para a cidadanía e o medio ambiente"
Algo semellante está a suceder na provincia de Pontevedra, onde están en marcha distintos proxectos de construción de novas vías de alta capacidade, que poderían levar á existencia, en paralelo e nun espazo moi pequeno, de tres autovías, a actual AP9 de pago e a vella estrada N-550. En concreto, segundo denuncia un estudo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) trataríase da autovía A-59 (Vilaboa-Peinador), a autovía A-57 (Pontevedra-conexión Ourense) e a reforma da autovía A-55 no treito Vigo-Porriño. A SGHN vén de presentar ante o Goberno central un novo escrito sobre o proxecto de Autovía A-57, o terceiro dende 2004, no que denuncia o que considera unha "sinrazón cun coste inmenso tanto ambiental como social, cando por con moitos menos cartos, pódese conseguir algo mellor para a cidadanía e o medio ambiente".
A SGHN sinala que a construción das dúas novas autovías previstas (Pontevedra-Peinador-Puxeiros e Pontevedra-Confurco), a demais de seren redundantes por ir en paralelo a moi curta distancia unha da outra, "supón illar os montes e fauna de Amoedo e Galleiro, fauna que inclúe vertebrados de grande porte que suporán un perigro para a circulación e por outra parte un illamento das poboacións actuais de lobo, corzo e xabaril, de recente asentamento nesta zona, o que provocará a medio prazo a desaparición destas especies".
Estas actuacións sumaríanse ademais ao prometido proxecto de transformacrión da comarcal C-531 Vilagarcía-Pontevedra nunha autovía que, indica a SGHN, "cruza e/ou vai paralela á autoestrada AP-9", polo que "resulta un despilfarro económico e ambiental insostible", cando a transformación en vía pública da AP-9 neste tramo, con ampliación a tres carris, "podería ser unha alternativa financeiramente sostible, amén de menos agresiva para a sociedade e o medio ambiente da zona". Tamén critica os proxectos de construción de dúas circunvalacións ao núcleo urbano de Pontevedra, unha por Amil (Moraña)- Campolameiro, como circunvalación da A-57, e outra por Ponte Bora (Pontevedra) como circunvalación da estrada nacional. Para a SGHN "estas actuacións resultan redundantes e por outra banda, atendendo á circunvalación exterior, demasiado abertas para que sexa efectiva como circunvalación urbana de Pontevedra".
As alternativas da SGHN
A SGHN pide a realización dun estudo económico comparativo entre a construción da autovía Vilagarcía-Pontevedra e a reversión deste tramo da AP-9 ao sistema público con ampliación a tres carris por sentido
A SGHN propón eliminar as actuais propostas de novas autovías Vilagarcía-Pontevedra, A57 (que conecta Pontevedra coa A52) e A59 (que conecta Vilaboa con Peinador), e a súa substitución por unha solución multifuncional. Por unha banda propón ampliar toda a autoestrada AP-9 a tres carris, modificar parte dos trazados para mellorar a súa seguridade viaria e "reducir o inmenso efecto barreira do seu trazado, incrementando viaductos e túneles". E ademais, recuperar a súa xestión para a administración pública, suprimindo todas as peaxes entre Caldas e Vigo. A SGHN pide a realización dun estudo económico comparativo entre a construción da autovía Vilagarcía-Pontevedra e a reversión deste tramo da AP-9 ao sistema público con ampliación a tres carris por sentido.
De igual xeito, o novo enlace Vigo-O Porriño a través do proxecto da A-55, "que sustituiría a actual autovía coñecida como autovía da morte e que debería ter un trazado soterrado na meirande parte do mesmo" faría innecesaria a construción dunha nova conexión directa entre Pontevedra e Porriño, "xa que a realización de dous trazados supón un gasto desmesurado de recursos económicos e ambientais, sendo innecesaria tal duplicidade".
"É imprescindible potenciar o transporte ferroviario entre Pontevedra-Vigo, xa que o actual servizo non responde ás necesidades da poboación, sendo necesario incrementar a periodicidade e acurtar os tempos cun servizo de dobre vía"
Tamén propoñen reforzar o trazado e a periodicidade do transporte por ferrocarril entre Vilagarcía-Pontevedra-Vigo. A SGHN subliña que "dada a previsión de que a ponte de Rande chegará a un nivel D de tráfico de automóbiles", é "imprescindible potenciar o transporte ferroviario entre Pontevedra- Vigo, xa que o actual servizo non responde ás necesidades da poboación, sendo necesario incrementar a periodicidade e acurtar os tempos cun servizo de dobre vía". E lembran que "a propia administración, a través da Deputación de Pontevedra, nun informe aprobado en 2008, indicaba que falta “Un estudo serio e profundo da mobilidade e das posibilidades dun sistema de transporte público”. O mesmo informe denunciaba “uns impactos sociais e ambientais inadmisibles” ademais de ocasionar un "sobrecuste innecesario".
Duplicidades e desorganización
A SGHN estende a súa análise crítica ao sistema de mobilidade interna de Galicia á desorganización doutros sistemas de infraestruturas. Lembra, por exemplo, a existencia de dous portos exteriores en Ferrol e na Coruña (este aínda en construción), distantes entre si tan só 16 quilómetros. Ou de tres aeroportos que compiten entre sí e a unha distancia duns 80 quilómetros entre Peinador e Lavacolla, e 60 quilómetros entre Alvedro e Lavacolla. Ou a convivencia "dunha vía de ferrocarril de ancho europeo, outra de ancho español e outra de vía estreita (FEVE)".
Reclama, sobre todo, a potenciación do tren, tanto para pasaxeiros coma para mercadorías, subliñando que "moitas estradas están saturadas polo transporte en camións, de mercadorías doadamente transportables vía ferrocarril, se fose un sistema efectivo". Denuncia que "cando se pretende potenciar o transporte colectivo, o resultado é que se están a pechar as estacións de tren, mediante a disculpa de pouco uso, pero antes reduciron os horarios e paradas dos trens". En consecuencia, esixe "reabrir as estacións intermedias entre Coruña e Vigo", e modificar o trazado da liña ferroviaria entre as dúas cidades ou cando mesmo conectala co Aeroporto de Lavacolla.