Feijóo anuncia a dous días da campaña que Navantia fará un barco en setembro

Concello de Ferrol, Xunta e SEPI, reunidos en Santiago © Xunta

O "buque gris" da Armada que Feijóo prometeu para Navantia hai tan só unhas semanas e que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, comprometera hai xa meses chega agora aos estaleiros ferroláns, en plena precampaña electoral e a tan só días de que arranque oficialmente a campaña para as eleccións europeas do vindeiro 25 de maio.

O buque xerará 500 empregos durante 30 meses e 1,1 millóns de horas de traballo nos estaleiros ferroláns

O presidente da SEPI, Ramón Aguirre, foi quen anunciou este mércores en Compostela que os estaleiros de Navantia en Ferrol e os de Puerto Real-San Fernando serán os encargados de construír dous novos buques de acción marítima (BAM), semellantes aos que emprega a Mariña para protexer os mariñeiros dos piratas nas costas africanas. Un deles construirase na ría galega e ambos achegarán ás empresas públicas 2,2 millóns de horas de carga de traballo (1,1 en cada centro), cun orzamento de 400 millóns de euros (200 para cada un) e nun prazo de execución de 30 meses na comarca. Serán 500 os traballadores que se encargarán dun proxecto que recupera a contratación aos estaleiros de Ferrolterra por parte de Defensa e que comezaría a construírse presumiblemente "despois do verán".

"O importante é que Defensa volve encargar barcos a Navantia; desde 2006, a Armada estivera imposibilitada polos programas orzamentarios", asegurou Aguirre tras a xuntanza que mantivo con Núñez Feijóo e co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, en Compostela. O presidente da Xunta xa anunciara na sesión de control do Parlamento de minutos antes a noticia, igual que fixera nas últimas semanas, cando nun prazo de quince días prometera a construción deste barco militar dúas veces.

O anuncio para o naval ferrolán, como o encargo de Pemex que se atrasou ano e medio, chega poucos días antes dunhas eleccións

E agora, a noticia parece confirmarse. E chega menos de vinte días antes das eleccións europeas. Un anuncio en plena precampaña, como o que fixera un mes antes das eleccións autonómicas de 2012, cando Feijóo borderara a lei electoral para solemnizar os encargos de Pemex, aqueles que a petroleira estatal mexicana adxudicara ano e medio despois da promesa da Xunta, tras múltiples polémicas e incumprimentos e logo de cinco atrasos e once meses despois da data de inicio de corte de chapa que anunciara o xefe do Executivo galego.

Feijóo, tras a xuntanza co presidente da SEPI, destacou o feito de que a comarca de Ferrol teña carga de traballo para os vindeiros 30 meses cun investimento, entre este BAM e outros buques, duns 400 millóns, o que debuxa "un horizonte despexado" para o naval da localidade. O anuncio chega a un sector que nos dous últimos anos perdeu uns 2.500 empregos en Ferrolterra e a unha zona onde na súa principal cidade tan só traballan tres de cada dez persoas.

Xa nun comunicado, Navantia asegura que a industria auxiliar tamén se verá beneficiada polo contrato da Armada. "O impacto deste pedido estenderase á industria auxiliar", di a empresa estatal, que prevé "un efecto directo sobre o emprego das distintas comunidades afectadas".

Ademais, EU de Ferrol considera "ruín e deplorable" o feito de que o PP xogue "co desemprego". A formación considera "electoralista" o anuncio da construción do buque da Armada "ás portas dunha campaña electoral, ao igual que aconteceu co flotel". Segundo Esquerda Undia, os populares pretenden así "neutralizar a indignación popular contra o austericidio de Feijóo".

Protesta do naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete
Concello de Ferrol, Xunta e SEPI, reunidos en Santiago © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.