As cooperativas crecen no medio da crise

XXVI Asemblea Xeral de AGACA © AGACA

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) celebrou a súa XXXVI Asemblea Xeral, celebrando o bo comportamento destas entidades, mesmo nos peores anos da crise económica. As cooperativas agroalimentarias galegas creceron un 13% en facturación e un 7% en volume de emprego nos últimos cinco anos; ademais, o número de socios e socias incrementouse nun 26%.

O incremento na facturación directa deste grupo de cooperativas ten aínda máis valor se se compara coa variación da Produción Final Agraria (valor económico de toda a produción agraria de Galicia), que diminuíu un 11% entre 2007 e 2012. Sumando a facturación indirecta, é dicir, a das empresas nas que participan as cooperativas (socias), a cifra excede os 1.900 millóns de euros. 

Para AGACA, as persoas "ven as cooperativas agroalimentarias como unha solución para afrontar os retos da crise dende unha óptica colectiva, afastada das incertezas inherentes ao individualismo"

Para os e as responsables de AGACA, estes datos evidencian que as persoas "ven as cooperativas agroalimentarias como unha solución para afrontar os retos da crise dende unha óptica colectiva, afastada das incertezas inherentes ao individualismo onde a persoa ten que enfrontarse soa ás dificultades cotiás do mundo empresarial". Tamén se percibe, destacan, un regreso á actividade agroalimentaria e, polo tanto, ao medio rural, de persoas que actualmente se atopan en situación de desemprego nas cidades e perciben no campo, unha vía de ingresos estable para vivir dignamente. 

Neste senso, o presidente de AGACA, José Montes, reiteraba "a importancia do diálogo e da unión" para facer fronte "á dura crise que afecta ao medio agrario e rural": “O intercambio de opinións, a análise da situación e as posibilidades de crecemento deben darnos unha visión global na que a unión fará a forza”, dixo. Montes destacou así mesmo que "a xuventude foi outra das apostas fortes de AGACA neste ano". Ante a crise económica e a precariedade laboral á que se enfrontan os mozos e mozas, salientou, "a fórmula cooperativa parece ser a que mellor resiste". Neste ámbito, AGACA encárgase de asesorar e apoiar novas iniciativas de emprendemento no rural, a través de numerosos obradoiros e cursos formativos e incluso, acompañamento personalizado. 

As cooperativas agroalimentarias galegas creceron un 13% en facturación e un 7% en volume de emprego nos últimos cinco anos; ademais, o número de socios e socias incrementouse nun 26%

Na valoración da xestión realizada no último ano, AGACA tamén destaca a renovación do convenio de comercialización entre produtores de horta e o grupo Vegalsa- Eroski. E, en xeral, a actividade continuada de representación das cooperativas, "tratando de promovelas como empresas eficientes, ben xestionadas, correctamente capitalizadas e con cargos directivos profesionalizados". 

Na Asemblea Xeral tamén interveu Iván Novo, director da correduría de Seguros especializada no rural, UCOGA, da que AGACA forma parte xunto con outras cooperativas galegas. Novo subliñou que "ata a súa aparición non existía, no mercado, un produto adaptado ás particularidades do mundo cooperativo". “Aínda que o noso nacemento é relativamente recente, este proxecto asegurador é o máis importante que se ten feito en Galicia”, dixo. 

XXVI Asemblea Xeral de AGACA © AGACA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.