"Dende os anos sesenta, a entidade ENCE ocupa unha importante superficie na marxe esquerda da ría de Pontevedra". "Dende hai pouco tempo, ENCE significa Energía y Celulosa, dedícase á produción de enerxía usando a auga para poder conseguila" e "polo tanto, ha pagar canon da auga". Con esta formulación a voceira do PSdeG en materia de medio ambiente, Patricia Vilán, leva meses tentando saber canta auga consome a controvertida empresa papeleira e canto paga polas súas cuestionadas actividades. O segundo conseguiu sabelo pero o primeiro, o consumo, é toda unha incógnita que o propio Goberno galego di non saber despexar.
O pasado día 5 entrou no Parlamento o documento no que a Consellería de Medio Ambiente informa de que, dende o segundo semestre de 2012 e ata a actualidade, lle facturou á empresa agora chamada Ence Energía y Celulosa algo máis de millón e medio de euros "en concepto de canon da auga". Nomeadamente, na segunda metade de 2012 os cartos facturados foron 398.050,93 euros, en 2013 algo máis de 900.000 e no primeiro cuadrimestre de 2014, case 319.000 euros.
Segundo lle aclarou a propia Xunta aos socialistas os cartos facturados polo canon non depende da auga que consome a empresa, senón do volume de auga que verte. Polo tanto, cabe preguntarse "cantos metros cúbicos de auga consumiu ENCE nos anos 2012, 2013 e no que levamos de 2014", e así o fixo literalmente a parlamentaria Vilán. "O organismo Augas de Galicia -contesta o departamento de Agustín Hernández- non dispón de datos continuos do caudal derivado en virtude da concesión para uso de auga da empresa ENCE". A razón, di, é que "na concesión outorgada no seu día non se determinou a obriga de remitilos".
A última vez que a Xunta lle pediu a ENCE datos de consumo foi no verán de 2011 por mor da seca
A única posibilidade de coñecer estes datos é que "os mesmos sexan requiridos por Augas de Galicia, de cara a vixiar o cumprimento dos consumos máximos establecidos na concesión" e isto non sucedeu nos últimos tres anos, do que se pode deducir da resposta oficial. Nomeadamente, Augas pediulle a ENCE o seu "dato de consumo" por última vez no "período de seca" sufrido no "verán do ano 2011", co obxectivo de realizar un "control naquelas circunstancias". Naquela altura "os caudais derivadso situábanse en torno aos 500 litros por segundo". Pasada a seca, nada se sabe.
A compañía repartirá un dividendo cunha rendibilidade do 7% para os seus accionistas
O Executivo autonómico descoñece canta auga, consome ENCE mentres a empresa informa da súa boa marcha económica. A través dun comunicado a empresa informou este luns de que proporá na súa xunta xeral do vindeiro día 30 repartir un dividendo cunha "rendibilidade para o accionista do 7%". Trátase, sinala, de "0,08 euros brutos por acción, así como unha acción por cada trinta e dúas en circulación procedentes da autocarteira da compañía como retribución en especie".