As oficinas de emprego fracasan como vía para atopar traballo

Unha oficina de emprego na Coruña © Google

"É difícil atopar traballo sen non amosas interese en conseguilo". A finais de abril os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) golpeaban con dureza os argumentarios oficiais baseados no "inicio da recuperación" económica e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, optaba por desdeñar o estudo e, ademais, por cuestionar a vontade de atopar traballo de parte da poboación en situación de desemprego, concretamente da que decidía non manterse anotada nas oficinas de emprego, adelgazando polo tanto os datos do paro rexistrado. Segundo Feijóo, igual que é "imposible conseguir unha operación cirúrxica" sen estar "anotado na lista de espera dun hospital", resulta difícil poñerse a traballar sen estar inscrito no antigo Inem. As cifras oficiais, tanto puntualmente como botando a vista atrás, evidencian o fracaso do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e, por extensión, do Servizo Público de Emprego de Galicia, como oficinas de colocación.

Máis de nove de cada dez persoas que deixan a lista do paro por atopar traballo fano sen axuda do Servizo Público de Emprego

Mentres a teoría presidencial equipara a inscrición como demandante coa posibilidade de atopar un emprego as bases de datos do Instituto Galego de Estatística, dependente da Xunta, evidencian que as persoas que son quen de saír do paro grazas a unha chamada da oficina de emprego son unha verdadeira excepción. Tomando como referencia o ano considerado como o do inicio da actual crise económica, o 2007, os números din que máis de nove de cada dez persoas que saíron das listas do paro por atopar un traballo fixérono polos seus propios medios e sen recibir antes unha oferta dos servizos públicos de emprego. Nomeadamente, entre 2007 e 2013 déronse de baixa por atopar un traballo 1,6 millóns de persoas en Galicia e delas poucas máis de 80.000 recibiran unha oferta da oficina de emprego, isto é, o 5,24%.

Se a visión en perspectiva non deixa ben parados os servizos públicos de emprego unha baixada ao detalle dos primeiros meses do 2014 déixaos aínda peor. No que vai de ano o paro rexistrado tivo un comportamento relativamente mellor que nos últimos exercicios e isto derivou en que, ata finais de maio, algo máis de 100.000 persoas tivesen que dar de baixa a súa demanda de emprego porque atoparon un posto de traballo. Foron, concretamente, 101.764 colocacións das que 100.053 se produciron sen intervención ningunha da oficina de emprego e só 1.711 coa súa oferta. Isto quere dicir, polo tanto, que apenas o 2% das colocacións tiveron algo que ver co SEPE.

O desánimo que non cesa

A outra cara da moeda das baixas por contratación son as que se producen porque os demandantes do emprego, xeralmente persoas que xa non reciben ningún tipo de prestación, deciden non renovar a súa inscrición no SEPE cando corresponde. O coñecido como efecto desánimo, intimamente ligado coa inutilidade práctica das autoridades laborais para facilitar a busca de traballo, non deixou de se incrementar dende o inicio da crise e só deu un leve respiro nesta primavera, na que factores como as vacacións de Semana Santa e a súa contorna motivaron un significativo incremento da contratación temporal. Así, no que vai de ano das 198.892 persoas que se deron de baixa nas oficinas de emprego galegas as devanditas 101.764 fixérono porque atoparon traballo e 97.128, porque non renovaron a súa demanda ou por "outras causas", caso por exemplo de quen remata un ERE ou de quen non acude a un curso convocado polo servizo público de emprego.

Esta lixeira mingua do efecto desánimo nos primeiros meses de 2014 contrasta co panorama que ofrecen as estatísticas olladas en perspectiva, dende o ano 2007. No remate daquel exercicio déranse de baixa nas oficinas de emprego máis de 389.000 persoas e un número moi significativo delas, máis de 243.000, fixérano porque atoparan un traballo. Mentres as baixas por colocación seguiron, con lixeiras baixadas, unha liña máis ou menos estable neste tempo, as inscricións que desapareceron por non renovación ou por outras causas non deixaron de incrementarse, cunha suba do 66% ata finais de 2013, cando chegaron a ser case 243.000, poucas menos que as que se produciron por colocación nese mesmo ano.

Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.