A xestión de residuos é un gran negocio. Non só o seu tratamento, como adoitan lembrar por exemplo as voces críticas con Sogama, senón tamén a súa recollida. E como tal negocio, en España o sector está dominado por algunhas das meirandes empresas, sobre todo do sector da construción. FCC é a primeira empresa español dedicada á xestión da recollida de lixo, seguida por ACS (a través de Urbaser) e Ferrovial (a través de Cespa). Tan só a concesión do servizo de limpieza en Madrid durante un periodo de oito anos, adxudicada o pasado ano, roldou os 2.000 millóns de euros.
FCC é a primeira empresa español dedicada á xestión da recollida de lixo, seguida por ACS (a través de Urbaser) e Ferrovial (a través de Cespa)
Son frecuentes os conflitos laborais no sector. Nos últimos anos, no marco da crise, as empresas buscaron asegurar os seus beneficio conxelando soldos e mesmo renegociando á baixa os convenios, convencidas da debilidade das posicións dos traballadores e traballadoras provocada polas enormes bolsas de desempregados e desempregadas. En boa parte dos casos estes conflitos laborais acabaron en folgas, máis curtas ou máis longas, pero sempre moi visibles para a cidadanía, unha vez que o lixo se comezaba a amorear nas rúas. Amparadas polos perigos sanitarios destas situacións, en moitas ocasións os Concellos contribuíron a debilitar as posicións dos folguistas contratando os servizos dalgunha empresa (por exemplo a pública Tragsa) para recoller unha parte dos residuos.
Tensión crecente en Lugo
Persoal de Urbaser, sindicatos e partidos concentráronse este martes ante o Concello de Lugo para apoiar os empregados en folga e pedir a municipalización do servizo de recollida de residuos
A folga de recollida do lixo en Lugo chega xa aos sete días de duración. Neste tempo a tensión foi crecendo, tanto pola negativa da empresa a manter o actual convenio en vigor, os servizos mínimos do 100% fixados polo Gobrno municipal, a coincidencia do paro coa moi masiva celebración do Arde Lucus, a contratación de Tragsa por parte do Concello e mesmo por un suposto atropelo dunha sindicalista por parte do delegado da empresa concesionaria, Urbaser. Araceli Núñez, secretaria da Federación de Servizos de UGT, sinalou estar “como un cromo, con moitas dores”. “Aínda non saín de casa. O médico de urxencias recomendoume repouso e levo colariño”, engadiu. Pola súa banda, o delegado de Urbaser, Juan Ángel Moreno, afirma que a sindicalista simulou o atropelo. A Policía remitiralle ao xulgado a gravación das cámaras de tráfico, que recollen o incidente.
Cando unha folga chega a esta duración o apoio cidadán é fundamental. Traballadores de Urbaser e representantes sindicais, de partidos políticos (BNG, Esquerda Unida, Anova, Podemos e CxG) e de entidades sociais concentráronse na mañá deste martes ante o Concello de Lugo para apoiar os traballadores en folga e pedir a municipalización do servizo de recollida de residuos. De feito, en varios países europeos, sobre todo Alemaña, Francia e Reino Unido, os concellos comezaron nos últimos anos un proceso de remunicipalización”, como destaca un informe da Unidade de Investigación Internacional de Servizos Públicos da Universidad de Greenwhich. Ademais, os sindicatos están a organizar para este xoves unha manifestación de apoio aos traballadores de Urbaser "e como repulsa á actitude que están a manter a empresa e o propio Concello" que sairá ás 20 horas do edificio sindical emprazado na Ronda da Muralla en Lugo.
Os sindicatos denuncian que o Concello decretou a declaración de emerxencia sen o aval da inspección sanitaria e salientan que Tragsa recolleu “de xeito aleatorio” en distintos puntos da cidade
O comité de empresa de Urbaser presentou este luns unha denuncia ante a Fiscalía contra o Concello de Lugo, a empresa Tragsa, a dirección de Urbaser, o servizo municipal de bombeiros e a Policía Local de Lugo, por vulneración do dereito de folga. Na denuncia sinalan que o Concello decretou a declaración de emerxencia sen o aval da inspección sanitaria e salientan que Tragsa recolleu “de xeito aleatorio” en distintos puntos da cidade, deixando sen recoller, pola contra, algúns dos puntos que figuraban no informe da inspección sanitaria. Tamén sinalan que as autoridades municipais permitiron que vehículos privados retirasen lixo da cidade de Lugo, incumprindo a normativa de residuos sólidos urbanos, para levalo a concellos limítrofes, algo que tamén foi denunciado polos alcaldes de Rábade e de Outeiro de Rei.
A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo revelou a este respecto que o Concello habilitara 15 puntos na cidade para que os hoteleiros depositasen alí os seus residuos e os recolla a empresa Tragsa, puntos que variarían cada día. Pola contra, o Concello negou estas afirmacións e defende que a empresa pública só está recollendo o lixo daqueles lugares sinalados como de alerta sanitaria. O alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, que na concentración deste martes foi cualificado de "esquirol" polos representantes dos traballadores, ameazou con rescindir o contrato con Urbaser se non hai acordo, aínda que recoñeceu que "é moi fácil dicilo e moi difícil levalo a cabo". O rexedor prometeu, así mesmo, que o Concello só lle pagará a Tragsa o que se lle deixe de pagar a Urbaser por estes días de folga.
Campo de batalla laboral
O conflito de Albada, na Coruña, chegou a estenderse por toda Galicia, con dous paros xerais do sector da limpeza e da recollida de lixo
A de Lugo vai camiño de converterse nunha das folgas máis importantes na recollida do lixo nos últimos anos en Galicia. Pero houbo moitas, e algunhas acadaron duracións e niveis de intensidade moi importantes. A máis recente foi a vivida o pasado outono na Coruña. O persoal de Albada, a planta de tratamento de residuos da cidade (xestionada polas multinacionais Babcock, Kommunalmbh e Tecmed, filial de Urbaser), permaneceu 108 días en folga, apoiado en certos momentos polos paros dos traballadores encargados da recollida. Protestaban contra a ameaza dun recorte do 25% nos salarios e o despedimento de once traballadores. Este conflito chegou a estenderse por toda Galicia, con dous paros xerais do sector da limpeza e da recollida de lixo. Os empregados e empregadas de Albada acadaron parte dos seus obxectivos: un convenio máis favorable e a readmisión do persoal que fora despedido.
Tres anos antes, en Compostela, o persoal de Urbaser permaneceu 13 días en folga, acadando unha suba salarial anual do 0,8%, un sábado máis libre ao mes, e a readmisión de tres persoas que foran despedidas. Tamén neste caso a actuación de Tragsa, contratada polo Concello, foi moi criticada. A súa intervención, recollendo boa parte das 720 toneladas de residuos acumuladas, forzou a decisión de abandonar o paro por parte dos traballadores, aínda que só despois de acadar boa parte dos obxectivos da folga.
En Padrón a folga chegou aos tres meses de duración en 2011, o que foi destacado como un exemplo de "unión, resistencia e loita"
Vigo (en 2013), Ourense (en 2010) e Ferrol (en 2008), tamén viviron folgas de recollida do lixo, pero nos tres casos a súa duración foi moi curta, de entre n e tres días, tras os cales traballadores e empresas acadaron un acordo. Foi máis longa a loita, no entanto, nalgunhas vilas de tamaño máis pequeno. O persoal de Urbaser en Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa mantivo unha folga de 25 días en 2010, acadando unha importante suba salarial, a mesma duración á que chegou o paro en Vilalba o pasado ano. En Padrón a folga chegou aos tres meses de duración en 2011, o que foi destacado como un exemplo de "unión, resistencia e loita".