Así é a enxeñaría contable da Xunta

Reunión do Consello da Xunta © Ana Varela

No outono de 2012, pouco antes das eleccións autonómicas, a saída á luz do que daquela era o bosquexo dun informe do Consello de Contas revolucionou a precampaña. O diario El País revelaba que o organismo fiscalizador galego detectara o "desprazamento irregular" ao exercicio económico de 2011 "de 411 millóns en facturas" correspondentes ao ano 2010 para así cadrar as contas públicas. A oposición lanzouse en tromba contra o Executivo e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que desdeñou a información para, xa despois dos comicios, admitir outro desprazamento, entre 2009 e 2010, e restarlle importancia porque "sempre os hai". Case dous anos despois daquela polémica o Tribunal de Cuentas ratifica e acrecenta o diagnóstico destas e outras prácticas de enxeñaría contable na Facenda autonómica.

Mentres os peches anticipados de exercicio económico seguen a ser unha práctica habitual -en 2012 deixáronse de pagar novas facturas o 7 de novembro e en 2013, o 4 do mesmo mes- o Tribunal vén de analizar as contas públicas autonómicas de 2010 e 2011, os dous primeiros orzamentos de Feijóo. Nesa fiscalización Cuentas explica que o "saldo negativo" do orzamento de 2010 "debe aumentarse como consecuencia do desprazamento temporal de obrigas" por, cando menos, 5,5 millóns de euros. "Ademais -describe- imputáronse ao exercicio 2011 obrigas de exercicios anteriores non recoñecidas formalmente" por 111,3 millóns. Estas cantidades, así e todo, poderían variar, xa que "as carencias de control interno e no seguimento e validación do gasto desprazado non facilitan a cuantificación fiable do mesmo", advirte o informe.

O Tribunal detecta un desprazamento de obrigas de 2010 a 2011 por importe de 111 millóns de euros

Estes movementos contables afectan, entre outros aspectos, ao "saldo do remanente de tesouraría", isto é, aos cartos que lle quedan dispoñibles á Xunta ao final do exercicio económico. No caso de 2010 este saldo "vese condicionado" porque a Xunta "non aplica o gasto non contabilizado e desprazado a outros exercicios" e tamén por outros factores como a non inclusión dos "saldos de numerosas contas correntes tanto por fondos en firme como como a xustificar". Os valores tamén poden estar alterados por existir unha dotación "insuficiente" -18.290 millóns- para cubrir débedas "de dubidosos cobro", un aspecto que, lembra o informe, xa foi "cuestionado polo Consello de Contas". En todo caso, o saldo da tesourería "non puido ser verificado" xa que non está "sustentado polas correspondentes certificacións bancarias e as oportunas conciliacións".

A fiscalización dubida das cifras da tesouraría e ve "sobrevalorado" o orzamento en 786 millóns por incluír cartos dos concellos

Todo isto sucede nun contexto no que, sempre segundo o Tribunal de Cuentas, "o orzamento e a súa liquidación de ingresos e gastos se atopan sobrevalorados en, cando menos" 786,8 millóns de euros. Estes cartos, di, foron "incluídos indebidamente nos orzamentos" porque son fondos das corporacións locais -concellos e deputacións- "pola súa participación nos ingresos do Estado", uns cartos nos que a Xunta é unha mera intermediaria financeira, explica o Tribunal.

Modificacións de crédito reiteradas e sen financiamento

Entre as prácticas contables da Xunta reprochadas polo Tribunal de Cuentas figura tamén o uso xeralizado das modificacións de crédito, tanto en 2010 como en 2011 por importes de 884 e 1.101 millóns de euros, respectivamente, que se engadiron os Orzamentos. "Destas modificacións -di a fiscalización- destaca a inexistencia de xustificación para a non utilización do crédito no exercicio de orixe, o que supón unha prolongación da vixencia temporal do orzamento e unha creba do principio orzamentario de anualidade". Dado que en 2010 o devandito remanente de tesouraría "é negativo", Cuentas considera "cuestionable" que existisen cartos dabondo "para a totalidade de incorporacións de crédito".

Cuentas ve "cuestionable" que houbese cartos dabondo para todas as modificacións de crédito, de cuxa "xustificación" dubida

Aínda que a ampliación de crédito é unha figura contable á que se lle esixe unha "condición de imprevisibilidade", a Xunta utilízaas sen que haxa imprevisto ningún e, ademais, sen ter "financiamento no momento da súa tramitación". "Vén sendo práctica habitual que algúns expedientes de xeración de crédito se financien con cargo a compromisos de ingresos que non se rexistran como dereitos recoñecidos, o que dificulta o control da asignación dos mesmos a outros gastos orzamentarios".

Feijóo conversa coa conselleira de Facenda nun Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.