Galicia perde o tren da converxencia coa UE mentres os soldos seguen a caer

Soldo medio anual en Galicia CC-BY-SA Fonte: INE

A converxencia coa Unión Europea en niveis de renda foi, xunto ao consabido "plus de resistencia", un dos argumentos máis reiterados dende instancias oficiais e partidarias. "A economía galega viviu un importante proceso de converxencia coa UE", reiteraba aínda a Xunta en 2010, ano no que o país xa iniciara o afastamento a respecto da Unión nun dos indicadores que mellor retratan a marcha da economía da cidadanía: a renda per cápita. Os datos de Eurostat, o organismo estatístico comunitario, revelan que dende o ano 2009 esta cifra está a decaer e, malia á recente incorporación de Estados con evidentes dificultades, a renda individual do país está uns 3.200 euros por baixo da media continental.

Dende 2000 a renda per cápita galega foise achegando ano a ano á dos socios europeos, gañando máis de dez puntos en apenas media década e chegando ao 91% en 2007. Este indicador, que Eurostat corrixe para eliminar efectos que o poderían distorsionar como a diferenza de prezos entre territorios, chegou ao seu cumio en 2008 e 2009, cando se situou no 92%. Dende ese exercicio económico comezou a baixar ao 90% en 2010 e ao 87% en 2011, último dato dispoñible na oficina estatística europea.

Eurostat revela que a renda galega per cápita deixou de achegarse á da UE en 2009

A perda do tren da converxencia europea está ligado, entre outros factores, á caída dos salarios. Mentres dende os gobernos central e galego se proclama a saída da crise e mesmo o incremento moderado das remuneración do persoal asalariado o certo é que os datos indican todo o contrario. Os datos recompilados polo Instituto Galego de Estatística acreditan que os soldos levan caendo no país dende 2007, ano no que medraban por riba de España e da UE. Entre 2007 e 2009 os salarios comezaron a medrar menos interanualmente e, de 2009 en diante, a caída agudizouse ata que, en 2010, xa eran recortados en Galicia máis que no resto do Estado e que na media da Unión, onde veñen medrando nos últimos tres exercicios.

Os datos do estudo de salarios do IGE complétanse, nun sentido semellante, pola información relativa aos soldos publicada polo INE este mesmo mércores, neste caso provenientes da enquisa de estrutura salarial. Este estudo revela que as persoas asalariadas do país perderon, de media, máis dun 4% do seu soldo anual entre 2010 e 2012, ano no que o salario medio quedou en pouco máis de 19.300 euros. Estes números, non obstante, son aínda peores se o sector da poboación cara ao que se olla son as mulleres, que nin sequera nos anos da considerada bonanza económica conseguiron chegar a estes valores.

As traballadoras galegas cobran 5.300 euros menos que os homes

No ano 2010, cando a media dos salarios galegos estaba por riba dos 20.200 euros os homes superaban os 22.600 e as mulleres non chegaban aos 17.700. Un ano despois, en 2011, os soldos xa comezaran a caer e a poboación masculina baixaba aos 22.300 euros por ano e as mulleres, aos 17.200. O último dato dispoñible, o de 2012, indica que os traballadores cobran en Galicia unha media de 22.059 euros ao ano e as traballadoras, 5.332 euros menos.

Traballadoras do sector conserveiro CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.