Galicia sufriu máis de 12 mil desafiuzamentos dende 2008

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

O Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicos este luns os datos de execucións hipotecarias correspondentes ao primeiro trimestre, cun total de 444 en Galicia, 332 sobre vivendas de persoas físicas. As execucións hipotecarias, primeiro paso nos procesos de desafiuzamento, acadaron unha cifra total de 9.464 no conxunto de España entre xaneiro e marzo, un dato un 19,1% superior ao do trimestre anterior, pero un 4,2% inferior ao do mesmo periodo do ano 2013.

O drama dos lanzamentos continúa, sumando cada día máis e máis persoas afectadas. Máis de doce mil familias galegas foron expulsadas das súas casas dende o inicio da crise, nunhas cifras que dende o 2008 superan os mil despexos cada ano, acadando un máximo no ano 2012, cando se rexistraron máis de 3.511 desafiuzamentos na comunidade autónoma.

Xa en 2008, cando os desafiuzamentos non eran considerados noticia e nunca ou case nunca chegaban ás páxinas dos medios de comunicación, o número de despexos en Galicia foi superior a mil, unha cifra que un ano máis tarde se elevaba xa a 1.200. En 2010 o número creceu até os 1.887, unha cifra que se mantivo estable no ano seguinte, no que se situou nos 1.885. Todas estas cifras, ademais, non incluían as expulsións determinadas polos xulgados de primeira instancia, que si se comezaron a incorporar ás estadísticas a partir do ano 2012. Neste ano 2012 a cifra de despexos en toda Galicia practicamente se duplicou (3.511), e superou os cen mil no conxunto de España. 2013 foi o primeiro ano no que o número de desafiuzamentos descendeu, aínda que acadou a cifra de 2.404, case sete por día.

En conxunto, máis de 12 mil familias galegas sen vivenda.  E todo a pesar de que o número total de vivendas baleiras en toda Galicia se sitúan nas 300 mil

En conxunto, máis de 12 mil familias galegas sen vivenda.  E todo a pesar de que o número total de vivendas baleiras en toda Galicia se sitúan nas 300 mil (299.396, segundo os datos do INE correspondentes a 2011). 120.069 están na Coruña, 78.152 en Pontevedra, 55.936 en Ourense e 45.239 en Lugo. E en total representan case o 30% do total de inmobles principais existentes en Galicia (1.059.233); a proporción é aínda maior en Ourense (40,7%) e Lugo (33,3%) e supera en moito á proporción de vivendas baleiras en toda España (ao redor do 20% do total). Desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa. É dicir, máis de un de cada tres inmobles baleiros de Galicia son novos ou case novos.

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.