O TSXG obriga os funcionarios do Concello de Pontevedra a devolver a paga extra de 2012

Casa Consistorial de Pontevedra © Concello de Pontevedra

En outubro de 2012 o Goberno municipal de BNG e PSOE, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, aprobou a achega dun plus de produtividade para os traballadores e traballadoras da administración local, como compensación pola supresión da paga extra de Nadal, xustificado coa realización de horas extraordinarias entre os días 15 e 30 de outubro. O pleno municipal aprobou unha modificación orzamentaria de 1,3 millóns de euros para este fin. De inmediato, a Delegación do Goberno en Galicia anunciou a presentación dun recurso xudicial contra esta decisión.

A Sala do Contencioso Administrativo do TSXG entende que se produciu unha "desviación de poder", por utilizar o complemento de produtividade para compensar a perda da paga extra

Este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo pública unha sentenza que anula esta paga de produtividade, e en consecuencia obriga a 307 dos funcionarios e persoal laboral a reintegrar ás arcas municipais os 400.000 euros cobrados en conxunto. A Sala do Contencioso Administrativo do TSXG entende que se produciu unha "desviación de poder", por utilizar o complemento de produtividade para compensar a perda da paga extra. O Tribunal cualifica a decisión de "artificiosa e sospeitosa" e afirma que "conculca o principio de igualdade dos cidadáns ante a lei". O fallo explica que se produciu un "desproporcionado" aumento do número de traballadores que recibiron o complemento (15 en 2011, 441 en 2012).

César Mosquera (BNG), tenente de alcalde de Pontevedra, enmarcou o fallo na liña de "usar o aparato represivo do Estado contra todo aquel que discrepe ou se mova fronte ás medidas de recortes que se están adoptando". Criticou, así mesmo, que "o Estado só levou a Pontevedra ante os tribunais cando houbo bastantes máis concellos" que aprobaron solucións similares para compensar a perda desta paga extra por parte dos funcionarios municipais".

César Mosquera (BNG), tenente de alcalde de Pontevedra, enmarcou o fallo na liña de "usar o aparato represivo do Estado contra todo aquel que discrepe ou se mova fronte ás medidas de recortes que se están adoptando"

Mosquera anunciou que, en calquera caso, o goberno municipal acatará a sentenza, pero adiantou que "non é de fácil aplicación", xa que el fallo non anula o expediente no que se certifica que o persoal do Concello ten dereito a cobrar as 16 horas extra que realizou. Os afectados serían, segundo explicou Mosquera, todos os traballadores do equipo municipal, agás os da Policía Local, Bombeiros e os organismos autónomos. A sentenza é firme, pero os servizos xurídicos do Concello analizarán se hai algunha posibilidade de recorrela, por exemplo a través da presentación dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Casa Consistorial de Pontevedra © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.