AGE e BNG alertan dos efectos do tratado de libre comercio UE-EE.UU.

Os grupos de esquerda alertan da perda de dereitos de impliararía a aplicación do TTIP © http://economia-ciudadana.blogspot.com/

AGE e BNG alertaron este venres dos graves efectos negativos que pode provocar o Tratado de Libre Comercio e Investimento entre Estados Unidos e a Unión Europea (TTIP), que esta semana entrou na súa sexta rolda de negociacións en Bruxelas. As dúas formacións advirten de que o tratado, que ten como obxectivo liberalizar unha ampla gama de sectores económicos para facilitar a compravenda de bens e servizos, provocará "máis pobreza, máis exclusión social, e profundizará na ola de liberalización e privatización”, en palabras de Lidia Senra e facilitará que as "multinacionais pasen por riba dos dereitos dos consumidores", segundo Ana Miranda.

AGE esixe a través dunha proposición non de lei que a Xunta se posicione contra o TTIP

AGE esixe a través dunha proposición non de lei que a Xunta se posicione contra o TTIP, demande a suspensión das negociacións e "apoie as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles”. De igual xeito, o BNG vai promover a constitución dunha Plataforma Galega contra o TTIP e prepara un informe sobre as consecuencias económicas da aplicación do tratado en Galicia.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres no Parlamento o deputado Antón Sánchez e a eurodeputada Lidia Senra, acompañados do coordinador de Anova Martiño Noriega, o responsable de organización de Esquerda Unida Rubén Pérez, e de María Xesús Boo, de Espazo Ecosocialista, sinalaron que “estamos diante dunha batalla entre as grandes corporacións e a democracia, e nós estamos da banda da democracia”.

Senra, que advertiu de que o acordo “introducirá mecanismos que dificultarán dar marcha atrás se un día chegan gobernos de esquerda ao poder”, solicitoulle na Eurocámara explicacións ao comisario de Agricultura e reclamou a paralización dunhas negociacións iniciadas en secreto en 2011. Pola súa banda, Rubén Pérez, cualificou de "moi preocupante" o "secretismo co que conducen este asunto, e a declaración de que o acceso á información será clausurado durante 30 anos”. Finalmente, Martiño Noriega anunciou mocións ao respecto nos concellos en que Anova conta con representación.

O BNG vai promover a constitución dunha Plataforma Galega contra o TTIP

Pola súa banda, a portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda cualificou o tratado de “atentado contra a soberanía alimentaria" que "permitirá que as multinacionais campen con total liberdade, provocando consecuencias moi graves de rebaixa dos estándares europeos de saúde, medio ambiente e dereitos de consumidores”. “Desde o BNG queremos que a cidadanía saiba as graves repercusión deste macrotratado comercial que se resume basicamente nunha: os intereses das multinacionais pasan por riba da soberanía dos pobos  e  dos dereitos dos consumidores", engadiu.

Ademais da proposta de constitución dunha plataforma, e da redacción do devandito informe, o Bloque impulsará un manifesto para sumarse á Iniciativa Cidadán Europea presentada esta semana, que ten como fin xuntar un millón de sinaturas en toda Europa para presionar ao Consello de Ministros da Unión Europea  a anular o mandato de negociación do acordo TTIP.

Os grupos de esquerda alertan da perda de dereitos de impliararía a aplicación do TTIP © http://economia-ciudadana.blogspot.com/
Protesta contra o TTIP Dominio Público Attac
Boo, Sánchez, Senra, Noriega e Pérez, na rlda de prensa deste venres Dominio Público AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.