O Foro Económico de Galicia fixo público este mércores un novo informe, titulado Galicia: bases para unha estratexia marca-país e liñas de traballo para a súa acción exterior. O documento, foi presentado por Fernando González Laxe e José Luis Gómez, autores do informe, e por Santiago Lago, docente da Universidade de Vigo e director do Foro Económico de Galicia.
O texto propón as bases para a creación dunha estratexia de marca-país para Galicia e dunha liña de traballo para a acción exterior. Para isto, recomenda un desenvolvemento normativo que contemple os acordos en acción exterior e na que se defina o marco, os instrumentos, os mecanismos de coordinación e os propios obxectivos desta acción exterior. O documento tamén recomenda que debe incorporarse a toda a sociedade ao marco estratéxico que se defina e tamén propón a creación dunha secretaría ou consellaría de asuntos internacionais que centralice todas as accións exteriores.
Estas liñas estratéxicas, sinalan, baséanse en incorporar todos os axentes institucionais e sectores económicos e "deben buscar o maior consenso parlamentario, político e social, e asumir sen reviravoltas unha Alianza por Galicia no campo exterior, definida como a capacidade para abordar simultaneamente actuacións no ámbito político, económico, cultural ou social, co respaldo pleno das diferentes forzas políticas".
Estas liñas estratéxicas "deben buscar o maior consenso parlamentario, político e social, e asumir sen reviravoltas unha Alianza por Galicia no campo exterior"
Destacan que Galicia, "ao estar dotada dunhas dinámicas propias en materia cultural, educativa, tecnolóxica, financeira e comercial, busca así mesmo preservar unha identidade diferenciadora por medio da súa propia capacidade de decisión". Neste senso, proponse coordinar internamente a acción exterior dentro do goberno de Galicia; promover, impulsar e protexer os intereses de Galicia alén das fronteiras en cooperación co goberno do Estado e co resto das comunidades autónomas; participar directa e indirectamente naqueles organismos e institucións en que se diluciden os intereses de Galicia; potenciar a presenza económica e comercial no exterior; fomentar a cooperación internacional; introducir medidas para a promoción cultural e social, e estimular a internacionalización do tecido produtivo, do sistema educativo e da investigación, ben dunha maneira directa ou a través da colaboración con outros axentes.
O informe conclúe que "Galicia debe comezar por sinalar claramente cal é o lugar que se quere ocupar no mundo, e en nome de que valores, e coa mirada posta en obxectivos igualmente claros e avaliables"
O documento salienta, igualmente, que "cando falamos de Marca-País, non todo debe ser economía", pois "a cultura vai, de feito, na locomotora do tren de valores intanxibles que configuran e determinan a reputación e imaxe de marca dun país a través de múltiples aspectos". O informe conclúe que "Galicia debe comezar por sinalar claramente cal é o lugar que se quere ocupar no mundo, e en nome de que valores, e coa mirada posta en obxectivos igualmente claros e avaliables. Trátase, pois, da asunción do dereito de ser (quen somos) e estar (que queremos)". Desta maneira, engade, "a nosa afirmación de galeguidade non será unha cuestión única dos galegos (como parapeto defensivo fronte á homoxeneización, que ademais sería loxicamente insuficiente para contela) senón que incorporará unha formulación gañadora que lle permita a Galicia abrirse paso nunha sociedade global, interdependente e integradora".