A metade dos parados galegos levan máis de ano e medio sen traballo

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Galicia conta con 284.300 parados, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos esta semana. Tan só os empregos temporais pola campaña de verán fixeron mellorar un chisco uns datos cada vez peores para un país que perde a cada estatística o seu diferencial positivo co Estado. A comunidade tivo no segundo trimestre 12.600 parados menos ca no anterior e ten agora 6.000 desempregados menos que hai un ano, pero o seu precario ritmo desta hipotética recuperación é menor ao que se dá no conxunto de España.

Os últimos datos da EPA indican que en Galicia hai máis parados de longa duración que hai un ano

Cunha taxa de paro do 22,3%, o que tampouco mellora no último ano é o tempo que os galegos pasan en situación de desemprego. Hai máis parados de longa duración e hai máis xente que leva dous ou máis anos esperando atopar un traballo. Segundo os datos da EPA debullados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a taxa de desemprego de longa duración en Galicia pasou do 11,3% ao 12% nos últimos doce meses.

Case 120.000 persoas no país levan dous anos ou máis en situación de desemprego

No país hai 153.000 persoas en situación de desemprego de longa duración ou, o que é o mesmo, levan un ano ou máis sen traballar. É un número que supera en case 7.000 persoas ás que se atopaban nesta mesma situación hai un ano. Ademais,  118.100 persoas levan dous ou máis anos en paro, case 16.000 máis que doce meses antes, cando a cifra se situaba nos 102.300.

De situármonos na media, en Galicia hai 144.600 persoas que levan máis de ano e medio en paro, máis da metade do total de desempregados que hai no país. Case 145.000 persoas que acumulan 18 meses sen atopar traballo.

Ademais, do total de galegos que se atopan en situación de paro de longa duración (un ano ou máis), son 136.400 os que perderon o seu emprego e están na procura doutro. Xa que logo, tan só 16.600 dese total están na busca do seu primeiro traballo.

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.