Outro golpe ao naval: Bruxelas rexeita o dique flotante

A acción 'Carga de dignidade', ante os guindastres de Navantia © Susete

Outro golpe ao naval. Outro golpe a Ferrol. E outro golpe a Galicia. A Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea vén de responder negativamente á consulta realizada polo Estado español sobre a construción dun dique flotante na ría ferrolá en Navantia para a reparación de grandes barcos como gaseiros. Outra promesa do PP para a comarca que non será tal.

A Comisión insiste varias veces na posibilidade de incorrer en axudas estatais ou financiamento privilexiado

Segundo adiantou Europa Press, a resposta da Comisión insiste varias veces na posibilidade de incorrer en axudas estatais ou en financiamento privilexiado no caso de que se permitise a construción, o que iría en contra do dereito comunitario. Para a Dirección Xeral da Competencia, "non se pode excluír con certeza a presenza de axuda estatal" no proxecto. "Non parece que a intervención de investidores privados permita considerar a operación como pari passu (en igualdade de condicións) e excluír deste xeito a presenza de axuda estatal", recorda. 

A Dirección Xeral de Competencia advirte xa de que a operación non parece factible sen a presenza "dun significativo apoio público, preferentemente baixo a modalidade de financiamento privilexiado". "Semella pois que a construción do dique flotante non é posible unicamente mediante fondos privados (o que excluiría automaticamente a presenza de axuda estatal) e que o financiamento público podería concederse a condicións non de mercado (financiamento privilexiado)", engade.

Competencia di que aínda que o dique flotante fose para autoconsuo de Navantia "non excluiría a presenza de axuda estatal"

A Comisión incide en que "non pode excluírse en ningún caso que o beneficiario da axuda -directo ou último- sexa Navantia" e aclara que o feito de que o dique flotante fose construído para autoconsumo de Navantia ou para fases internas de produción "non excluiría necesariamente a presenza de axuda estatal".

Navantia tiña a intención de contar con instalacións con suficiente capacidade para a reparación de buques de última xeración, especialmente gaseiros, co obxecto de converterse en oferente dos devanditos servizos de reparación. "Na medida en que a construción do dique realizarase (parcialmente) con fondos públicos, non podería excluírse -como pretenden as autoridades españolas- que a devandita contribución pública recaese dentro do ámbito do artigo 107 do TFUE", di a resposta que volve supor un duro golpe para un naval ferrolán xa duramente golpeado.

A negativa noticia chega despois de que durante meses a oposición censurase a actitude do Goberno do PP ao tardar en realizar unha consulta formal á UE, tal e como desvelara o comisario Joaquín Almunia. Ademais, foron múltiples as ocasións nas que o PPdeG e mesmo a Xunta prometeron a construción do dique flotante en Ferrol e mesmo o presidente de Navantia asegurara que Bruxelas "non era a escusa" e que, simplemente, o dique "non era viable".

O comité de empresa de Navantia atribúe o rexeitamento de Bruxelas á falta de "seriedade" da petición do Estado e cre que a decisión "é un pau" para o futuro dos traballadores e do sector naval. O representante dos operarios cre que a actitude da Xunta e do Goberno central nunca foi de "exixencia seria". A empresa, pola súa banda, ve "difícil" poder levar a cabo o dique flotante sen contar coas axudas públicas das que advrite a UE.

 

"Nova agresión a Galiza"

O BNG non tardou en responder ao anuncio da Comisión e lamenta a resposta de Bruxelas, que cualifica de “nova agresión” a Galiza da UE ao impedir que a ría de Ferrol "conte cunhas instalacións fundamentais para o futuro da comarca e desenvolvemento económico do país".

O Bloque cre que o anuncio de Bruxelas representa "outro duro golpe" para o sector naval galego, "para a deteriorada situación económica de Ferrol e para Galiza". A formación nacionalista lembra que defendeu un gran número de iniciativas nos parlamentos galego e español para que  a construción do dique flotante nos estaleiros de Ferrol fose unha realidade "pero unha vez máis, o sector naval galego recibe un duro golpe tras a negativa da Unión Europea que  agora se suma aos reiterados incumprimentos das promesas do PP sobre a  construción do dique".

Por outra banda, EU de Ferrol negou que o dique sexa "unha axuda estatal" e reclamou apoio orzamentario axiña por parte da Xunta e do Estado. A coalición lembra que a infraestrutura "non é produción en si mesma, senón unha ferramenta de traballo necesaria para adaptarse a circunstancias excepcionais, algo que permite o mencionado artigo 107 do TFUE".

Así, EU pide un rexeitamento unánime á resposta de Bruxelas e advirte da "intencikón clara de Montoro e Rajoy de deixar caer as gadoupas especuladoras das multinacionais sobre os terreos de Navantia, botando o feche á única industria que nos queda".

Pola súa banda, José Blanco, eurodeputado galego do PSOE, pediu explicacións ao Goberno central sobre as cartas e peticións enviadas á UE.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia
A acción 'Carga de dignidade', ante os guindastres de Navantia © Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.