A Asociación Galega Terra e Leite vén de facer público un novo documento no que lembra que a liberalización do mercado a partir do 31 de marzo de 2015 (fin do réxime de cotas) vai orixinar importantes incrementos de produción nos principais países produtores da UE, nos que a industria xa está adaptando as súas estruturas de transformación para darlle saída ao leite cara ao mercado mundial, con produtos lácteos cun amplo período de conservación, como son o leite en po e o queixo.
No texto sinala igualmente que arredor do 28% do leite que se produce en Galicia é comprado por empresas ou cooperativas non transformadoras, é dicir, empresas que compran leite que despois revenden a distintas industrias
De feito, salienta que dos 5.500 millóns de euros investidos pola industria láctea europea nos dous últimos anos, case a metade (o 48,5%) son investimentos destinados á produción de leite en po para darlle saída nos mercados internacionais. Pola contra, o investimento da industria láctea española representa un 3,5% do total europeo, mentres que en Galicia non se investiu nada nese período. Ademais, ningún dos investimentos realizados en España están orientados á produción de leite en po. Subliña, así mesmo, que non só as empresas da UE están investindo en Europa, senón tamén empresas chinesas e de Nova Zelandia, "o que amosa a importancia da UE para abastecer de leite ao mundo", destacan. A maioría deses novos proxectos están dirixidos cara á área de produción de leite en po (48,5%) e de queixos (18,4%).
No texto sinala igualmente que arredor do 28% do leite que se produce en Galicia é comprado por empresas ou cooperativas non transformadoras, é dicir, empresas que compran leite que despois revenden a distintas industrias situadas, principalmente, en territorio español. Por este motivo destaca a necesidade de Galicia de contar con grandes proxectos industriais que transformen leite para viaxar a outros países e que garantan a recollida aos gandeiros.
Subliña que á vista do que está acontecendo noutros países produtores da UE "parece necesario que tanto en Galicia como en España, se comecen a tomar decisións que contribúan a mellorar a posición competitiva do noso sector leiteiro, do contrario, a nosa falta de previsión na conquista dos mercados internacionais, impediranos aproveitar as novas oportunidades que o sector lácteo ofrecerá a nivel global, ao tempo que non se poderá garantir a recollida de leite nun país cuxo consumo, aínda que moi superior á súa produción, está estabilizado".
Terra e Leite aposta por "alianzas estratéxicas con grupos importantes no sector alimentario con intereses nos países destinatarios dos produtos a elaborar co leite producido en Galicia"
A asociación lembra que Galicia está entre as dez rexións europeas con maior produción de leite e afirma que por iso "resulta imprescindible planificar o futuro do sector lácteo galego en clave mundial se pretendemos seguir crecendo en produción nun mercado sen cotas". "Non podemos pensar que os problemas do sector lácteo galego se van resolver simplemente lexislando, en moitos casos establecendo normas que incumpre toda a cadea láctea", conclúe. Terra e Leite aposta por "alianzas estratéxicas con grupos importantes no sector alimentario con intereses nos países destinatarios dos produtos a elaborar co leite producido en Galicia, como se está facendo noutras rexións europeas grandes produtoras, como por exemplo na Bretaña, co caso da alianza entre a empresa chinesa Synutra e a francesa Sodiaal".
"Cremos que non se pode esperar", din, "os demais países levan anos preparando as súas estratexias"
"Cremos que non se pode esperar", din, "os demais países levan anos preparando as súas estratexias, polo tanto é imprescindible que as administracións e os axentes do sector aposten decididamente por proxectos deste tipo para poder afrontar os grandes retos que o sector lácteo galego ten por diante".