Fiare vén de anunciar a aprobación do seu primeiro proxecto financiado en Galicia. Trátase do Sindicato Labrego Galego, un dos colectivos que hai anos impulsou esta entidade de banca ética, e que hai uns meses recorreu a Fiare Galiza na procura de financiamento, en lugar de buscar un préstamo nunha entidade bancaria tradicional.
"Para poder decidir sobre os destinos dos nosos aforros o SLG apostou por Fiare, para aportar transparencia, a xustiza social, a través dun sistema financeiro de carácter non especulativo co pouso dos movementos sociais"
Na propia web de Fiare o sindicato agrario explica as razóns que o levaron a apostar por este novo concepto de finanzas, éticas e cooperativas: "No SLG somos conscientes de que o actual sistema bancario é discriminatorio para quen traballa ou produce, o piar de moitas desigualdades sociais e de agresións ao medio e en grande medida é tamén o causante da actual crise. Precisamente, para poder decidir sobre os destinos dos nosos aforros o SLG apostou por Fiare, para aportar transparencia, a xustiza social, a través dun sistema financeiro de carácter non especulativo co pouso dos movementos sociais".
Nesta entrevista as representantes do sindicato destacan a importancia das finanzas éticas para o desenvolvemento do rural galego: "Tendo en conta que o poder actual esta na especulación financeira, e imprescindible crear instrumentos financeiros non especulativos, produtivos e que a maiores teñan en conta a microeconomía polo que estamos a pasar a sociedade en xeral e nas explotacións en particular, no SLG pensamos que o futuro vai pasar necesariamente pola economía social. Cremos que Fiare encaixará neste modelo".
Un ano de intenso traballo
"No SLG pensamos que o futuro vai pasar necesariamente pola economía social. Cremos que Fiare encaixará neste modelo"
A partir de outono calquera persoa ou entidade poderá gardar os seus aforros nunha conta corrente ou nun depósito a prazo en Fiare. Fiare ofrecerá o meirande dos produtos que oferta a banca convencional: tamén poderán ter tarxeta para operar en caixeiros automáticos, domiciliar nóminas e recibos ou pedir créditos. As grandes diferenzas, agora mesmo, de Fiare Galiza con respecto á banca convencional serán que as xestións terán que facerse por un sistema de banca electrónica, pois Fiare non ten sucursais abertas no noso país; e a imposibilidade de poder facer ingresos en efectivo ao non dispoñer de oficinas para facelo. Está última limitación está en vías de solucionarse a medio prazo, xa que Fiare está a manter conversas con bancos para poder utilizar a súa rede de oficinas de cara a poder facer eses ingresos en efectivo.
A partir de outono calquera persoa ou entidade poderá gardar os seus aforros nunha conta corrente ou nun depósito a prazo en Fiare
Nos últimos meses as persoas socias de Fiare Galiza Norte e Fiare Galiza Sur viñeron participando activamente en diversas accións de difusión e formación arredor das finanzas éticas, ben a través de mesas informativas, ben como poñentes en mesas de debate e outros espazos compartidos, co obxectivo de dar a coñecer e impulsar que máis persoas e entidades se sumen á primeira cooperativa europea de banca ética, que iniciará a operativa bancaria a partires de setembro.