Desde a pasada semana, as familias con menos recursos poden solicitar na Xunta o tícket eléctrico social que lles permitirá rebaixar o custo da súa factura. Pero a medida é insuficiente, escasa e con moi poucos beneficiarios. Así o asegura o Colexio Oficial de Traballo Social (Cotsg), que cualifica de "irrisoria e con impacto limitado" esta nova axuda. Tal e como aclara, poderán acollerse a esta subvención correspondente aos primeiros seis meses de 2014 as familias con fillos menores ao seu cargo e cuns ingresos que non superen os 532 euros mensuais.
Á axuda enerxética só poderán acollerse familias con fillos menores e con ingresos que non superen os 532 euros mensuais
O Cotsg recibiu xa queixas de traballadores sociais de varios concellos e a súa presidenta, Marta Capeáns, cualifica de "moi cativa" unha axuda que, de media, suporá un aforro duns 45 euros por semestre -nove euros ao mes de media- e coa que se verían beneficiados, como máximo, pouco máis de 14.000 familias.
E ese número será o máximo posible, xa que, tal e como lembra o Cotsg, a documentación exixida, as trabas burocráticas e o feito de que só se poida presentar vía telemática "pon moi en dúbida o acceso fácil, rápido e directo a esta axuda". O Colexio lembra que moitas das persoas beneficiarias teñen dificultade de acceso a Internet e non posúen certificados dixitais polo que sería importante “habilitar outros procedementos máis accesibles”.
Son 14.000 o número máximo de familias que poderían acollerse a este tícket social que só se pode solicitar por internet
Ademais, os traballadores sociais cuantifican o montante total do tícket social eléctrico nuns poucos miles de euros, “o que é manifestamente insuficiente no contexto actual que estamos a vivir”. Capeáns entende que esta “non deixa de ser unha medida puramente publicitaria da Xunta de Galicia e que non se vai á raíz do problema”, sendo moitas das persoas beneficiarias “receptoras da Risga”.
Así, a máxima representante do Colexio solicita a Feijóo que se centre en "axilizar a tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social para adecuar o tempo aos prazos que marca a normativa vixente", xa que a Risga é un ingreso para persoas ou familias en situacións económicas límite, de extrema precariedade e “non parece razoable” que a tramitación e concesión tarde máis de nove meses nalgúns casos.
“Non deixa de ser unha medida puramente publicitaria da Xunta de Galicia, que non vai á raíz do problema”
Finalmente Marta Capeáns tamén lembrou que mentres algúns concellos, “como o de Valdoviño”, se dedican a eliminar prazas de traballadoras sociais, “con estes procedementos de solicitudes de axuda estase vivindo unha situación de saturación e con moita carga de traballo dos servizos sociais comunitarios”, polo que solicita á Administración, “a blindaxe dos mesmos”.