0 Gardados para despois

Os incumprimentos "máis alarmantes" do Plan Xeral de Normalización

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) cumpre dez anos desde a súa aprobación por unanimidade no Parlamento galego. Fará unha década o vindeiro domingo cuns resultados tan pésimos como pouco esperanzadores. As máis de catrocentas medidas para favoreder e normalizar o idioma propio do país pretendía ser un pulo fundamental para espallar e prestixiar o uso do galego. Pouco se avanzou. A volta do PP, da man de Núñez Feijóo, á Xunta en 2009 rachou de vez co escaso camiño avanzado. O que para a maioría era a base sobre a que asentar a recuperación do galego para o propio Goberno é só "unha referencia".

A Mesa pola Normalización Linguística vén de presentar un amplo informe no que avalía o nivel de cumprimento dos obxectivos e medidas do PXNL. O seu incumprimento "é escandaloso" segundo un colectivo que solicita á Xunta "retornar ao consenso de 2004, un compromiso explícito e efetivo do PXNL por parte do Goberno, a posta en marcha inmediata das medidas contempladas no Plan, así como a derrogación de todas as disposicións legais contrarias a el". Ademais, lémbranlle que o Executivo "ten a obriga" de aplicar as medidas ás que se comprometeu xunto ao propio PP hai dez anos.

O informe detalla os numerosos incumprimentos e os "máis alarmantes" das medidas acordadas no PXNL

No seu extenso informe, A Mesa avalía os principais obxectivos marcados no PXNL e repara nos "incumprimentos máis alarmantes das medidas acordadas", así como os retrocesos e mesmo algunhas das "evidentes actuacións contra o Plan" levadas a cabo polo Goberno de Nuñez Feijóo. As consecuencias desta inacción son evidentes, tal e como destaca o documento: retroceso sen precedentes no número de falantes, desaparición da lingua galega da educación Infantil das cidades, exclusión do galego en ámbitos claves da sociedade, vulneración de dereitos lingüísticos e cidadáns e inferioridade de condicións das persoas galegofalantes no seu propio territorio. Ademais, multiplícanse os usuarios de servizos aos que lle negan atención por se expresaren na súa lingua, hai falta de programas informáticos que garantan o dereito a recibir documentación en galego, imposibilidade de ver un filme en galego nunha sala comercial ou de ter a opción ao galego en productos audiovisuais... Son só exemplos.

Administracións

Facendo un repaso polos incumprimentos das medidas acordadas en diversos ámbitos, o resultado é claro -por nulo- e moi indicativo. Nas administracións, por exemplo, a Xunta de Feijóo eliminou en 2009 a exixencia de que nas probas para o acceso á función pública, "cando menos unha fose escrita en galego, garantindo así o coñecemento da nosa lingua". Do mesmo xeito, non se estableceron mecanismos que garantisen un aumento efectivo da presenza do galego nas entidades receptoras de axudas públicas e constatáronse numerosos incumprimentos na utilización da forma galega dos topónimos como única válida e oficial.

Feijóo eliminou a exixencia de galego nas probas para o acceso á función pública

Na administración local,  a privatización de servizos e/ou a súa subcontratación provocou que moitos se deixasen de prestar en galego, ademais de constatarse a non aplicación do PXNL no relativo ás exixencias de garantías ás empresas concesionarias en materia lingüística á cidadanía. Ademais, moitos servizos de normalización lingüística foron precarizados ou desmantelados.

Na Administración de Xustiza, os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián non existen en lingua galega malia estaren proporcionados pola Xunta. Nos tribunais, antes do inicio de calquera procedemento, "non se pregunta de oficio cal é a lingua habitual do cidadán para que esa sexa a lingua de toda a actuación, tanto oral coma documental", ao que se une a "evidente negativa" de gran parte dos membors do poder xudicial e da fiscalía a utilizar o galego que, ademais, "segue a non ser un requisito para exercer como xuíz, fiscal ou secretario xudicial".

Na Administración periférica do Estado, segundo denuncia A Mesa, "ignoráronse medidas como a de establecer como norma que todas as comunicacións da Administración central se fagan na lingua declarada como habitual". Ademais, seguen a existir "graves problemas" para dirixirse en galego a estas administracións estatais, ao igual que ocorre nas notaríans, onde as garantías para obter documentación na lingua propia "son mínimas".

Educación, familia e mocidade

No caso da educación, a familia e a mocidade, o Goberno do PP "non se limitou a incumprir o Plan, senón que mesmo lexislou para que sexa imposíbel cumprir os obxectivos que fixa, como 'alcanzar un uso maioritario do galego na docencia' ou 'fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa preescolar".

No ensino, a Xunta derrogou o decreto que introducía algunhas das medidas do PXNL e impuxo outro que relega o galego ao mínimo

Así, no ensino derrogouse o decreto 124/2007 que introducía algunhas das medidas contempladas no PXNL sobre o galego no ensino como a oferta de preescolar en galego , e como mínimo de 50% de ensino en galego para todos os ciclos educativos obrigatorios, así como ciclos formativos e Bacharelato. Co novo decreto do plurilingüismo, limitouse a un máximo o número de materias a impartir en galego, prohibindo expresamente a impartición en galego de matemáticas en Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía, e Física e química en Secundaria.

Ademais, aspectos centrais deste decreto, como consultar os pais a lingua ou a posibilidade de que a lingua na aula fose diferente á da materia, foron declaradas ilegais polo TSXG, que tamén confirmara a "plena legalidade" do decreto 124/2007 derrogado. Por suposto, tampouco se levou a cabo ningunha campaña de sensibilización ante o uso do galego entre a comunidade educativa, senón que se "afortalaron os prexuízos". Do mesmo xeito, reduciuse o apoio institucional e o financiamento ás equipas de normalización e dinamización lingüística, "ás que se lle retirou mesmo a referencia á 'normalización' do nome".

As medidas da Xunta na educación "afortalaron os prexuízos" sobre o galego

Por outra banda, a avaliación da situación do galego no ensino é "inexistente, mais alá das proclamas propagandísticas da Consellería", mentres que as Galescolas, escolas de Infantil, cun proxecto educativo que contemplaba uns contidos mínimos en lingua galega, foron substituídas polas Galiñas azuis, ao tempo que se eliminaron os programas piloto de inmersión. "Como resultado o galego está excluído de gran parte das escolas infantís das cidades galegas", denuncia A Mesa.

En canto á formación de adultos, o conflito provocado polo despediemento do profesorado Celga, contratado en condicións precarias, "é unha mostra do desinterese da Xunta", ao igual que "a falta de medios básicos por parte do profesorado contratado". De atender á transmisión familiar, as campañas oreintados a potenciala débense a entidades sociais "sen que a Administración fixese nada". Ademais, desapareceu Preescolar na casa, hai unha ausencia absoluta de produtos audiovisuais dobrados ou subtitulados, apenas programas ou xogos informáticos en galego e cada vez menos oferta en lingua propia para os cativos nas televisións públicas.

Para a mocidade, non hai campañas de sensibilización, nin fomento da lingua nin acordos con televisións e radios locais para facer programas para rapaces en galegos, tal e como se prevía. O mesmo ocorre os xogos ou programas informáticos ou produtos audiovisuais, así como a dobraxe nos filmes.

Medios de comunicación e industrias culturais

Nada mellor, nin moito menos. A chegada do PP ao Goberno coincidiu co feche das principais cabeceiras impresas en galego, mentres "non se coñecen" xestións para recuperar Radio 4, nin negociacións con televisións locais e privadas para a emisión de filmes en galego, nin acordos para ir aumentando a presenza do galego nos diarios, nin para lograr o obxectivo marcado no PXNL de chegar en dez anos a un mínimo dun 30% ou para que se respecten as declaracións feitas na lingua propia. Nada do que se prometeu se cumpriu, mentres importantes medios seguen a cobrar subvencións polo teórico uso do idioma do país.

Nada do que se prometeu para os medios de comunicación se cumpriu, nin tan sequera un mínimo de galego nos xornais

Ademais, son "contadas" as empresas de telefonía móbil que ofrecen servizos en galego e desmantelouse o proxecto Mancomún para a tradución de software libre ao galego. As iniciativas en todos estes ámbitos nacen da sociedade civil.

Economía

Non só non houbo ningunha campaña para “fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego”, senón que desde a propia administración se chegaron a facer campañas mediáticas contra A Mesa precisamente por defender os consumidores e consumidoras que vían negado ese dereito.

Tampouco houbo campaña publicitaria ningunha para vincular produtos estrela co patrimonio lingüístico, nin se conto o respecto ou uso do galego como criterio na concesións de axudas públicas. No comercio, tampouco houbo bonificacións fiscais polo mesmo motivo, nin avance nos dereitos lingüísticos dos consumidores nin accións que favorecen a etiquetaxe na lingua propia. Na banca, por outra banda, séguense a constatar dificultades para obter formularios ou documentación en galego.

Sanidade

Na sanidade pública hai unha lexislación clara que defende os dereitos lingüísticos dos pacientes. Aínda así, "son moitas as trabas para que un paciente reciba atención sanitaria na súa lingua". A imposibilidade de recibir a documentación do consentimento do paciente para
as probas na lingua propia é un exemplo, pero tamén a falta de garantías para que che atendan no teu idioma, a ausencia de campañas de información sobre os dereitos lingüísticos ou programas informáticos do Sergas que dificultan o traballo en galego.

Na sanidade, segue sen haber garantías de que o paciente será atendido na súa lingua materna

Sociedade e proxección exterior da lingua

No ámbito social, os avances son tamén nulos: Non se percibe aumento real do uso do galego na liturxia malia existir unha política de
subvencións e exclúese o galego dos templos e celebracións. Tampouco se garante a competencia en galego dos traballadores dos servizos sociais nin hai políticas de integración de inmigrantes que teñan en conta o idioma propio. No deporte, o galego está ausente na maioría das federacións malia cobraren subvencións públicas, mentres que os produtos de lecer en galego non teñen unha oferta ampla. Ademais, a lingua galega é "excluída" das campañas turísticas.

En canto á proxección exterior da lingua, destaca o "incumprimento" da medida estrela neste apartado: a creación do Instituto de Lingua e de Cultura Galega Rosalía de Castro. Nada se sabe del, como de tantas outras cousas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.