Crecemento salarial, diversificación e innovación, claves para a recuperación económica

Parque eólico en Galicia © EGA

Os economistas Manuel Lago e Albino Prada presentaron este luns en Compostela un novo informe do Foro Económico de Galicia, titulado Desequilibrio exterior, modelo competitivo e recuperación económica, no que actualizan a actual situación de varios compoñentes da economía española, dende o sector exterior até a demanda interna. No informe avogan por diversificación e a innovación para os sectores produtivos, incrementando a súa internacionalización, e tamén por un crecemento salarial por riba do IPC, entre o 1% e o 1,5%, que favoreza a recuperación da demanda interna e sente as bases dun "modelo equilibrado" de crecemento.

A análise é semellante á realizada este mesmo luns por un informe da Organización Internacional do Traballo (OIT), que despois de destacar que “os salarios non foron os causantes da fenda da competitividade en España durante o periodo previo á crise” sinala que é chegado o momento de aumentar os soldos “ao mesmo ritmo que a produtividade para fomentar a demanda mentres a recuperación cobra forza”.

"É necesario cambiar a orientación da variación dos salarios cun principio xeral: a ganancia de poder adquisitivo dos asalariados"

No seu texto, Albino Prada e Manuel Lago destacan que "a desvalorización salarial  mellorou as marxes das empresas pero, ao mesmo tempo, causou unha enorme caída da demanda interna e, en consecuencia, da cifra de negocio das empresas, sobre todo da gran maioría das pequenas e medianas que teñen como único destino o mercado interior. O que gañaron coa desvalorización salarial dos seus empregados perdérono con menores vendas debido á xeral perda de poder adquisitivo dos fogares". Os dous economistas explican que "recuperar unha demanda interna afundida nos últimos anos depende de que se recupere o consumo privado, o gasto dos fogares e o investimento produtivo". "E para conseguilo -explican- "é necesario cambiar a orientación da variación dos salarios cun principio xeral: a ganancia de poder adquisitivo dos asalariados, isto é, incrementos salariais por encima da inflación".

Prada e Lago tamén inciden na necesidade de incrementar a capacidade de competir das empresas galegas e españolas, pois "máis aló da competitividade de prezos, na que España ten aínda unha vantaxe comparada, o desafío para os próximos anos é mellorar a capacidade para competir en calidade, diferenciación, imaxe e deseño, e a integración nas cadeas internacionais de produción". Sinalan que un dos conceptos clave é a "diversificación": necesítanse máis empresas que exporten máis produtos a máis países. 

Piden "unha estratexia de diversificación produtiva", baseada "en actividades intensivas en coñecemento ou na estandarización e non na prolongación de xornadas ou redución de salarios"

Piden, neste senso, "unha estratexia de diversificación produtiva", baseada "en actividades intensivas en coñecemento ou na estandarización e non na prolongación de xornadas ou redución de salarios". Unha estratexia, engaden, "que debe ser beneficiada fiscalmente". Entre outros sectores propoñen especializarse en actividades como electrónica, mecánica avanzada, pezas e compoñentes para o sector aeronáutico, mobilidade eléctrica, automatización industrial, enerxía, aplicación de TIC a medicamento. E facelo tamén en actividades con fortalezas previas, coma os desenvolvementos marítimo-portuarios vinculados ao procesamento de peixe, enerxía eólica, turismo, enerxía maremotriz ou loxística ferro-portuaria.

Propoñen tamén "estimular a transferencia entre a I+D pública e a industria" ou "condicionar as licitacións públicas a cláusulas ligadas á innovación local, ao emprego de capital humano altamente cualificado e ao cambio de modelo enerxético como vectores da responsabilidade social das empresas".

Parque eólico en Galicia © EGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.