Seis de cada dez familias seguen chegando "con dificultades" a final de mes

% de fogares pola súa dificultade para chegar a final de mes © IGE

Estamos saíndo da crise? Algúns pode que si, ou pode que algunhas grandes cifras sexan menos negativas do que eran hai un ou dous anos, pero no día a día e no groso da poboación esta recuperación non se percibe. A Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística vén de publicar os datos relativos ao terceiro trimestre, que amosan que seis de cada dez familias galegas continúan recoñecendo dificultades para chegar a final de mes. O 46,24% afirma chegar "con dificultades", e outro 11,94% con "moitas dificultades". En total, un 58,18% de fogares con maiores ou menores problemas para vivir o día a día, cifras moi semellantes ás do segundo trimestre (59,4%) ou ás de hai un ano (57,55%). O dato máis negativo é o dos fogares "con moitas dificultades", que pasan do 7,29% ao 11,94%. Unha costatación de que a crise segue aquí.

O dato máis negativo é o dos fogares "con moitas dificultades", que pasan do 7,29% ao 11,94%

Analizando os datos polo miúdo, advírtense diferenzas en función do tipo de familia. Mentres que só o 50,37% das parellas sen fillos recoñece problemas económicos, esta porcentaxe elévase até o 58,14% no caso das parellas con fillos, o 62,82% no caso das persoas que viven soas e até un 73,39% nas familias monoparentais, case sempre cunha muller á fronte.

Hai algúns indicadores que amosan unha leve recuperación xeral. De feito, as porcentaxes máis elevadas de "fogares con moitas dificultades" déronse nos últimos meses de 2012 e nos primeiros de 2013, con valores por riba do 17%. Nesas datas, ademais a suma das familias en dificultades (algunha ou moitas) superaba o 63%, cinco puntos máis ca na actualidade. Tamén se viu reducindo a porcentaxe de "fogares que non se permitiron ningún extra nos últimos tres meses", que cun 24,86%, cae ao seu nivel máis baixo en catro anos. En 2010 chegou mesmo ao 40%.

Case tres de cada tres familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampa

De igual xeito, reduciuse o número de familias que adoptaron medidas para recortar gastos. Por exemplo, aqueles que nos últimos meses cambiaron os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta, son o 28,13% cando hai un ano superaban o trinta por cento e en 2010 chegaron ao corenta por cento do total. En termos semellantes evolucionou a porcentaxe de familias que recortaron gastos e roupa ou transporte, tamén por debaixo do trinta por cento (28,70%). Porén, a realidade é que case tres de cada tres familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampa.

Podemos complementar os datos do IGE cos publicados este pasado mes de xuño polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida, que indicaba que o 72,3% dos galegos e galegas recoñecían dificultades para chegar a fin de mes, unha porcentaxe que superaba en cinco puntos á media española (67%) e situaba Galicia entre as comunidades autónomas máis golpeadas pola crise. A evolución era especialmente negativa para aquelas persoas que dicían chegar con "moitas dificultades" a final de mes. Neste caso a porcentaxe incrementárase dende o 9% previo á crise (en 2007), até o 13% do 2012 ou o 17,1% de 2013. Cómpre salientar que as diferenzas entre a porcentaxe de galegos en dificultades ofrecida polo INE (72,3%) e os fogares con problemas económicos do IGE (58,18%) hai que buscalas sobre todo na inclusión por parte do INE dunha categoría de "certas dificultades", na que se cadra se inclúen moitas persoas que non o fan na opción de "con dificultades" do IGE.

% de fogares pola súa dificultade para chegar a final de mes © IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.