Fiare: "Algún músculo máis. O corazón de sempre"

Sede central de Fiare Banca Ético, en Bilbao Dominio Público http://www.fiarebancaetica.coop/

Fiare vén de inaugurar a súa primeira sede física, en Bilbao e vai comezar a ofrecer produtos bancarios ás 5.000 persoas e entidades socias da cooperativa en toda España. O proceso de constitución desta cooperativa de crédito inspirada nos principios das finanzas éticas segue adiante, tamén en Galicia.

O vindeiro sábado 18 de outubro Fiare Galiza celebrará en Lugo (no Salón de actos da Deputación) unha Xornada Informativa sobre Fiare Banca Etica. No encontro Gonzalo Gesto Quiñoy (secretario da asociación Fiare Galiza) falará sobre “A necesidade dunhas finanzas éticas na situación actual” e Esteban González Bernárdez (coordinador do grupo territorial Galiza Norte) sobre “O momento actual: que é a Fiare Banca Etica?", unha descrición sobre o proxecto de Fiare e o seu proceso de constitución. A Lugo desprazarase Juan Garibi (director de operacións de Fiare Banca Etica), que ofrecerá máis detalles e as últimas novidades, nunha intervención titulada “A operativa bancaria de Fiare Banca Etica”. No encontro, no que colabora a Deputación de Lugo, tamén se proxectará o documental Finanzas éticas, o proxecto Fiare.

Vai comezar a ofrecer produtos bancarios ás 5.000 persoas e entidades socias da cooperativa en toda España

A apertura da sede física da entidade, este venres, supón unha gran vitoria simbólica, o "resultado de 10 anos de traballo das 5000 persoas membros de Fiare, que se comprometeron a difundir a cultura das finanzas éticas en todo o territorio", destaca a entidade. "Agora somos un banco cooperativo de referencia en Europa con máis de 36.000 persoas socias entre Italia e o Estado español", engaden. A partir desta semana e durante os vindeiros meses Fiare traballará "por ofrecer produtos e servizos novos e mellores aos/ás nosos/as clientes/as destes 10 anos de Fiare Banca Etica". E "seguindo o espírito de cooperación e reciprocidade que anima ao noso proxecto", poranse en contacto coas 5.000 persoas membros de Fiare "para ofrecerlles aqueles produtos bancarios específicos e servizos que axudaron a lograr co seu compromiso".

O vindeiro sábado 18 de outubro Fiare Galiza celebrará en Lugo unha Xornada Informativa sobre Fiare Banca Etica

Peru Sasia, conselleiro da Área Fiare, destacaba nun artigo difundido nos últimos días que "co comezo das nosas operacións como entidade bancaria establecida, iniciamos unha nova fase. Unha nova fase que encerra os mesmos retos de fondo que alumaron o proxecto hai máis de dez anos". "É certo que agora podemos ofrecer á cidadanía os produtos financeiros típicos de calquera outra entidade, pero non podemos esquecer que, con iso, seguimos avanzando na construción dun proxecto cuxo maior valor son as relacións, e ese é o seu principal elemento de alternativa", engadía.

"Iniciamos unha nova fase. Unha nova fase que encerra os mesmos retos de fondo que alumaron o proxecto hai máis de dez anos"

E destacaba: "sabemos que as cuestións clave seguen aí: como organizarnos, como reforzar a participación, como incorporar a perspectiva de xénero, como incorporar a xente nova, como relacionarnos coas organizacións que queren comprometerse neste camiño de construción dunha banca ética de forte arraigamento cidadán… En definitiva, como reforzar unha lexitimidade que, non o esquezamos, aséntase na nosa capacidade de crear condicións máis xustas na nosa contorna". "Iso, hoxe, non cambiou. A web, a imaxe, as instalacións, poderán ir cambiando (deberán facelo), pero os retos de base seguirán aí", concluía, definindo o momento actual de crecemento de Fiare como “algún músculo máis. O corazón de sempre”.

Sede central de Fiare Banca Ético, en Bilbao Dominio Público http://www.fiarebancaetica.coop/
Cartaz da xornada informativa Dominio Público Fiare GZ

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.