Os gastos dos galegos de Caja Madrid: Do San Froilán e Sargadelos a Women's Secret

Imaxe corporativa da antiga Caja Madrid CC-BY-SA El Diario

O escándalo das tarxetas negras de Caja Madrid e Bankia, repartidas pola entidade madrileña a 86 membros da súa directiva e do seu Consello de Administración, poden constituír un delito societario e de apropiación indebida, segundo a Fiascalía Anticorrupción, pero tamén un demoledor retrato de quen as utilizaban. A diferenza fundamental a respecto dos gastos de representación que adoitan sufragar empresas e institucións é que os cartos destas tarxetas non eran declarados a Facenda e que, ademais, en moitos casos, o diñeiro era empregado para fins particulares. Como detallou Praza Pública, entre os beneficiarios destas tarxetas hai, cando menos, tres galegos que gastaron máis de 200.000 euros entre 2003 e 2006. A publicación dos extractos íntegros en ElDiario.es permite, ademais, coñecer onde foi parar o dispendio.

A maior parte dos gastos 'galegos' de Caja Madrid son os de Francisco Moure Bourio, quen chegou a ser vicepresidente da caixa madrileña e que, segundo a documentación da investigación interna de Bankia, cargou 127.300 á súa tarxeta opaca. Moure Bourio, que acumula un amplo currículo de postos directivos en diversas empresas españolas, gozou do seu cartón negro durante tres anos e combinou os cargos en diferentes establecementos coa retirada de fondos en metálico. Así, Moure Bourio, que chegou a reivindicar Caja Madrid como "obra miña", retirou un total de 39.150 euros en case 80 visitas ao caixeiro. Agás en dúas ocasións, sempre retiraba 500 euros.

Moure Bourio retirou case 40.000 euros en metálico e pagou dúas polbadas no San Froilán

Alén dos cartos en metálico os gastos black de Moure Bourio repártense entre Galicia e Madrid e neles destacan as viaxes, hoteis e restaurantes e a combinación de gastos de gran magnitude con cantidades moi reducidas. Así, por exemplo, deu en gastar 140 euros nunha xeladería e 1.643 euros nun hotel, pero tamén pouco máis de 20 euros en dous aparcadoiros públicos de Lugo situados preto da sede da Deputación Provincial. Ambos producíronse cando Moure Bourio era presidente do Club Baloncesto Breogán e a entidade provincial lucense, presidida polo popular Francisco Cacharro Pardo, a máxima accionista do equipo. Nesa época encádrase tamén un xantar nunha das casetas do polbo do San Froilán, onde acudiu o primeiro día das festas de 2003 e gastou 161 euros. Tres anos despois, en 2006, Caja Madrid sufragoulle outra polbada no San Froilán por 118,50 euros.

Do Women's Secret a Sargadelos

Flores, comida rápida, xantares nunha parrillada de Sada ou marisco figuran tamén a nome de Francisco Moure Bourio nunha relación de extractos no que o segundo galego que máis gastou foi Alejandro Couceiro Ojeda, antigo secretario xeral da patronal madrileña que en 2008 lamentaba que a sociedade estivese inmersa nunha "crise de valores". No caso de Couceiro Ojeda abundan tamén os gastos en restaurantes -un só xantar, por exemplo, supera os 1.000 euros-, se ben na súa tarxeta destacan outros cargos dos que cabe deducir que empregaba os cartos de Caja Madrid para fins que transcenden a representación empresarial. Máis de 350 euros nunha zapataría, 200 euros na sección de electrónica de Alcampo, 220 euros nun Carrefour ou 489 nun Hipercor son algúns dos exemplos.

Couceiro Ojeda gastou uns 1.500 euros en electrodomésticos, De las Cuevas adquiriu produtos culturais e acudiu tamén a numerosos restaurantes

Como o antigo presidente da entidade, Rodrigo Rato, Couceiro Ojeda tamén aproveitou a súa tarxeta para mercar material de ferraxarías -máis de 200 euros nunha soa compra-. Tamén adquiriu obxectos nunha tenda de bicicletas por máis de 70 euros, pagou algo máis de 30 euros nunha perruquería, gastou uns 1.500 euros en electrodomésticos ou case 60 na tenda de lencería do grupo Cortefiel Women's Secret.

O terceiro galego da relación de gastos, Miguel Muñiz de las Cuevas, ex presidente do ICO (1986-1996) e antigo director do Teatro Real, acadou unha suma de gastos máis reducida que Moure e Couceiro, chegando aos 20.800 euros. Nos gastos de Muñiz de las Cuevas, ao contrario da maioría dos seus homólogos, inclúense tamén adquisicións do ámbito cultural, como libros ou outras compras en establecementos como a Fnac ou outras librarías. Nos seus extractos conviven restaurantes de gama media con outros como o exclusivo Club Allard de Madrid, cun xantar por 192 euros, ou un coñecido establecemento hostaleiro do centro de Compostela, no que gastou 166 euros. Na documentación de De las Cuevas figura, ademais, unha compra de 62 euros en Sargadelos en setembro.

Imaxe corporativa da antiga Caja Madrid CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.