Fraude de subvencións, estafa e malversación de caudais públicos, falsidade documental, suborno e blanqueo de capitais. Son os delitos que, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), se investigan no marco da Operación Zeta, o caso da suposta estafa en axudas laborais que investiga un xulgado da Coruña dende finais de 2011 e que derivou na detención de sete persoas. Atendendo ás indagacións policiais, as persoas investigadas manexaron ata 20 millóns de euros públicos a través de entidades aparentemente sen ánimo de lucro que organizaban cursos para persoas desempregadas e actividades semellantes. Parte deses cartos, din, foron parar a petos privados.
Estas irregularidades, parte das cales xa foron admitidas pola propia Xunta a través da Consellería de Traballo, foron detectadas pola investigación á empresa Azetanet e á Fundación para el Desarrollo de la Empleabilidad y la Formación, ambas encabezadas polo coruñés Gerardo Crespo, coñecido pola súa vinculación a entidades veciñais de corte conservador e por liderar organizacións para a inserción laboral de persoas con discapacidade. O propio Crespo, segundo o xornal ABC, é unha das persoas detidas, entre as que tamén se atopan persoas ligadas á Federación Galega de Hostelaría e o responsable dunha asociación de traballo autónomo.
A investigación remóntase a 2011 e esténdese a 61 persoas
Ao longo desta operación, na que xa foron investigadas ata 61 persoas, a Policía foi quen de detectar un xeito de actuar baseado no "posible uso instrumental" das devanditas entidades sen ánimo de lucro, que recibían subvencións de organismos como a Xunta malia seren "presuntamente ficticias na súa actividade, estrutura e/ou asociados". Unha parte dos cartos tería "destino privado".
Sombras sobre a Consellería de Traballo
A Policía recompilou na Xunta documentos sobre axudas a entidades de Crespo
A sombra deste caso paira dende hai tempo sobre Traballo. Así, o pasado 25 de setembro o Consello da Xunta oficializaba o cesamento dun dos homes fortes do departamento de Beatriz Mato, o director xeral Odilo Martiñá, quen un día despois tivo que comparecer ante a Policía para dar explicacións sobre as subvencións investigadas. Os axentes, segundo transcendeu, cuestionaron a Martiñá, entre outros asuntos, pola documentación que recompilaran días atrás na sede da Xunta sobre as axudas recibidas, precisamente, polas entidades dirixidas por Crespo.
A figura de Crespo e a súa ligazón con Traballo estivo tamén de actualidade a finais de 2010, cando o alcalde de Oleiros, o independente Ángel García Seoane, levou ante a Fiscalía o empresario despois de que este recibise un millón de euros da Consellería para a organización de cursos. Segundo García Seoane, estas adxudicacións realizáranse "a dedo" e baseáranse na "afinidade co PP" profesada por Crespo. O rexedor oleirense lanzaba estas acusacións despois de que a conselleira Mato fose nomeada Coruñesa del año pola asociación de veciños que dirixe Crespo.