O orzamento da Xunta increméntase en 45 millóns con respecto ás contas do actual exercicio. Así, o presuposto da Administración autonómica para o 2015 sitúase nos 8.436 millóns de euros, tan só un 0,5% máis, tal e como comunicou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. É "a primeira vez" que o gasto da autonomía medra, aínda que sexa un pouco, desde 2009, malia que o xefe do Executivo insiste no "camiño da solvencia" e en cumprir co déficit.
O orzamento da Xunta increméntase en 45 millóns, un 0,5% máis con respecto ao de 2014
Segundo a explicación do presidente e da conselleira de Facenda, o orzamento permite que a comunidade rexistre un crecemento do 2% o vindeiro ano, fronte ao 0,9% co que se prevé pechar este ano. Ademais, a Xunta cre que estas contas permitirán situar a taxa de desemprego no 20,1%.
"Galicia diríxese cara á recuperación económica", dixo Feijóo, que asegura que o país o fai "coa certeza de que non se repetirán os comportamentos que nos levaron á crise".
O Goberno impulsa infraestruturas claves que levaban paradas tempo en pleno ano electoral
O proxecto orzamentario foi aprobado e presentado este venres polo Goberno galego. Son unhas contas para un ano electoral e iso nótase no pulo que a Xunta lle dá a infraestruturas claves que levaban paradas tempo, como ocorre coa plataforma loxística de Salvaterra do Miño ou da autovía da Costa da Morte, que acumula anos de atraso. A posibilidade deste pequeno incremento nos investimentos da Administración atribúeo Feijóo ao aforro duns 15 millóns de euros no pagamento da débeda pública.
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, explicou un escenario orzamentario no que os ingresos correntes crecen un 4%, polo incremento dos ingresos que chegan do sistema de financiamento, que supón case o 80% do total. Así, destacou os 121 millóns dispoñibles "a maiores" polo aprazamento a vinte anos da devolución das liquidacións negativas.
Os orzamentos recollen unha suba dos ingresos de capital do 6,3% que, segundo a Xunta, débense a que a comunidade autónoma empeza a incluír nos orzamentos o "impacto" dos fondos europeos do marco 2014-2020 e que "xa se empezarán a implementar nos presupostos do vindeiro ano". En canto aos gastos, o orzamento inicia "unha senda crecente", cun aumento de case 45 millóns, polo que os investimenos reais soben 32,2 millóns, un 4,8%.
Feijóo e Muñoz quixeron destacar tamén a consolidación fiscal, polo que presumiron de "seguir na senda da redución do déficit", un "esforzo" que cifraron en 160 millóns de euros para lograr que a comunidade autónoma non pase do límite do 1% de 2014 ao 0,7% marcado para 2015.
A Administración crea o canon mineiro que prometera xa en 2013 e 2014
Ademais, a Xunta presume tamén de manter o esforzo no gasto social, xa que educación, benestar e sanidade absorberá oito de cada dez euros do orzamento. Non é tanto así, polo menos se temos en conta as alusións que Feijóo fixera ao gasto social noutras ocasións. Hai menos dun mes, o presidente do Goberno galego teimaba en que o seu orzamento era o máis social da historia.
Cada ano, a Secretaría de Estado de Administracións Públicas recompila os datos dos orzamentos autonómicos para poder presentar e analizar de xeito homoxéneo os de todas as autonomías. Unha ollada a esa análise permite concluír que a afirmación presidencial non se corresponde coa realidade. Tendo en conta as cantidades que, segundo Facenda, a Xunta destinou cada ano a política social e restando das mesmas o orzamento cultural -o Goberno central adoita contabilizalo neste apartado- o resultado é que, tomando como referencia a última década, o ano con maior porcentaxe para partidas sociais foi o 2011, no que se acadou un 70,24%. Segundo o Ministerio neste 2014 o dato quedou no 60,59%, cunha redución de cinco puntos a respecto do ano 2013.
Á marxe disto, o Goberno destacou tamén a creación do canon da minería, que grava o almacenamento de materiais en superficie cun tipo de entre 1 e o 1,5% segundo os ingresos totais de cada explotación, aínda que quedarán exentas as firmas que extraen lousa e granito. Este canon fora anunciado e prometido por Feijóo nos debates do Estado da Autonomía de 2013 e 2014, pero non se aplicará ata o vindeiro exercicio. Ademais, a Xunta tamén eximirá os transportistas do pago do céntimo sanitario.