As caixas galegas multiplicaron por sete o crédito aos seus conselleiros antes da fusión

Feijóo celebra a fusión cos directivos en maio de 2010. Entre eles, os agora detidos Gayoso (segundo pola esquerda) e Pego (primeiro pola dereita) © Xoán Crespo

No ano 2010 Galicia estaba xa inmersa na crise económica e as súas entidades financeiras de referencia, Caixa Galicia e Caixanova, estudaban como enfrontar o futuro paliando as súas dificultades financeiras, especialmente preocupantes no caso da primeira. A ameaza do rescate comezaba a pairar sobre o Estado español e as caixas de aforro eran forzadas a reestruturarse nun proceso no que a Xunta, xa presidida por Alberto Núñez Feijóo, pulaba dende finais de 2009 por forzar a unión entre as dúas entidades do país. As caixas que durante décadas administraran como propias Julio Fernández Gayoso e José Luis Méndez aceptaban formalmente en marzo dese ano iniciar o proceso que, no outono, daría lugar a Novacaixagalicia. Tratábase, dicían, de garantir a saúde das caixas e, sobre todo, o crédito para familias e pequenas empresas. Pero, nese derradeiro ano, os préstamos para a poboación xeral seguíronse reducindo mentres os membros do consello de administración das antigas caixas multiplicaban por sete o seu acceso ao crédito.

Os datos do Banco de España sinalan 2010, precisamente, como o ano no que comezou o desplome do crédito bancario á poboación galega por, entre outros factores, a crise das caixas. No entanto, o primeiro informe de goberno corporativo remitido por Novacaixagalicia á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), que recolle as actividades do derradeiro exercicio de Caixa Galicia e Caixanova por separado, reflicte ata 54 operacións de crédito, aval ou garantía a favor de membros do consello de administración da entidade, das súas empresas ou dos seus familiares directos. Son 20 operacións máis que en 2009 e 21 máis que en 2008, pero o rechamante non é o incremento do seu número, senón do seu importe: o de 2010 multiplica case por tres o de 2009 e por sete o de 2008.

No 2010 os créditos, avais e garantías para membros do consello achegáronse aos 80 millóns e dous anos antes apenas superaban os 11

Nomedamente, a documentación da CNMV reflicte que durante 2010 conselleiros e conselleiras do que xa consta oficialmente como Novacaixagalicia gozaron para si mesmos e para as súas empresas de préstamos, avais, hipotecas e outros produtos semellantes por importe de 79,9 millóns de euros. Un ano antes, en 2009, a suma de Caixa Galicia e Caixanova chegaba aos 27,5 millóns neste tipo de concesións e en 2008 apenas acadaba os 11,2. A escalada é aínda máis evidente ao comparala cos créditos, avais e garantías que os membros dos consellos das caixas obtiveron en 2007: 2,2 millóns de euros.

Foron 19 persoas as que se beneficiaron destas concesións -o consello tiña 22 membros pero moitos deles cesaron en decembro de 2010, cando NCG iniciou a súa actividade- , cinco das cales o fixeron por importe de máis de un millón de euros. Nesta relación destaca especialmente o empresario José García Costas, actual presidente do estaleiro Barreras -agora propiedade de Pemex-, dirixente doutras compañías do naval e máximo responsable da Cámara de Comercio de Vigo. Chegou a NCG procedente de Caixanova, entidade que nos seus derradeiros meses de vida lle concedeu 60,7 millóns, dos que case 40 se corresponderon con créditos ás súas empresas. Outros 11 millóns de euros foron en avais ás súas compañías -o informe non detalla a cales- e case 9, en liñas de comercio exterior.

Un só conselleiro logrou operacións crediticias por importe de máis de 60 millóns de euros

O segundo conselleiro con máis fondos concedidos foi nese ano Edelmiro Manuel Añón, o empresario da metalurxia que puxera 100 millóns de euros na área industrial de Caixa Galicia e que despois recuperou case totalmente a cambio de achegar 25 millóns a Novagalicia Banco, cantidade que perdeu cando o FROB decidiu a denominada 'operación acordeón' para paliar minimamente as perdas da entidade. No caso do propietario de Hierros Añón as cantidades obtidas en 2010 ascenderon a 8,5 millóns de euros, 7 dunha liña de comercio exterior a doce meses e 1,5 máis nunha liña de desconto, ambas a favor das súas sociedades.

Por riba do millón de euros estivo tamén naquel ano o empresario da madeira Juan Ramón Iglesias Álvarez, con 4 millóns de euros que son resultado da suma dunha liña de comercio exterior e unha hipoteca para a súa actividade empresarial. A continuación sitúase Alfonso Paz-Andrade, o industrial pesqueiro agora imputado polo caso Pescanova, que naquel ano obtivo a través do Banco Gallego -dependente de Caixanova-, case 3 millóns de euros por unha "liña multifinanciamento", un crédito empresarial e un aval persoal. O último conselleiro ao que naquel ano se lle concedeu máis de un millón foi Guillermo Alonso Jáudenes, empresario conserveiro falecido o pasado mes de maio.

Máis de 2 millóns en hipotecas en plena seca 

Se os datos dos créditos, avais e garantías concedidos aos conselleiros durante a agonía das caixas son rechamantes en xeral, se cadra aínda o son máis ao debullar cantas destas operacións se corresponden con hipotecas. Mentres o número de hipotecas constituídas en Galicia se reducía en case un 7% en apenas dous anos e o seu importe minguaba en, practicamente, un 30% segundo o INE, no consello de Novacaixagalicia o volume dos créditos hipotecarios medrou a un ritmo de case o 1.700% interanual.

Mentres o importe das hipotecas concedidas en Galicia descendía un 30%, no consello da caixa aumentaba case un 1.700%

Nos seus dous derradeiros anos por separado, 2008 e 2009, os créditos hipotecarios concedidos polas caixas aos membros do seu consello foron de 52.000 e 125.000 euros, cantidades correspondentes en ambos casos a Caixa Galicia. Pero no ano da fusión estas operacións experimentaron unha verdadeira eclosión, tanto para vivendas particulares como para empresas de conselleiros e conselleiras, chegando aos 2,25 millóns de euros.

O préstamo hipotecario de maior importe foi o concedido para a actividade empresarial do madeireiro Juan Ramón Iglesias, con 1,3 millóns, seguido do de Francisco Loimil Garrido, que logrou unha hipoteca de 300.000 euros. A outra hipoteca máis avultada, de 245.000 euros, concedéuselle ao economista Gonzalo Ortiz, que estaba no consello en representación das persoas impositoras. Un importe semellante, 230.000 euros, foi o dun préstamo hipotecario para as empresas de García Costas. A lista de hipotecas complétana os 114.000 euros do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e os 60.000 de María José Ferreiro, que representaba o persoal da entidade no consello.

Este gran aumento na concesión de créditos, avais e garantías en plena crise do sistema financeiro galego e español non está, cando menos polo momento, entre as operacións presuntamente irregulares das antigas caixas que o FROB remitiu recentemente á Fiscalía. O organismo estatal detecta movementos "que deron lugar a importantes perdas para as entidades" unicamente entre 2005 e 2008. Refírense a cancelacións de débeda ou vendas de inmobles pero tamén, precisamente, á concesión de créditos ou refinanciamentos.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.