O Foro por un Mundo Rural Vivo lembra que só 12 labregas galegas se acolleron á Titularidade Compartida

Imaxe dunha das xuntanzas deste IX Foro por un Mundo Rural Vivo, celebrado en Mondoñedo © SLG

Mondoñedo acolleu esta fin de semana a novena edición deste encontro, organizado pola Plataforma Rural e acollido polo Sindicato Labrego Galego, e no que participaron 200 persoas chegadas de todo o Estado. As sesións do Foro comezaron xa o venres, moi centradas na situación das mulleres no rural, traballadoras que se criaron e desenvolveron a súa actividade cívica e profesional nun mundo moi masculinizado, como é o agrícola e rural, pero que, segundo destacan os organizadores do encontro, "foron quen de conquistar espazos de decisión e, co seu labor e exemplo, facilitar a incorporación doutras mulleres a eidos dos que tradicionalmente estiveron vedadas".

As sesións do Foro centráronse na situación das mulleres no rural que "foron quen de conquistar espazos de decisión e facilitar a incorporación doutras mulleres a eidos dos que tradicionalmente estiveron vedadas"

No encontro presentáronse varios casos e exemplo de mulleres labregas que foron quen de construír nos seus lugares de orixe movementos e explotacións produtivas de éxito. Foi o caso de Raquel Ramírez, de Nalda (A Rioxa), ou Ángeles Ramón, da comarca das Cinco Villas (Zaragoza), ou Josefa Martín, das Serra de Francia (Salamanca). Ou a galega Henar Román, presidenta dende o ano 2003 da comunidade de montes de Labrada (Abadín), protagonista na decisión da veciñanza de asociarse en cooperativa para ter máis forza como produtores e produtoras de leite e carne. Neste caso, ademais, tiveron que enfrontarse á usurpación das súas terras por empresas mineiras como Icemarga, por eléctricas ás que lles adxudicaron os montes comunais para instalar parques eólicos, ou pola propia administración que, nos anos 80, pretendeu cercar as 700 hectáreas da Fraga Vella.

O sábado as sesións continuaron centradas na actividade das labregas, cun debate no que participaron Dora Cabaleiro (Vilar de Ernes, Navía de Suarna), Cristina Sancho (Amayuelas de Abajo, Palencia), Ester Latorre (Cinco Villas, Zaragoza), a almeriense Inmaculada Idáñez, que ademais é responsable da Área da Muller de COAG e presidenta de CERES, e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.

No debate xurdiron cuestións de actualidade, coma a problemática da Lei de Titularidade Compartida que, a pesar de ter sido promulgada hai cinco anos coa intención de que se acollesen a ela unhas 100.000 mulleres en todo o Estado, a día de hoxe só se deron de alta 101 (12 en Galicia). A este respecto Inmaculada Idáñez explicou que a lei, dende o seu nacemento, bateu cunha sociedade demasiado masculinizada e cunha profesión, a agraria, cuxos ingresos, decotío, non permiten que haxa máis dunha cotización por familia. De ambos factores, dixo, xorde unha realidade na que o habitual é que sexa o home o que cotice e fique a muller nun segundo plano sen cotización nin dereitos laborais, invisibilizada a pesar de facer o mesmo traballo que o seu cónxuxe.

"A pesar de ter sido promulgada hai cinco anos coa intención de que se acollesen a ela unhas 100.000 mulleres en todo o Estado, a día de hoxe só se deron de alta 101 (12 en Galicia)"

María Ferreiro Santos (responsable da Secretaría das Mulleres do SLG) denunciaba hai uns meses en entrevista con Praza que "en Galicia hai 35 mil labregas que nas estatísticas figuran como axuda familiar, non consta que formen parte das explotacións nas que traballan". En consecuencia, apenas o 5% das labregas galegas se xubilan coa pensión íntegra, fronte ao 80% dos homes que traballan no campo. Unha mulleres que, ademais, son as grandes prexudicadas polos recortes sociais que estamos a vivir, non só no que atinxe ás pensións, senón tamén ao ensino ou na sanidade. María Ferreiro Santos lembraba que "normalmente son as nais as que levan os nenos ou nenas á escola, ou ben ao lugar no que collen o transporte. O mesmo pasa no tema sanitario, con redución de servizos nos centros de saúde, incrementando os desprazamentos que as persoas do rural se ven obrigadas a facer".

Imaxe dunha das xuntanzas deste IX Foro por un Mundo Rural Vivo, celebrado en Mondoñedo © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.