"Carecer dunha banca propia empobrece o país en termos estratéxicos"

Joam Facal © USC

A banca Olimpio Pérez, xunto co Banco Simeón, o Banco Pastor, o Banco da Coruña, o Banco de Vigo e outras pequenas entidades constituídas nas últimas décadas do século XIX e no comezo do XX formaron un pioneiro e modesto sistema financeiro galego, de pequeno tamaño, pero importante para entender o primeiro desenvolvemento industrial do país. A historia de todas elas é tamén a historia dunha Galicia a cabalo entre dous séculos, e tamén a historia da emigración, cuxas remesas nutriron en boa medida o seu crecemento.

Joám Facal vén de presentar (cualificada cun sobresaliente cum laude) a súa tese de doutoramento na USC, baixo a dirección de Xoán Carmona, e centrada na historia do Banco Olimpio Pérez, entidade que tivo a súa sede na Praza de Cervantes de Compostela, no edificio de finais do XIX ocupado hoxe polo Centro Abanca de Obra Social. Fundada en 1845 por Manuel Pérez, pai de Olimpio, fusionouse en 1965 co Banco de Crédito e Inversiones, derivando máis tarde no Banco Gallego, hoxe propiedade do Banco Sabadell. Na tese, escrita en normativa reintegrada, dedícalle unha atención especial á importancia das remesas recibidas da emigración galega ultramarina no período 1884-1936, que calcula en 112 millóns de pesetas só para esta entidade, e en 2.300 millóns para o conxunto do sistema bancario galego neste período.

Como nace a entidade?

O inicio do banco é bastante curioso, pero non tanto para aquela época. Olimpio Pérez veu dunha aldea rioxana, de Ortigosa de Cameros. De Cameros tamén chegaron a Galicia os fundadores da Banca Simeón, que é practicamente coetánea á fundada por Olimpio Pérez e tamén moi exitosa. A razón de que os cameranos, ao igual que os maragatos, teñan tanto éxito comercial débese sobre todo a que eran comarcas importantes para a mesta, a trashumancia, polo que estaban moi afeitos a negociar. Manuel Pérez, o pai de Olimpio, funda o banco nos anos 40 do século XIX, dedicábase a importar todo tipo de produtos: alimentación, vestidos, elementos para o fogar..., mediante un sistema de cabotaxe que remataba desembarcando toda a mercadoría no porto de Carril, onde construíu un almacén para a venda destes produtos, que despois eran distribuídos por toda Galicia. Tamén exportou gando a Inglaterra e fíxose cunha pequena frota de veleiros cos que comerciaba con Hispanoamérica, sobre todo. Manuel Pérez enviou o seu fillo máis vello, Olimpio, a estudar contabilidade e comercio a Bilbao e inglés a Londres.

"O banco era moi rendible: a taxa interna de rendibilidade era do 59% anual, un dato altísimo"

O banco crece con Olimpio?

Manuel Pérez morreu en 1880. Olimpio fíxose co banco e modernizouno. A iso axudou un contexto xeral de desenvolvemento da banca en España: entre outras cousas, a introdución do billete único (1882-1884), que contribuíu a simplificar a liquidación de débedas e as transaccións comerciais, condenando á obsolescencia definitiva os instrumentos cambiarios tradicionais: efectos a cobrar, pagar ou a negociar. O banco era moi rendible: a taxa interna de rendibilidade era do 59% anual, un dato altísimo. Por exemplo, o BBVA e o Santander nos anos de crecemento na pasada década acadaron unha taxa de rendibilidade do 14%.

Olimpio Pérez era un home discreto, moi relixioso, que sufriu varias desgrazas, coma a morte dos seus dous fillos varóns. Financiou a exposición rexional de 1909, antes financiara tamén a construción do convento de Conxo e o Palacio de Comunicacións que hoxe acolle a sede do concello de Madrid. Pero en xeral era unha entidade moi localista; en vida de Olimpio Pérez só abriu unha sucursal, a de Vilagarcía, que non deixaba de ser o porto de Compostela. E, anos máis tarde, en 1957, abriu a de Muros, outro porto de Compostela.

"Trala morte de Olimpio Pérez en 1915, a dirección do banco foi herdada polo seu xenro, Marcelino Blanco, que anos máis tarde se converte nun dos fundadores de Fenosa, xunto co Banco Pastor, e vicepresidente da empresa eléctrica"

E despois de Olimpio Pérez?

Trala morte de Olimpio Pérez en 1915, a dirección do banco foi herdada polo seu xenro, Marcelino Blanco. Tivo que facer fronte a varias dificultades, en parte xeradas polo medo dos aforradores á caída da entidade na postguerra europea, por mor duns fenómenos de especulación que nese momento acabaron co Banco de Vigo e outros. Anos máis tarde Marcelino Blanco convértese nun dos fundadores de Fenosa, xunto co Banco Pastor, e é nomeado vicepresidente da empresa eléctrica.

"A historia é implacable: converteu o Banco Pastor no Banco Popular, a banca Olimpio Pérez é hoxe Banco Sabadell, o Banco da Coruña está incorporado ao BBVA"

Como era esta pioneira estrutura financeira galega, sobre todo en termos comparados coa existente noutros puntos do Estado?

O peso das entidades galegas era pequeno. A banca concentrábase en Madrid e Bilbao, nin sequera as entidades catalás eran moi grandes. Olimpio Pérez, Hijos de Simeón García, o Banco Pastor -que era a máis grande-, o Banco da Coruña, o Banco de Vigo e outras casas de banca menores. A historia é implacable: converteu o Banco Pastor no Banco Popular, a banca Olimpio Pérez é hoxe Banco Sabadell, o Banco da Coruña está incorporado ao BBVA...

"A emigración é a grande epopea galega, é o que marca a nosa sociedade en todos os sentidos"

Que importancia tiveron as remesas dos emigrantes?

O resultado máis relevante da investigación é a estimación do volume de remesas recibidos pola casa Pérez entre 1884 e 1936. Cifro o fluxo recibido en 111.225.000 pesetas, a un ritmo de 2 ou 3 millóns anuais. Esa corrente de pagos constitúe o 75% da totalidade de ordes de pago atendidas polo banco nese tempo. Cun multiplicador de 20, podemos estimar que anualmente entraban na banca galega ao redor de 40 ou 60 millóns, cun total de 2.225.000.000 pesetas para todo o período.

En xeral, eran remesas moi pequenas, que a xente retiraba para consumo, para liberarse de foros, para pagar vodas... Nos libros non hai grandes pagamentos, pero estes cartos si serviron para dotar as persoas que as recibían dun certo benestar, permitiulles ter algo de liquidez. Nalgúns casos algúns decidiron investilos na compra de valores, seguramente persoas que xa tiveran experiencia de compra de accións en América. A maior parte corresponden, precisamente, a compras de accións de empresas e bancos sudamericanos, pero dende logo os depósitos da banca Olimpio Pérez serviron para dinamizar iniciativas coma Tranvías de Vigo, Castromil, A Toxa...

Con todo, é difícil calcular cal foi a cantidade exacta das remesas. Eu poño aquí o meu cálculo, pero hai moita diversidade nas fontes, só se pode facer unha aproximación. É, en calquera caso, un elemento fulcral na historia da economía galega. A emigración é a grande epopea galega, é o que marca a nosa sociedade en todos os sentidos.

Xa comentaches que todas estas entidades bancarias, dende a Olimpio Pérez ao Pastor, desapareceron ou forman parte hoxe de entidade de fóra de Galicia. Que importancia ten para Galicia contar con entidades bancarias propias? Como valoras a solución á que se chegou con Abanca?

Carecer dunha banca propia empobrece o país en termos estratéxicos. Cando a Xunta quería facer unha autoestrada, chamaba por teléfono a Vigo ou A Coruña e tiña a pasta. Pescanova estivo aguantando coas muletas das caixas galegas. A unha entidade con sede en Madrid ou Barcelona isto non lle importa en absoluto, o que quere é ter aquí depósitos e conceder créditos pequenos, pero van pensalo moito antes de asumir riscos, e máis con proxectos nacentes.

"Carecer dunha banca propia empobrece o país en termos estratéxicos"

O panorama, iso si, puido ser aínda máis tétrico e salvouse relativamente grazas a Abanca, grazas a que é unha entidade de capital venezolano. O risco, con todo, é que non hai seguridade de que este capital vaia permanecer aquí; pode darse o caso de que nun momento dado lle venda a entidade a outro grupo que non teña nada que ver con Galicia. Fallou a estratexia de Castellano, que a min me parecía boa, pero que non tivo o apoio do capital galego. O momento era malo e non atopou os cartos suficientes para levar a cabo o proxecto.

"Salvamos os mobles. Non é unha gran cousa, porque antes tiñamos un pazo, pero cando menos salvamos os mobles do pazo"

A pesar destes perigos, a solución foi relativamente satisfactoria. Os galegos son bos aforradores e prudentes á hora de pedir créditos. E os tests de estrés veñen de revelar que Abanca está nunha boa posición, cunha boa capitalización. É unha entidade galega, que parece que vai manter un certo compromiso ético con determinadas iniciativas culturais e sociais, aínda que non está obrigada a iso por non ser unha caixa. Salvamos os mobles. Non é unha gran cousa, porque antes tiñamos un pazo, pero cando menos salvamos os mobles do pazo. E hai moitas comunidades autónomas que non teñen unha entidade propia. Ogallá o nacionalismo político estivese coma o sector financeiro galego, non hai unha forza política de referencia que estea competindo no mercado, como o fan cataláns ou vascos. Se comparas o sistema financeiro galego co sistema político galego, quedo co financeiro.

A sede da banca Olimpio Pérez estaba na praza de Cervantes de Compostela Dominio Público Praza Pública
Olimpio Pérez con outros mozos composteláns da súa época, das familias Simeón ou Harguindey Dominio Público Praza Pública
Joam Facal © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.