"Non se valoran as cooperativas sen ánimo de lucro como empresa, como forma de autoemprego"

Cestola na Cachola é unha das cooperativas que participan na rede © Cestola na Cachola

A Lei de Cooperativas, modificada en 2011, prevé a existencia dun tipo de entidades, cualificadas como cooperativas sen ánimo de lucro, que "polo seu obxecto, actividade e criterios económicos de funcionamento acrediten a súa función social". Enténdese que acreditan a dita función "as cooperativas que teñan por obxecto a mellora da calidade e condición da vida da persoa, considerada de forma individual e colectiva". Neste tipo de entidades os resultados positivos que se produzan nun exercicio económico non poderán ser distribuídos entre as súas persoas socias e, ademais, os cargos do seu Consello Reitor non cobrarán retribución ningunha polo seu labor.

A Rede SAL busca agrupar as cooperativas galegas sen ánimo de lucro. Polo de agora está constituída por catro entidades: Trespés, Cestola na Cachola, Cousas da Terra e Tempo de Loaira

Aínda non son moitas as cooperativas que se acollen a esta figura, mesmo naqueles casos que non perseguen un lucro económico e que polos seus fins si se poderían incluír nesta cualificación. Vén de crearseRede SAL, que busca agrupar as cooperativas galegas sen ánimo de lucro (de aí o de S.A.L.) e que polo de agora está constituída por catro entidades: Trespés, Cestola na Cachola, Cousas da Terra e Tempo de Loaira. A Rede SAL vai realizar unha serie de presentacións por toda Galicia para dar a coñecer as características e obxectivos deste tipo de cooperativas, constituíndo un espazo de colaboración, difusión e promoción entre cooperativas sen fins lucrativos. Estará, por exemplo, na Feira Terractiva de Arzúa, que se celebrará o 15 e 16 de novembro. E, antes, esta mesma fin de semana, en Lalín e Redondela.

Marta Rodríguez, responsable da cooperativa Cousas da Terra, destaca que buscan "difundir esta forma de empresa". "Hai moito descoñecemento e non se valoran as cooperativas sen ánimo de lucro como empresa, como forma de autoemprego", di. "Queremos crear rede, porque este tipo de cooperativa é algo bastante novidoso en Galicia", engade. "O que temos en común é que non buscamos o beneficio económico, senón o beneficio social, o ben común", conclúe.

 

Coñecer outras experiencias

"Hai moito descoñecemento e non se valoran as cooperativas sen ánimo de lucro como empresa, como forma de autoemprego"

Os actos da Rede Sal deste venres en Lalín (Círculo de Recreo, pola mañá) e do sábado en Redondela (Casa da Cultura, dende as 9.30 da mañá) servirán, ademais, para coñecer experiencias de cooperativas sen ánimo de lucrou doutros territorios do Estado, coa participación de entidades de Cataluña, Madrid e Euskadi. Marta Rodríguez sinala que mesmo naqueles lugares, como Cataluña, Andalucía ou Euskadi onde as cooperativas están máis e mellor implantadas aínda existe o mesmo descoñecemento que en Galicia sobre as entidades sen ánimo de lucro. Hai, si, algunhas experiencias de interese que esta fin de semana amosarán o traballo desenvolvido.

O venres en Lalín intervirán Manuel Pérez Losada, xefe do Rexistro Central de Cooperativas da Xunta de Galicia, ademais de Esther Muñoz, de ESNETIK (Euskadi), unha cooperativa mixta sen ánimo de lucro que agrupa produtoras/es e consumidoras/as de produtos lácteos; Paula Sánchez, de TRANSFORMANDO (Madrid), entidade dedicada á orientación sociolaboral, consultoría social e formación; e a propia Marta Rodríguez, de Cousas da Terra.

O sábado en Redondela será a quenda de Joan Segarra, director da Sectorial de Iniciativa Social da Federación de Cooperativas de Traballo de Catalunya. E tamén de Rosa Domínguez, do Grupo Tangente, unha cooperativa madrileña; Solange Hilbert, avogada social; e Raquel Doallo, de Cestola na Cachola.

 

Catro cooperativas

Un dos obxectivos é ampliar a rede nos vindeiros meses, ben a partir de novas cooperativas que se creen, ou de cooperativas xa existentes que pidan este cualificativo

Polo de agora son catro as cooperativas que forman parte desta rede. Un dos obxectivos é ampliar a rede nos vindeiros meses, ben a partir de novas cooperativas que se creen, ou de cooperativas xa existentes que pidan este cualificativo. A Rede realizará novas presentacións e creará unha plataforma web para facilitar a difusión e a participación.

  • Trespés, S. Coop. Galega: Traballa na consultoría, asesoría, produción de contidos, dinamización territorial, educación e formación e na investigación básica e aplicada, fomentando a participación cidadá mediante metodoloxías flexibles a cada contexto. 
  • Tempo de Loaira, S. Coop. Galega: Busca acompañar procesos orientados a acadar a xustiza e a equidade social, ofrecendo servizos nos campos de formación, xestión de proxectos e creación de ideas e da investigación social.
  • Cousas da Terra, S. Coop. Galega:  Realiza labores de formación e asesoramento nos campos da saúde e benestar, consumo consciente e responsable e ambiente sostible.
  • Cestola na Cachola, S. Coop. Galega: Cooperativa cultural centrada na pintura artística, ilustración, muralismo, fomento do consumo responsable a través da moda ética e sostible.
Cestola na Cachola é unha das cooperativas que participan na rede © Cestola na Cachola

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.