Nos últimos anos as tres universidades galegas foron quen de apoiar, acoller e impulsar ducias de proxectos empresariais a partir dalgúns dos proxectos dos seus grupos de investigación ou de iniciativas construídas de xeito individual ou colectivo por membros da comunidade universitaria. Son as spin-off, empresas baseadas no coñecemento que dan os seus primeiros pasos no seo da universidade, para despois ter unha vida completamente independente en cadanseu ámbito.
Este proceso comezou a finais dos anos noventa, e dende entón creáronse dende as universidades galegas máis de 80 empresas, unha media de máis de cinco por ano que creceu nos últimos tempos. O pasado ano foron 11 en total, catro na USC, outras catro na UdC e tres máis na Uvigo. O Observatorio para o Seguimento da I+D+i Universitaria Española sitúa os tres centros galegos ocupando unha posición semellante (entre o décimo e o duodécimo posto dun total de 45 universidades) polo numero de empresas creadas.
Nos últimos 15 anos creáronse dende as universidades galegas máis de 80 empresas, unha media de máis de cinco por ano que creceu nos últimos tempos.
Todas as universidades teñen entre os seus obxectivos o desenvolvemento profesional dos membros da súa comunidade universitaria, sobre todo do seu alumnado. E por que non facelo a través de proxectos propios. A clave que se persegue é a transferencia de coñecemento, que o traballo realizado en materia de investigación nos distintos departamentos e grupos sirva para a posta en marcha de proxectos innovadores, cunha gran capacidade para competir no mercado e de xerar valor engadido e emprego. As empresas saídas da USC xeraron ao redor de medio milleiro de empregos, e as cifras son semellantes nas compañías xurdidas da UdC e a Uvigo.
Hai uns meses María Jesús Rodríguez Gulías presentou a súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, centrada en analizar se a súa orixe universitaria exerce algún efecto sobre os resultados empresariais das spin-offs universitarias españolas. Rodríguez Gulías concluíu que, aínda que os efectos non eran "rotundos", a orixe "universitaria" ten un “efecto positivo sobre o crecemento empresarial, tanto en termos de vendas netas como de emprego, así como sobre a actividade de innovación aproximada mediante as patentes”. A tese destacaba que as spin-off universitarias “contribúen ao desenvolvemento económico e social da súa contorna mediante a creación de riqueza e de emprego e dinamizando a innovación”.
Exemplos de éxito
GalChimia foi unha das primeiras spin-off saídas da Universidade de Santiago, en 2001. Dedicada á análise e preparación de produtos químicos, é hoxe líder en España en servizos de química orgánica sintética orientada á prestación de servizos avanzados para a industria farmacolóxica. En 2011 foi recoñecida co Premio Fulget como mellor empresa do ano e en 2012 saíu ao Mercado Alternativo Bursátil. Outros exemplos son Advancell, empresa de biotecnoloxía creada no ano 2001; ou Nanogap, centrada na Nanotecnoloxía; Neoker, que traballa na creación de novos materiais, todas saídas da USC.
Máis recentemente, veñen de xurdir dende a Universidade de Santiago MD.Use!, dedicada á realización de consultaría a medida na aplicación de Dinámica Molecular para a simulación computacional de sistemas biolóxicos, químicos ou nanosistemas; ou Deroceras, unha spin-off de base tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento de modelos preditivos para a prevención, xestión e control eficiente de pragas e enfermidades dos cultivos agrícolas; ou Acuigen, centrada no campo da xenética evolutiva dos peixes; ou Biostatech, que quere ser referente nos servizos de formación e consultoría altamente especializada no campo da Bioestatística. Software 4 Sciencie Developments, Cilenis, Innolact ou Helionova son algunhas das ao redor de trinta empresas xurdidas dende a USC nos últimos 15 anos.
A orixe "universitaria" ten un “efecto positivo sobre o crecemento empresarial, tanto en termos de vendas netas como de emprego, así como sobre a actividade de innovación aproximada mediante as patentes”
O mesmo atopamos en Vigo. Nanoimmunotech é unha das empresas europeas punteiras no sector da Nanobiotecnoloxía, dedicada á caracterización físico-química e á funcionalización de nanopartículas. Sound of Numbers realiza software usado por enxeñeiros de son en todo o planeta. Azteca é unha consultoría en enxeñaría. Biotecnogal é unha das máis recentes spin-off da Universidade de Vigo, dedicada ao aproveitamento de residuos vitivinícolas e á enoloxía. Teltek Video Research ofrece solucións audiovisuais para o ámbito educativo. HCTech están centrada no deseño, fabricación e comercialización de produtos de tecnoloxía hidrográfica. Imatia é unha empresa tecnolóxica especializada no desenvolvemento de sistemas de información para empresas. Umana Ingeniería, Geodem, Planesga, Q Coach ou Inbiogal tamén saíron da Universidade de Vigo nos últimos anos.
Dende A Coruña saíron, entre outras, Appentra Solutions, dedicada á realización de ferramentas de software que permitan un uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento en todas as áreas de aplicación da enxeñaría, a ciencia e a industria. Ou Torus Software Solutions, empresa de solucións de software de comunicacións ultrarrápido que permite acelerar aplicacións en entornos onde o rendemento é crítico. Health [in] Code é unha compañía biotecnológica, creada en el año 2006, especializada no diagnóstico molecular e na xestión do coñecemento médico. Sedaqua, centrada no deseño de Sistemas Ecolóxicos de Depuración de Augas. Syntheractive empresta servizos visualmente avanzados para a televisión dixital. Bilega Energía é unha consultora de eficiencia enerxética e enerxías renovables. Ou Enxenio, empresa desenvolvedora de software.
Viveiros de empresas
A USC foi pioneira en 1998 coa creación de Uniemprende. A UdC creou en 2004 o seu viveiro de empresas
Outro dos conceptos manexados nestas iniciativas empresariais é o de start-up, proxectos que acaban de ver a luz e aos que as universidades emprestan o seu apoio, os seus medios e instalacións. As tres universidades galegas poñen a disposición dos proxectos emerxentes servizos de asesoramento, e edificios coma o Emprendia, no Campus Vida da USC, ou o ESCI (Edificio de Servizos Centrais de Investigación) da Universidade da Coruña.
A USC foi pioneira en 1998 coa creación de Uniemprende. A UdC creou en 2004 o seu viveiro de empresas, co compromiso de "acoller e axudar xente emprendedora na posta en marcha e supervivencia dos seus proxectos empresariais". As empresas solicitantes deben ter base tecnolóxica ou certo compoñente innovador e estar promovidas por membros da comunidade universitaria.
Destacan os premios Incuvi-Emprende, convocados dende hai tres anos pola Universidad de Vigo en colaboración con outras entidades
Tamén destacan os premios Incuvi-Emprende, convocados dende hai tres anos pola Universidad de Vigo en colaboración con outras entidades. Os proxectos gañadores (seis no primeiro ano e oito en cada un dos dous anos seguintes) gañan unha bolsa para traballar nunha oficina da Incubadora de empresas da Universidade de Vigo, cos gastos pagados durante un ano, ademais dun teléfono fixo con liña, un smartphone, web televisión e un bono de formación de 1.000 euros. Xa son 24 as iniciativas que foron recoñecidas neste certame, centradas en ámbitos tan diferentes coma a seguridade vial, as vivendas intelixentes, a recollida selectiva de residuos, tecnoloxías sen fíos para explotacións agrícolas, gandeiras e acuícolas, desenvolvemento de picosatélites, ou o aforro enerxético.