As traballadoras e traballadores da empresa de embalaxes Lantero, instalada en Vilagarcía de Arousa con capital holandés, levan 32 días en folga indefinida, en protesta polo despedimento de 32 compañeiros e compañeiras. A compañía decretou ademais un ERE que implica a redución dun 30% nos salarios do resto do persoal. Segundo denuncia CC.OO., a empresa, aproveitándose da reforma laboral do PP, e malia a ser un negocio máis que rendible, pon en marcha estas medidas para incrementar aínda máis os seus beneficios; o sindicato sinala que as medidas non se xustifican pola carga de traballo, sempre crecente, que mesmo obrigou a Lantero a contratar persoal suplementario de forma temporal. A empresa, ademais, foi beneficiada nos últimos anos por fondos FEDER, entre outras axudas.
Este xoves Lidia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), interveu na sesión plenaria do Parlamento Europeo co obxectivo de denunciar os despedimentos e tamén "a vulneración do dereito á folga que está a perpetrar a empresa". Os traballadores e traballadoras denuncian que a compañía, en represalia pola convocatoria do paro indefinido e "nunha actitude de forte coacción do dereito á folga", contratou unha empresa externa de seguridade que despregou na fábrica máis dunha ducia de vixiantes de seguridade, "escoltas armados con pistolas", sinalou a eurodeputada.
Senra interveu na sesión plenaria do Parlamento Europeo co obxectivo de denunciar os despedimentos e tamén "a vulneración do dereito á folga que está a perpetrar a empresa"
Ademais, segundo sinalou Senra na súa intervención, procederon á instalación de máis cámaras de vixilancia no recinto da fábrica -engadidas ás que xa existían previamente-, incluíndo unha "estratexicamente ubicada no exterior da empresa" que, segundo denuncian as persoas que traballan na mesma, ten "como única finalidade gravar as actuacións daquelas persoas que secundan a folga". Así mesmo, a empresa abriulle un "expediente sancionador contraditorio" ao presidente do Comité de Empresa, e "tentou coaccionar" todo o cadro de persoal enviándolles cartas aos seus domicilios instándoos a aceptar a rebaixa de condicións que quere impor a empresa.
Na súa intervención no Parlamento Europeo, AGEe lembrou que "estas actuacións vulneran o Dereito Fundamental á folga, recoñecido na Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea" e sinalou que "este Parlamento ten a obriga de actuar para que as institucións do Estado Español non permitan a vulneración do dereito á folga".
Os traballadores e traballadoras prepáranse para unha folga de moi longa duración
Outra das medidas de presión anunciadas por Lantero é a presentación dun novo ERE, o terceiro consecutivo, e un novo plan de viabilidade, motivados -segundo a compañía- pola nova situación creada polos 32 días de folga continuada. Todo indica que as condicións ofrecidas pola empresa serán aínda máis duras que as propostas até agora. Os traballadores e traballadoras prepáranse para unha folga de moi longa duración, unha situación para a que din estar concienciados e concienciadas e na que xa comezan a recibir a solidariedade dos cadros de persoal de empresas de toda Galicia.
Apoio na comarca
O pasado xoves 6 de novembro unha manifestación percorreu as rúas de Vilagarcía de Arousa baixo o lema "Todos somos Lantero". A marcha contou coa participación de colectivos cidadáns, traballadores e traballadoras doutras empresas da comarca, comerciantes, hostaleiros, integrantes tanto do grupo de goberno local como da oposición. O pasado ano a comarca do Salnés perdeu ao redor de 180 empresas, 70 delas en Vilagarcía.
O pasado xoves 6 de novembro unha manifestación percorreu as rúas de Vilagarcía de Arousa baixo o lema "Todos somos Lantero"
A solidariadade e o apoio son evidentes na comarca; mesmo os xogadores do Arousa, da Terceira División do fútbol galego amosaron camisolas de apoio nun partido celebrado hai uns días. De feito, xa se baralla a opción de instalar petos nos comercios e de abrir unha conta corrente para a recollida de donativos para que os traballadores e traballadoras poidan soster a protesta. Tamén se creou unha petición en change.org demandándolle á empresa que anule as medidas de axuste e mesmo os xubilados de Lantero formaron unha plataforma de apoio aos folguistas.