Co único apoio do Sindicato Independente de Traballadores (SIT), maioritario en Citroën, a mesa negociadora da factoría viguesa PSA chegou este luns a un acordo sobre as medidas de axuste salarial que a dirección da fabrica propuxo para mellorar a competitividade da planta e adxudicarse así as novas furgonetas K9.
Os vinte delegados do SIT deron o visto e prace ao axuste salarial coa oposición dos trece delegados de CCOO, UGT, CIG e CUT
Xa que logo, foron os vinte delegados do SIT os que deron o visto e prace á proposta da dirección. Os outros trece representantes dos sindicatos -6 de UGT, 3 de CCOO, 2 da CIG e 2 da CUT- votaron en contra e xa meditan levar a cabo "accións conxuntas" e non descartan unha folga para rexeitar o acordo alcanzado grazas ao único apoio dunha central sindical que é maioritaria e que tará validez durante os vindeiros cinco anos.
Os axustes que veñen de ser aceptados establecen un tope nas subidas dos soldos do 1,5% durante dous anos e, a partir dese límite, vincular a actualización das nóminas ao cobrado por prima de obxectivos. Ademais, tamén suporá a eliminación da prima de presenza -o que supón uns 500 euros menos ao ano de media-, aínda que si se manterá a prima de obxectivos dun 1,5%, que se paga en función do cumprimento dunha serie de requirimentos de calidade, contención de custos, sinistralidade laboral e absentismo.
O axuste, vinculado á adxudicación da K9, implica conxelación de varios plus e redución salarial ou de complementos
Entre outros puntos, reducirase un 5% o soldo para os traballadores que se incorporen a partir de 2015, conxélase o plus de antigüidade, redúcense nun 25% os complementos de nocturnidade e salas de lacas e báixase de 69 a 50 euros diarios o complemento de fin de semana.
A CUT xa advertira que non ía negociar ningún tipo de rebaixa salarial e que impugnaría o acordo, mentres que a CIG condenou os "recortes económicos" que, segundo denuncia, prevé a factoría e que xa levan asumindo desde hai seis anos. Comisións tamén rexeitou a proposta tras debatelo en asemblea, ao igual que fixo UGT.
Pola súau banda, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cualificou o acordo acadado en Citroën como unha noticia "moi positiva" e asegurou que hai que seguir traballando para que Vigo "siga a ser un referente no eido da automoción que permita que se desenvolvan novos proxectos industriais".