O Supremo tomba o recurso de Fadesa e Miño contra os xustiprezos

Vista aérea da urbanización de Miño © Google

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou, en maio de 2010, que o prezo por metro cadrado dos terreos expropiados aos veciños para iniciar a urbanización de Fadesa fora moi inferior ao calculado polo Goberno local. O alto tribunal galego elevou a 25,9 euros o valor do metro cadrado, lonxe dos 6,29 establecidos polo concello de Miño, gobernado polo Partido Popular. Os  afectados tiñan que ser compensados, tras esa sentenza, con vinte millóns de euros. O valor do metro cadrado depende, en calquera caso, do tipo de terreo expropiado. A día de hoxe a meirande parte dos expropiados seguen a esperar polas indemnizacións unha vez que Martinsa-Fadesa pechou xa o concurso de acredores no que entrou en 2008.

A sentenza do TSXG incluía tamén unha resolución de nulidade do acordo plenario en función do cal o Goberno comandado por Juan Maceiras outorgara a Fadesa (aínda de Manuel Jove) a licenza para edificar máis de 1.200 vivendas e un campo de golf no lugar de Perbes-San Xoán de Vilanova. Para eludir ese punto da sentenza, o concello volveu outorgar a licenza de actividade a Martinsa-Fadesa en contra do informe de secretaría municipal, como recolleron medios como Faro de Vigo ou El País.

Mais había aínda máis causas aberta no Tribunal Supremo, quen acaba de dar un novo revés tanto ao Goberno local como á empresa adxudicataria. O Alto Tribunal, en dúas sentenza do mes de xaneiro, acaba de desestimar dous recursos de casación para a unificación de doutrina interpostos polo concello de Miño. Este tipo de recursos interpóñense contra resolucións que as partes afectadas consideran contraditorias entre si. Concello e empresa (codemandante) entenderon que había xurisprudencia no TSXG que se contradicía entre varias sentenzas en relación ao xustiprezo reclamado por alomenos dous afectados.

Mais o Supremo entende que "non hai contradicción", pois "a diferenza entre os pronunciamentos aparece xustificada" pola "valoración das probas". Cada caso particular (dos afectados) pode ter, polo tanto, unhas circunstancias específicas. O Supremo finiquita a posibilidade de máis recursos por parte do Goberno local coruñés e da empresa, e obriga ao concello a facer fronte aos honorarios dos letrados.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.