O paro volve subir en Galicia, que racha incluso a feble tendencia positiva do Estado

Unha oficina de emprego na Coruña © Google

O paro baixa no conxunto do Estado pero sobe en Galicia, que é a segunda comunidade autónoma onde máis se incrementou o desemprego no pasado mes de novembro. Así, no país hai 4.588 persoas máis rexistradas nos servizos públicos de emprego (+1,9%), quedando a cifra total en 248.632 parados, un 8,2% e 22.222 menos que hai un ano.

Galicia suma 4.580 parados máis en novembro e é a segunda autonomía onde máis se incrementa o número de desempregados

É o terceiro ascenso consecutivo do paro en Galicia, o que deixa xa moi lonxe aqueles datos que fixeron que a autonomía liderase a caída do desemprego no Estado no pasado mes de agosto. Foi un espellismo provocado polas contratacións estivais e a campaña de verán. O desemprego volveu subir en setembro en 1.264 persoas e noutras 5.841 en outubro. En novembro, tan só Illes Balears rexistrou un peor dato, con case 9.000 rexistrados máis nas oficinas de emprego.

O dato é aínda peor se temos en conta que a afiliación á Seguridade Social en Galicia baixou no mes de novembro en 4.100 persoas (-0,44%), polo que o total de afiliados situouse en 928.660 traballadores. En relación co mesmo mes do ano anterior, a cifra aumentou en 11.900 persoas. É este dato interanual o único positivo, xa que as cifras do mes de novembro deixan claro o empeoramento do mercado laboral en Galicia, que mesmo racha coa feble e precaria tendencia positiva no conxunto de España.

Galicia perde 4.100 afiliados á Seguridade Social mentres no Estado aumentan en máis de 5.000

Por sectores, o incremento do paro concéntrase de novo no sector servizos (+3.002). A continuación sitúase, aínda que con diferenza, a construción (+614), seguida pola agricultura e a pesca (+486), o colectivo sen emprego anterior (+336), e a industria (+150). Por provincias, o desemprego subiu en todas elas. O principal incremento detectouse na Coruña (+1.764); seguida por Ourense (+993); Lugo (+974) e Pontevedra (+857).

En novembro rexistráronse case 21.000 contratos menos que no mes anterior, o 91% deles temporais

En canto aos contratos, no pasado mes de novembro rexistráronse un total de 57.331 contratos, 20.840 menos que no mes anterior. Deste total, 4.925 foron indefinidos (8,59%), e 52.406 temporais (91,41%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 2,84%

Mentres en Galicia volve incrementarse o número de desempregados, no conxunto do Estado baixa lixeiramente en 14.688 persoas, até se situar en algo máis de 4,5 millóns (4.512.116), unha escasa e insuficiente mellora, pero positiva ao fin e ao cabo. Ademais, hai en España 296.792 desempregados menos que hai un ano e case 190.000 menos desde que comezara este ano 2014.

En termos desestacionalizados, o paro rexistrado diminuíu no Estado en 51.308 persoas neste penúltimo mes do ano, o mellor dato dun mes de novembro de toda a serie, tal e como teima en destacar o Goberno central, que insiste no bo resultado destas cifras, malia a modestia que supoñen para o drama do desemprego.

A estatística do Ministerio de Emprego, como sempre, non amosa a evolución da poboación activa (a que está na procura de traballo), senón a das persoas inscritas nas oficinas de emprego. Así, a diferenza entre a redución do paro e a suba da afiliación á Seguridade Social -que se incrementa en 5.232 persoas en España- pode ser debido a que unha parte da baixada do desemprego é debida a unha perda de inscritos no paro, mentres que a outra si correspondería á creación de emprego. De eliminármonos os datos do efecto estacional, a diferenza aínda é maior: o paro baixa en máis de 50.000 persoas e a afiliación crece en 95.040.

Non é o caso de Galicia, onde medra o paro e baixan os afiliados á Seguridade Social. É unha constatación da perda de emprego e do mal comportamento do mercado laboral no país.

Non obstante, a Xunta buscoulle o lado positivo ás cifras e presume de que o descenso interanual "supón que Galicia acumula xa máis dun ano (trece meses) de baixadas consecutivas en termos interanuais, o que confirma a contención da destrución de emprego".

A Xunta presume da "contención da destrución de emprego" e destaca o comportamento interanual do paro

Así falou a directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz, que apuntou que “non se pode facer unha valoración positiva” ao terse rexistrado un incremento mensual do desemprego, pero aclarou que é “habitual” nos meses de novembro. En concreto, asegura que os datos interanuais mostran o “comportamento desestacionalizado” do desemprego.

"Grazas a esta evolución, Galicia rematou este mes de novembro con menos parados dos que había no mesmo mes de novembro de 2013, 2012 e 2011; isto é, volvemos a niveis de paro inferiores aos de 2011”, asegurou, logo de que nun comunicado o Goberno galego teimase en destacar os datos interanuais como "os mellores dun mes de novembro en termos absolutos de toda a serie histórica e a mellor cifra desde 1999 en termos relativos".

Mentres Galicia é a segunda peor autonomía en comportamento do emprego en novembro, a Xunta destaca que desde xaneiro, o descenso do paro en máis de 32.000 persoas sítúaa como a segunda onde máis descendeu en 2014.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.