A precariedade laboral ou o desemprego son dous dos factores que contribuíron a construír un dos principais fenómenos da vixente crise económica: o incremento do peso de subsidios como as pensións de xubilación no sustento dos fogares. Máis alá dos lugares comúns esta é, precisamente, a imaxe que reflicte, apoiada en datos, a matriz de contabilidade social que vén de facer pública o Instituto Galego de Estatística para o período referido aos primeiros anos da crise, o período 2008-2011. Neses anos, segundo o IGE, os salarios deixaron de ser o sustento da maioría dos fogares de Galicia mentres se incrementaron significativamente as familias que pasaron a ter que vivir de prestacións como as pensións ou as axudas por desemprego.
No ano 2008 un chisco máis da metade dos fogares de Galicia, o 50,3%, tiñan os salarios como a súa principal fonte de renda. Sumados ás rendas mixtas -ingresos derivados do traballo por conta propia- configuraban un panorama no que máis do 60% dos fogares vivían principalmente das rendas derivadas do traballo. En apenas tres anos produciuse o que o propio IGE define como un "cambio moi significativo" para un "curto período de tempo": unha caída de catro puntos do peso dos fogares co traballo como principal fonte de renda.
Así, no ano 2011 os salarios pasaron de ser o sustento principal do 46,8% dos fogares, case catro puntos menos, mentres que as rendas mixtas descenderon seis décimas, ata o 9,2%. Paralelamente, as pensións contributivas, como as de xubilación, convertéronse na base económica do 36,3%, unha suba de 1,2 puntos. O incremento foi aínda maior no sector dos fogares que sobreviven grazas ás prestacións por desemprego, ás pensións non contributivas ou outro tipo de rendas: do 4,8% de 2008 ao 7,7% do ano 2011.
A masa salarial galega diminuíu case un 5% en tres anos
Mentres diminuían os fogares que poden vivir do traballo dos seus membros as persoas que seguen percibindo ingresos grazas ao seu emprego viron como estes minguaban. Así, no ano 2008 a masa salarial galega chegaba aos 21,2 millóns de euros e en 2011 quedou en 20,1 millóns, unha caída próxima ao 5%. No caso das rendas mixtas, os ingresos do traballo por conta propia, o descenso foi aínda máis acusado, superando o 14% neses tres anos, nos que pasaron de representar máis de 8 millóns de euros a quedar nos 6,9. Isto implicou que este tipo de rendas pasasen de ser o 13,9% do PIB galego ao 12,3%.
Os salarios representan só a metade do consumo mentres medra o apoiado en pensións e subsidios de desemprego
Todas estas cifras tiveron a súa repercusión directa no consumo que, en termos xerais, diminuíu un 2%. "Esta diminución -explica o IGE- concéntrase no volume de gasto dos fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo". Deste xeito, os fogares sustentados por salarios son só a metade do consumo total en Galicia, mentre que as familias que teñen que vivir de pensións pesan un 29%. No caso das persoas que perciben pensións por desemprego, o seu peso no consumo incrementou no entorno do 50%.