Unha cadea humana reclama futuro laboral para a comarca de Ferrol

Cadea humana na ponte das Pías CC-BY-SA CIG

Centos de persoas -unhas 2.000 segundo os organizadores- uníronse hoxe polas mans na Ponte das Pías de Ferrol para formar unha cadea humana en defensa do naval e do futuro laboral e económico da comarca. Convocados pola CIG, e malia o mal tempo e a chuvia, o acto de protesta e reivindicación foi un éxito que rematou cunha botadura simbólica de dúas embarcacións a unha ría que non hai moito enchía de traballo á cidade e á súa bisbarra, pero que agora acumula as taxas máis elevadas de desemprego de Galicia e das peores do Estado e de Europa.

A CIG mobilizou centos de persoas para "denunciar a situación de emerxencia social que sofre a comarca"

Baixo o lema Amarra o teu Futuro, a CIG foi quen de mobilizar centos de persoas para "denunciar a situación de emerxencia social que sofre a comarca". Fixérono "xuntando as dúas beiras da ría onde hai estaleiros públicos", tal e como lembrou  o scretario comarcal da central nacionalista, Xesús López Pintos. O sindicato insiste na necesidade de "actuacións inmediatas que permitan a reindustrialización e diversificación industrial da comarca".

"Necesitamos dunha reindustrialización, pero sen carga de traballo no naval, será inútil falar de reindustrialización"

"Necesitamos dunha reindustrialización, pero non é menos certo que hai un sector fundamental para a comarca, o naval, que se non se dota de carga de traballo, será inútil falar de reindustrialización", dixo tamén Manuel Grandal, covoceiro da CIG na comarca. Foi un dos asistentes a unha reivindicación na que tamén estiveron o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, xunto ao portavoz nacionalista no Parlamento, Francisco Jorquera, ou a voceira de AGE na Cámara galega, Yolanda Díaz, entre outros

A CIG incide en que Ferrolterra "se xoga moito" nestas datas. O sindicato repara na dependencia da comarca dos Orzamentos Xerais do Estado, que se atopan en tramitación, e dos que dependen reivindicación básicas para a comarca.

Así, a central nacionalista lembra a comprometida e non consolidada construción do dique, sexa flotante ou de terra, e do que políticos do PP de Ferrol "teñen negado a súa viabilidade, esquecendo aquela posta en escena en Madrid na que alcaldes dos concellos de Ferrol-Eume e Ortegal e cargos do PP se mobilizaron diante da SEPI en demanda de carga de traballo para os estaleiros". “A Xunta e as alcaldías do PP da comarca xa asumiron dar por calado o tema do dique. E mentres a propia Navantia asume como ferramenta necesaria esta infraestrutura, a Xunta lávase as mans e os Concellos tamén”, denuncia.

A CIG critica tamén a actitude que o PP mantén co levantamento do veto a finais deste mes, mais que pode quedar como “papel mollado, se non forzamos aos gobernos a apostar pola construción naval civil” na comarca. Neste senso lembra que, a pesar da proximidade da fin do veto, até o momento "nin se teñen preparado equipos técnicos nin se buscaron acordos que permitan traer construción civil" e revitalizar un estaleiro como o de Fene “que leva practicamente 30 anos paralizado”.

Ademais, o voceiro do BNG, Xavier Vence, foi moi crítico co Goberno central. “O que me gustaría e que estes días que o señor Rajoy está proclamando que a crise xa é historia veña a Ferrol a explicarlle á cidadanía onde está o final desa crise, porque aquí o que temos é unha taxa de paro que supera o 30% e un proceso de destrución de empresas con ameaza de peche incluso dalgunhas tan importantes como é o caso de Megasa”, reclamou no acto.

Cadea humana na ponte das Pías CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.