A maior parte da poboación galega asalariada cobra menos de 6.000 euros ou entre 15.000 e 20.000 euros ao ano, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, que tamén recolle como significativos os grupos de poboación que perciben entre 20.000 e 30.000 euros e, en menor medida, entre 12.000 e 15.000. En plena crise económica e dadas a preocupantes cifras de paro o debate dos salarios caeu a un segundo plano da actualidade o que non impide, no entanto, que Galicia siga a sufrir unha notable fenda salarial a respecto do resto do Estado. Concretamente, dunha media duns 200 euros ao mes.
Sempre tendo en conta que se trata de magnitudes medias, o custo salarial total -indicador que mide as percepcións que o persoal asalariado percibe mensualmente, así como as pagas extra e os pagamentos atrasados- situouse durante o terceiro trimestre do ano en Galicia en 1.602,77 euros ao mes, un 4% menos que no trimestre anterior e un 0,24% máis que no mesmo trimestre do pasado ano. Botando a vista atrás ata o ano 2008, cando as economías galega e española xa estaban inmersas na crise, é posible concluír que a diferenza co Estado non só non se reduciu en absoluto, senón que aumentou un chisco.
Naquel terceiro trimestre de hai seis anos o custo salarial medio en Galicia era de de 1.528,17 euros ao mes, 194 euros por baixo da media estatal que situaban os custos salariais galegos como os cuartos máis baratos do Estado, lonxe da media e aínda máis lonxe dos máis de 2.000 euros mensuais de Euskadi, a autonomía que encabeza este rexistro. Os datos máis recentes do INE indican que no terceiro trimestre deste 2014 Galicia apenas ascendeu un posto, do cuarto ao quinto, e a diferenza coa media medrou ata os 197,69 euros ao mes.
O custo salarial medio en Galicia situouse en 1.602,77 euros no terceiro trimestre, 197 euros menos que a media do Estado
Neste escenario, para atopar uns custos salariais máis baixos que en Galicia cómpre a Murcia, á Comunitat Valenciana, a Canarias e a Extremadura, que pecha a lista. Seis anos atrás os salarios galegos estaban por diante de Murcia, Canarias e Extremadura. Na parte alta, como en 2008, continúa Euskadi, agora con 2.213 euros ao mes, un 4,74% máis que supón un medre porcentual practicamente idéntico ao galego. Así as cousas, as posicións practicamente non se moven, toda vez que, como ao inicio do período analizado, continúan nos primeiros postos autonomías como Madrid, Navarra ou Catalunya, as tres por riba da media estatal xunto aos devanditos salarios vascos.
Nos postos de cabeza en horas traballadas
Que os custos salariais galegos sexan dos inferiores do Estado e estean notablemente por baixo da media non implica que os persoal asalariado do país traballe menos que o do resto do Estado. Ben ao contrario, a súa posición salarial contrasta co posto que ocupa ao comparar as horas efectivas de traballo en cada territorio. Así, os datos máis recentes indican que no terceiro trimestre do ano os asalariados e asalariadas de Galicia traballaron unha media de 129,20 horas mensuais, só por tras de Balears, onde superaron as 135, e notablemente por riba da media estatal, que acadou as 125,20 horas ao mes.
Como é posible observar no gráfico superior ao comezo do período analizado, no terceiro trimestre de 2008, as horas efectivas de traballo eran máis que en Galicia en ata cinco autonomías (Balears, Canarias, Extremadura, Castilla-La Mancha e Andalucía. Daquela a diferenza entre Galicia e a media do Estado era dunhas cinco horas, unha máis que na actualidade. En ambos casos o menor número de horas efectivas traballadas é o de Euskadi onde, precisamente, o custo salarial é maior.