Jorquera pedirá no Congreso que NCG se converta nun banco público galego

Xavier Vence, Fernández Lores e Jorquera © BNG

A proposta de converter Novagalicia nun banco público chegará ao Congreso. O portavoz do BNG na Cámara Baixa, Francisco Jorquera, anunciou este sábado en Pontevedra que defenderá unha iniciativa para modificar a actual normativa de reestruturación do sistema bancario para permitir que NCG se converta nunha entidade pública

Segundo Jorquera, que defenderá a iniciativa neste mesmo mes de maio, este será o único modo de que Galicia conte con financiamento para a súa economía produtiva, as súas empresas e para evitar o "espolio" do aforro galego e asegurar así que este reverta no desenvolvemento do país.

"Só así Galicia poderá contar con financiamento para a súa economía produtiva"

O candidato á Xunta polo Bloque fixo este anuncio durante unhas xornadas sobre as propostas do BNG para o sistema financeiro nas que tamén participou, entre outros, o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e o ecomista Xavier Vence, que participara hai tan só uns días na presentación da proposta de banca pública galega que fixera a formación nacionalista.

Francisco Jorquera defendeu con rotunidade un cambio de modelo cuxa única alternativa pasa por unha banca pública "xestionada con criterios de país". "Chegamos a esta situación pola falta de tutela real e efectiva sobre o sector financeiro", resumiu o voceiro do BNG, que lembrou que o capital maioritario de NCG Banco é público ao estar intervido polo FROB. O Bloque propón aumentar o período desta participación do fondo estatal e consolidala no tempo. 

Para Jorquera, o principal problema para o España non é a débeda pública, "senón o altísimo endebedamento privado, da banca privada, que está a asfixiar a moitas empresas e dificulta a creación de emprego ao non poder acceder ao financiamento". Así, insistiu en que as alternativas á banca pública galega colocan o país entre "guatemala e guatepeor", xa que as opcións van dun fondo estranxeiro ou que se poxe a entidade para que a adquira un banco privado, que podería ser o Santander, tal e como adiantou o seu presidente, Emilio Botín

Xavier Vence, Fernández Lores e Jorquera © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.