O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou este martes o Centro Mixto de investigación en avións non tripulados de Rozas (Castro de Rei), participado pola Xunta e polo Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, dependente do Ministerio de Defensa. O proxecto conta cun investimento de dez millóns de euros, oito procedentes do Estado central e outros dous da Xunta, que servirán para converter as instalacións do aeródromo nun centro de referencia para a fabricación e desenvolvemento de avións non tripulados ou drons.
Na presentación, Núñez Feijóo teimou, como viñera facendo en anteriores ocasións, en destacar unicamente os usos civís que estas instalacións terán. Efectivamente, o centro de investigación servirá para probar aeronaves que terán aplicacións para a industria pesqueira ("para a localización de bancos de peixes ou a xestión con máis información de mareas vermellas e facilitará a vixilancia da contaminación e o furtivismo"), no sector forestal ("estes dispositivos achegan grandes vantaxes á hora de controlar incendios ou pragas que poidan afectar os nosos montes", destaca a Xunta) ou para a agricultura ("esta tecnoloxía permitirá mellorar a capacidade para localizar recursos hídricos, así como para sementar, fumigar ou inspeccionar cultivos").
Núñez Feijóo teimou, como viñera facendo en anteriores ocasións, en destacar unicamente os usos civís que estas instalacións terán
Porén, o Aeródromo de Rozas e o centro de investigación que alí se instalará terá tamén un uso militar, para o desenvolvemento de novo armamento e de aeronaves de combate, por moito que o Goberno galego se esforza en ocultalo. Na presentación desta mañá participaron directivos de empresas multinacionais fabricantes de armas, como Airbus Defense e EADS, e tamén representantes do Ministerio de Defensa, que si fixeron referencia aos usos militares que terá Rozas. De feito, xa nos últimos anos Rozas serviu para realizar probas do Atlante, un dron de Cassidian-Airbus de máis de 500 quilogramos, que será modificado por MBDA para incorporarlle armamento.
Ramón Vázquez definiu a presentación do proxecto realizada por Núñez Feijóo como "un exercicio de mentira e opacidade"
Na presentación estiveron presentes a viceportavoz de AGE no Parlamento galego Yolanda Díaz e o deputado Ramón Vázquez, que vén denunciando nos últimos meses o proceso de "militarización" da Terra Cha, en referencia aos usos militares do aeródromo de Rozas e tamén á instalación dun valado con concertinas ao redor do campamento de Parga.
Ramón Vázquez definiu a presentación do proxecto realizada por Núñez Feijóo como "un exercicio de mentira e opacidade". "É totalmente inverosímil que o Ministerio de Defensa vaia adaptar o aeródromo de Rozas para usalo na fabricación de drons exclusivamente civís", di Vázquez. "A cidadanía ten dereito a saber a verdade, e é inaceptable que o presidente da Xunta continúe a insistir nesta mentira", afirma. "Todos sabemos con que finsse están utilizando os drons militares en todos os conflitos do planeta, onde son responsables de masacres e asasinatos", engade.
Yolanda Díaz e Ramón Vázquez tamén criticaron o gasto en Rozas de dez millóns de euros das contas públicas galegas e españolas, así coma de fondos europeos, "un desbaldimento de cartos" mentres a Xunta "nega a a igualdade de acceso á sanidade da cidadanía de Lugo ao non dotar de servizos esenciais como hemodinámica ou radioterapia o Hospital de Lugo”.
Os dez millóns de euros que se destinarán a Rozas gastaranse na remodelación das actuais instalacións do aeródromo, un complexo de 370 hectáreas de superficie. As obras prevén a construción dun novo hangar; a reforma da torre de control, que disporá de modernos equipos de seguimento; e a dotación do equipamento tecnolóxico e dos sistemas de telecomunicacións máis avanzados. A Xunta destaca que este investimento de dez millóns de euros en Rozas servirá para crear uns 50 postos de traballo. Porén, dende AGE sinálase que estes empregos serán dunha moi elevada cualificación, polo que apenas terán repercusión real na comarca ou no conxunto de Galicia.
"A Xunta está utilizando estas empresas e estes empresarios, que confían en que se abra un sector de negocio que en realidade vai permanecer pechado para eles, tal e como está concibido o proxecto de Rozas"
Outro dos argumentos empregados polo Goberno galego para defender o proxecto é o das oportunidades que pode xerar para empresas galegas do sector da aeronáutica, como Delta Vigo S.L. ou Componentes Aeronáuticos S.A (COASA). Ramón Vázquez subliña, no entanto, que a Xunta "está a enganar a estas e outras empresas galegas", pois -explica- os pequenos avións que desenvolven estas empresas son moi distintos aos que xa se están probando en Rozas, de ata nove metros de envergadura. "A Xunta está utilizando estas empresas e estes empresarios, que confían en que se abra un sector de negocio que en realidade vai permanecer pechado para eles, tal e como está concibido o proxecto de Rozas. Estase a aproveitar da boa fe do sector auronáutico galego", destaca.
Para Ramón Vázquez, a alta tecnoloxía e os sectores estratéxicos da economía "deben estar baixo supervisión e control públicos". Dende AGE tamén se lle pide á Xunta que faga público se o aeródromo de Rozas conta con todas as autorizacións necesarias para servir de base de experimentación con avións non tripulados e as certificacións da Axencia Estatal de Seguridade Aérea e da correspondente axencia europea. Tamén preguntan "por que razón non permiten ás deputadas e deputados de Alternativa Galega de Esquerda a entrada en Rozas".