Abandona Abanca a lingua galega?

Publicidade de Abanca en castelán © Abanca

O idioma vehicular de Abanca pasará a ser o castelán. Esa é a intención da entidade bancaria resultado da desaparición das dúas grandes caixas galegas e dun polémico proceso de fusión. Varios carteis publicitarios apareceron xa nos últimos meses exclusivamente en castelán nalgunhas das súas oficinas, algo que até o de agora non era o habitual. E fontes coñecedoras das decisións deste banco privado aseguran que a decisión é facer do español a súa comunicación pública de carácter xeral, tanto na publicidade como na sinalética ou a información aos clientes. Pola contra, o catalán seguirá a ser a lingua na que vehicule a comunicación en Cataluña.

Abanca decidiu facer do castelán a súa lingua vehicular en Galicia; en Cataluña é o catalán

Esta decisión, sempre segundo as mesmas fontes, chega xusto cando Abanca está a recuperar a cota de mercado que a antiga fusión das caixas acadara no mercado galego e cando semella que está a conseguir fidelizar os galegos e o sector empresarial do país que foi o seu cliente clásico para evitar a fuxida que antes sufrira.

A entidade bancaria pertencente ao grupo venezolano Banesco adoita utilizar o galego en toda a súa cartelería e mesmo na sinalética interior nas oficinas. Non obstante, desde hai unhas semanas tanto a información á clientela como boa parte dos carteis pasaron ao castelán en diferentes puntos. O español foi a lingua maioritaria e case exclusiva na campaña de Nadal.

A decisión provocou xa algunha protesta de clientes, que envían mensaxes a través de Twitter tanto ao presidente do grupo, Juan Carlos Escotet (@jescotet) como ao propio banco (@somosabanca). Tamén na súa páxina de Facebook -onde o español é case exclusivo- houbo comentarios en contra desta decisión, así como a través de formularios no seu propio portal web.

Publicidade de Abanca en castelán © Abanca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.