A gasolina máis barata de Galicia custa un 20% máis que a de menor importe do Estado

Gasolineira coa gasolina máis barata de Galicia, en Outeiro de Rei © Google

A baixada continuada dos prezos do petróleo nos mercados internacionais está permitindo atopar nas estacións de servizo combustibles a prezos inéditos dende hai máis de tres anos. Así e todo, a caída na cotización do cru non impide, igual que tampouco o fai a presenza dunha refinaría na Coruña, que Galicia siga á cabeza do Estado nos prezos de venda ao público de gasolina e tamén de gasóleo, carburante habitualmente máis barato nos surtidores. Segundo os prezos rexistrados polo Ministerio de Industria na última semana a diferenza de prezo entre o litro de gasolina máis barato de Galicia e o de menor importe do Estado achégase ao 20%.

A data deste 8 de xaneiro a estación de servizo máis económica do país para repostar gasolina atópase na estrada N-VI ao seu paso pola localidade lucense de Outeiro de Rei. Alí un litro de gasolina custa actualmente 1,08 euros, un prezo notablemente dos importes medios tanto estatal como galego. Así e todo, o importe a pagar en Outeiro é relativamente caro ao ser comparado cos surtidores máis baratos do Estado, situados, como adoito, nas illas Canarias, concretamente en Las Palmas, dado o réxime fiscal do arquipélago. Alí, na localidade de Caleta de Fuste, Repsol ofrece a gasolina a 0,909 euros o litro, un prezo por baixo do euro que poucos condutores lembran en Galicia e que non é posible atopar en ningunhas vinte gasolineiras máis baratas do país. A diferenza coa gasolineira máis barata da península, situada en Huesca, é dun 11%.

Aínda que nunha porcentaxe menor, a diferenza entre o combustible máis barato de Galicia e do Estado tamén é notable no que atinxe ao gasóleo. Neste caso o prezo máis asequible en territorio galego atópase na gasolineira Cobideza de Santa Baia, en Lalín, onde este carburante queda en 1,01 euros por litro. O prezo máis baixo do Estado rexístrase tamén neste caso en Canarias onde, na mesma localidade de Caleta de Fuste, Repsol cobra o seu gasóleo a 0,88 euros o litro.

Esta diferenza de prezos prodúcese nun contexto no que as devanditas baixadas de prezos do petróleo non só non serviron para reducir a fenda do prezo medio dos carburantes que vén existindo entre Galicia e o conxunto do Estado, senón que a incrementaron levemente. Así, entre xuño e novembro de 2014 -último dato dispoñible- o importe do litro de gasolina descendeu un 7,9% de media en Galicia mentres que o fixo un 8,2% en España. Do mesmo xeito, o prezo do gasóleo minguou un 5,3% nas estacións de servizo instaladas en territorio galego mentres que se recortou un 5,86% de media estatal.

Todo isto sucede nun contexto no que, dende a primavera de 2014, a Xunta vén admitindo o agravio comparativo dos prezos do combustible galego e no que, asegura, favorecerá a apertura de novas gasolineiras para aumentar a competencia e contribuír á baixada dos prezos. Así, durante o pasado verán a conselleira de Facenda anunciaba a remisión dun informe ao respecto á Comisión Nacional de Mercados y Competencia toda vez que, sinalaba, "non é normal" que "existindo unha refinaría en Galicia, o custo dos carburantes sexa dos máis caros de España antes de impostos".

Hai unha década a gasolina era un 50% máis barata en Galicia

Mentres as persoas usuarias agardan polos resultados desas medidas o certo é que as baixadas dos últimos meses non compensan, nin de lonxe, os incrementos de prezos experimentados polos combustibles dende o ano 2009. Tampouco se regresou, nin moito menos, aos valores de hai unha década, cando encher o depósito dun coche diésel en Galicia custaba un 35% menos que na actualidade e a gasolina era case un 50% máis barata que a finais de 2014.

Estación de servizo coa gasolina máis cara de Galicia, segundo Industria, en Porto do Son © Google

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.