Por que privatiza o INE os traballos da EPA?

Sede en Madrid do INE CC-BY-SA Luis García

O INE está a privatizar a recollida de datos e o estudo das mostras e ratios da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e a de Presupostos Familiares. Segundo denuncia a CIG, os xestores do Instituto Nacional de Estatística están a encargar a unha empresa externa os labores destes dous inquéritos, probablemente os de maior relevancia que leva a cabo o organismo.

O INE externaliza a recollida de datos e estudo das mostras da Enquisa de Poboación Activa

Así o denuncia o sindicato e traballadores do propio INE, que aseguran a Praza que é "a primeira vez en cincuenta anos" que se privatizan estes traballos da EPA e que se preguntan "cales son as intencións" que levan a este organismo autónomo, pero vinculado á Administración, a dar este paso. Ademais, denuncian que o encargo deste servizo a compañías alleas é "máis caro" e supón tamén que estas firmas teñan acceso a datos, tanto persoais como a nivel de conxuntura económica e social global, de enorme importancia para o Estado.

A privatización destes traballos lévase a cabo de forma "paralela", é dicir, mentres que traballadores do propio INE -dependente da Secretaría de Estado de Economía- realizan os labores de recollida de datos e estudo das mostras, outros traballadores dunha compañía externa fan o mesmo traballo para complementalo, algo que se levou a cabo noutras enquisas de menor importancia pero nunca nas que teñen que ver coa EPA ou os Presupostos Familiares. Ocorre así, por exemplo, na delegación de Madrid, aínda que en Galicia son os propios empregados do INE os que están a realizar os traballos. Polo momento.

A anterior privatización de estudos menos importantes obrigara a técnicos do INE a revisalos pola "multitude de erros" cometidos

O caso é que o INE xa realizara hai anos contratacións temporais de persoal para realizar enquisas puntuais e de carácter temporal que non podía levar a cabo co seu cadro de persoal fixo, tal e como lembra a CIG. Como consecuencia destas contratacións temporais, o organismo recibiu varias sentenzas que o obrigan a contratar estes traballadores, "algo que a xefatura se negou a cumprir durante tempo".

Antes da crise, a dirección do INE decidiu externalizar todas estas enquisas temporais e puntuais e fíxoo "con maior custo económico e menor calidade". De feito, segundo denuncia a CIG, o propio persoal do INE "tivo que volver recoller, codificar ou revisar os traballos,  xa que os datos subministrados por estas empresas externas contiñan multitude de erros".

Coa chegada da crise, os recortes e a falta de orzamento -o INE reduciu o seu cadro de persoal de maneira importante-, os dirixentes do organismo volveron internalizar esas enquisas, pero non para que fosen elaboradas polos traballadores con sentenzas favorables para que fosen eles os destinatarios, senón por parte dun persoal fixo que "as máis das veces xa non é quen de asumir os traballos das enquisas continuas que teñen asignados".

"Manexan datos moi sensibles dos cidadáns cuns estudos cun gran prestixio entre as institucións públicas e privadas"

Agora, o INE atopa serios problemas para levar a cabo as enquisas asignadas de forma permanente -como a da EPA ou o IPC-, pero en lugar de contar con estes traballadores "aos que ten que chamar por imperativo xudicial", decide "privatizar a recollida, esuto das mostras e ratio de dúas das enquisas con maior relevancia das que realiza o INE: a de Poboación Activa e a de Presupostos Familiares",

"Faino con custos moi superiores aos que terían se fosen realizadas con medios propios e  manexando datos moi sensibles dos cidadáns; ademais, nuns estudos que nunca se fixeran anteriormente por parte dunha empresa privada, xa que son estudos que contan cun gran prestixio entre a cidadanía e entre as institucións públicas e privadas pola súa obxectividade e imparcialidade", di José María Pereira, da sección sindical da CIG na Delegación Provincial do INE na Coruña.

"Dáse o paradoxo de que despiden traballadores temporais destinados a estes traballos para contratar unha empresa externa que sae máis cara; e todo para estes traballos tan importantes. Non sabemos cal é a intención e temos dúbidas sobre por que se cambia agora un método que estivo inalterable durante cincuenta anos", insiste Pereira.

Sede en Madrid do INE CC-BY-SA Luis García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.