Case a metade das persoas que causaron baixa no paro durante 2014 non atoparan traballo

Participantes nun obradoiro para persoas desempregadas © Xunta

O paro rexistrado, dato que recolle as inscricións nas oficinas de emprego, vén ofrecendo malos diagnósticos sobre o panorama laboral galego nos últimos meses, toda vez que o desemprego sobe mentres baixa no conxunto do Estado. Dende a Xunta, non obstante e á espera dos resultados da Enquisa de Poboación Activa que se coñecerán esta semana, óptase por salientar o dato interanual, que reflicte un descenso de algo máis de 19.000 persoas inscritas durante o pasado ano, o que implica unha baixada de arredor dun 7%. Así e todo, ambos diagnósticos, o mensual e o anual, deixan de lado un indicador que non dá mellorado: case a metade das baixas nas oficinas de emprego non se producen porque as persoas inscritas atopan un traballo.

Segundo os datos recompilados polo Instituto Galego de Estatística durante 2014 producíronse case medio millón de baixas de persoas demandantes de emprego no país. Foron, concretamente, 496.251 baixas de demanda das que algo máis de 274.000 tiveron como causa a colocación. As restantes, practicamente o 45% do total, producíronse por "non renovación" da demanda, isto é, porque a persoa demandante de emprego non selou a popularmente coñecida como tarxeta do paro na data correspondente, ou por "outras causas", entre as que figura de forma destacada a realización de cursos de formación e doutro tipo de estudos. Este último suposto aumentou un 3% a respecto de 2013.

Malia este complicado panorama xeral algúns dos datos laborais melloraron moi levemente durante o 2014. Así, as baixas por non renovación da demanda, habitualmente asociadas ao denominado "efecto desánimo", descenderon un 11% con relación ao ano anterior e os casos nos que a baixa se produciu por colocación aumentaron nunha proporción semellante. Con todo, estas cifras revelan tamén que na suposta recuperación económica o Servizo Público de Emprego é aínda menos efectivo como vía para atopar traballo: as colocacións que se produciron grazas a unha oferta do antigo INEM foron o 2,70% do total, cunha cifra absoluta de 7.419 colocacións, a máis baixa dende o inicio da crise.

De volta ao mercado laboral pola vía da precariedade

O incremento das baixas por colocación tivo tamén a súa tradución na sinatura duns 80.000 contratos máis que en 2013, quedando a cifra global en algo máis de 786.000, case 100.000 máis que no ano 2009. Este aumento nas contratacións non implica, como reflicten os datos de afiliación á Seguridade Social, que haxa moita más xente traballando e, moito menos aínda, que eses novos empregos sexan estables ou de calidade ou con mellores salarios. Así, no ano 2014 asináronse en Galicia 79.415 contratos máis que en 2014, pero deles apenas o 10% foron indefinidos.

O 2014 foi o ano con máis contratos eventuais ou de obra en Galicia dende o inicio da crise

De novo segundo os datos oficiais o 2014 foi o ano con máis contratos de obra e servizo ou eventuais dende o inicio da crise, case 600.000, o que significa unha suba interanual de máis do 10%. Mentres, Galicia pechou o ano con algo máis de 60.000 contratos indefinidos -suma dos novos contratos e das conversións doutras contratacións en indefinidas-, o que representa unha suba interanual do 14% pero tamén que unha caída do 7% a respecto do ano 2009. Mentres, os contratos eventuais e de obra foron un 21% máis que nese mesmo ano.

A fotografía das novas contratacións en Galicia complétase con contratos como as interinidades, as prácticas ou os contratos de formación, os máis estables durante toda a crise económica. Así, no ano 2009 o IGE rexistraba algo máis de 116.000 destes contratos, que nos anos seguintes caeron levemente ata quedar na contorna dos 103.000 en 2012 e 2013. Xa en 2014 estas contratacións superaron as 115.000.

Participantes nun obradoiro para persoas desempregadas © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.