Lantero: Máis de 100 días de folga, co éxito un pouco máis cerca

Manifestación de apoio aos traballadores de Lantero © Lantero Ere Vilagarcía

O pasado 13 de outubro os traballadores e traballadoras da empresa de embalaxes Lantero, instalada en Vilagarcía de Arousa con capital holandés, iniciaron unha folga que, superados xa os cen días, vai camiño de converterse nunha das máis prolongadas dos últimos anos en Galicia. A protesta iniciouse tralo despedimento de 32 compañeiros e compañeiras a redución dun 30% nos salarios do resto do persoal. Posteriormente a empresa presentou un ERE que implicaba 56 despedimentos, nun cadro de persoal cun total de 131 empregados e empregadas. 

ERES, despedimentos e recortes de salarios houbo moitos nos últimos anos, pero o caso de Lantero é singular por tratarse dunha empresa con beneficios económicos (máis de 1,6 millóns de euros) e que, ademais, ten recibido nos últimos anos axudas económicas procedentes da UE (en 2003 e 2004 a través de fondos FEDER) e da Xunta, segundo denuncia AGE. Ademais, a isto únese unha difícil situación económica na comarca, con moi elevadas cifras de desemprego e o feito de ser esta unha das poucas empresas de máis de cen empregados e empregadas na zona.

Os traballadores e traballadoras, que levan meses recibindo numerosas mostras de apoio por parte da sociedade arousá, tiveron esta semana unha boa nova procedente do ámbito xudicial, despois de que o Xulgado do Social número 2 de Pontevedra fallase en contra da empresa nunha demanda na que a multinacional pretendía que se declarase "ilegal" a folga convocada. A sentenza non só desestima esta pretensión, senón que critica abertamente a posición mantida pola compañía e sinala que atopa "pouco interese" pola súa banda en solucionar o conflito, tras "desistir ela msma da mediación instada". A sentenza lembra tamén que a folga é un dereito fundamental recollido na Constitución e subliña que foi convocada seguindo os procesos previstos.

"A sentenza é un espaldarazo de ánimo tumba un pouco as previsións da dirección da empresa, que buscaba contar a folga con esta sentenza e, de paso, despedir o comité de empresa", destaca Jesús López, presidente do comité

"A sentenza é un espaldarazo de ánimo tumba un pouco as previsións da dirección da empresa, que buscaba contar a folga con esta sentenza e, de paso, despedir o comité de empresa", destaca Jesús López, presidente do comité. Os traballadores, que dende outubro acampan por quendas ás portas da factoría, nun espazo que xa se converteu en todo un símbolo da súa loita, traballan agora na impugnación xudicial do ERE, a gran batalla na que loitan os folguistas, sobre todo porque xa comezaron a chegar as primeiras 48 cartas de despedimento. "Estamos convencidos de que a Xustiza tamén vai tumbar o ERE, o que levará a empresa a rectificar. Cremos que a empresa vai querer poñer en marcha a actividade da planta e que polo tanto buscará unha solución pactada", sinala.

"Estamos convencidos de que a Xustiza tamén vai tumbar o ERE, o que levará a empresa a rectificar. Cremos que a empresa vai querer poñer en marcha a actividade da planta e que polo tanto buscará unha solución pactada"

A pesar da dureza dunha folga tan prolongada, López destaca que o ánimo dos traballadores "está ben, está alto". "Aínda que a folga está sendo dura, estamos todos convencidos de que isto é o único que podemos facer, porque o que fai e propón a empresa é inxusto. Non teñen razóns para facer ningún despedimento, e nin sequera para facer un axuste de salarios", salienta. Critica a posición mantida polo Goberno municipal de Vilagarcía, do que esixe "maior implicación". "Esperabamos un pouco máis de respaldo"-di- "tendo en conta a ademais o apoio tan forte que estamos tendo por parte da sociedade aquí en Vilagarcía, por parte de todos os sectores. Parece que o Concello é o único que non actúa". E denuncia igualmente a actitude da Xunta: "parécenos moi ben que se vaian buscar a México contratos para facer floteis, pero tamén hai que mirar un pouco polo resto de empresas e traballadores que estamos aquí, sobre todo sabendo que esta é unha empresa que obtivo subvencións da Xunta".

 

"Unha loita exemplar"

"É un exemplo de unidade obreira que nesta comarca vai ser histórico, vai quedar como exemplo para o futuro", sinala Fajardo

Para Juan Fajardo, deputado de AGE no Parlamento galego e concelleiro en Vilagarcía, "a loita destes traballadores está sendo exemplar. Non é doado aguantar cen días na porta dunha fábrica, e nas condicións nas que están, sufrindo moitos ataques por parte da empresa: demandas xudiciais continuas, despedimentos dos cabezas da mobilización, a presión dos gardas de seguridade...". "É un exemplo de unidade obreira que nesta comarca vai ser histórico, vai quedar como exemplo para o futuro", sinala.

"Cando as empresas pasan a ser xestionadas por meros analistas financeiros que xogan á especulación, a produción pasa a un segundo plano e pasan estas cousas"

O deputado denuncia que "as políticas do Partido Popular e a reforma laboral permiten que empresas con beneficios e moita capacidade económica aproveiten físgoas legais para recortar as condicións laborais dos traballadores, co obxectivo de acumular máis beneficios" e engade que "cando as empresas deixan de estar dirixidas por persoas con interese na produción industrial, e pasan a ser xestionadas por meros analistas financeiros que xogan á especulación, a produción pasa a un segundo plano e pasan estas cousas".

Fajardo é especialmente crítico co Goberno municipal e coa Xunta. "O Concello tamén debería ser máis contundente, sobre todo porque a empresa ten uns intereses urbanísticos moi importantes nun sitio único de Vilagarcía. Isto debería ser un mecanismo de presión, sobre todo cando quedou demostrado que a empresa tangou o Concello nesa negociación", destaca. "Alguén debería explicar por que había tanto interese naquel Goberno municipal e no actual goberno para que ese convenio fose para adiante", engade.

No que respecta ao Goberno galego, sinala que "debería xogar un papel, entre outras cousas polas axudas millonarias que recibe a empresa, das que se nega a dar conta, como lle foi esixido no Parlamento". "A propia inhibición neste casos case sempre implica poñerse do lado da empresa. A equidistancia non é xusta cando nun conflito hai desigualdade, cunha posición moito máis forte e outra, a do cadro de persoal, en situación de debilidade. Estas cousas demostran que non é mesmo ter un goberno de traballadores e para os traballadores que un Goberno ao servizo das corporacións", di. Tamén no Parlamento europeo a deputada de AGEe Lidia Senra ten intervido en numerosas ocasións reclamándolle á Comisión que actúe e que obrigue a Lantero devolver as axudas públicas percibidas.

Fajardo: "Estas cousas demostran que non é mesmo ter un goberno de traballadores e para os traballadores que un Goberno ao servizo das corporacións"

Fajardo comparte o optimismo de Jesús López, e cre que "despois da sentenza xudicial ten que haber un cambio de rumbo na empresa". "O cadro de persoal vai aguantar, non ten nada que perder, porque a alternativa é que se despida á metade e que os demais traballen nunhas condicións moito peores que as actuais. E isto é inaceptable", conclúe.

Manifestación de apoio aos traballadores de Lantero © Lantero Ere Vilagarcía
Os traballadores de Lantero en folga, no seu campamento © Lantero Ere Vilagarcía
Acción de protesta contra a empresa © Lantero Ere Vilagarcía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.