Os xornalistas de La Capital van á folga ante o terceiro ERE en menos de tres anos

Protesta dos traballadores do 'Diario de Ferrol' Dominio Público @raulsalgado

Os traballadores do grupo empresarial La Capital -do que forman parte os xornais Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, DxT Campeón, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños- levan a cabo este venres 23 unha xornada de folga, así como concentracións en distintas cidades de Galicia para protestar contra o terceiro ERE que presenta a compañía en menos de tres anos e para reclamar un plan de viabilidade e "a regularización no abono das nóminas ou o pagamento das débedas pendentes" que a firma ten cos seus operarios.

Os traballadores de La Capital van á folga este venres e concéntranse en varias cidades de Galicia

Xa en 2013, o grupo Editorial La Capital aprobara un ERE temporal para a maioría do cadro de persoal do grupo e que supuxo un recorte do 33% nos seus salarios. Un ano despois, en xuño de 2014, a empresa volveu presentar outro Expediente de Regulación de Emprego en condicións semellantes ao anterior. Agora, tan só sete meses máis tarde, a empresa vén de anunciar un ERE extintivo para o 50% dos traballadores, que suporía o despido da metade dos operarios, e que sería efectivo en xuño.

Pero ademais, tal e como recorda o cadro de persoal de varios dos xornais, os traballadores sofren "constantes atrasos" nos pagos dos seus salarios, ven como se lles recortan os seus "dereitos laborais" e soportan "débedas derivadas do impago das nosas nóminas de das pagas extraordinarias".

A empresa vén de anunciar un ERE extintivo para a metade dos traballadores tras dous ERE temporais nos dous anos anteriores

Abonda cun só exemplo. No caso dos traballadores de Diario de Arousa , á maioría deles, con salarios por debaixo dos 1.000 euros, adebédanselle nóminas, así como a extra íntegra de xuño do 2013 e o 50% da de Nadal. A mediados do actual mes de xaneiro, a empresa completou o pagamento da nómina de novembro de 2014. Situacións coma esta repítense en todos os medios do grupo.

Por todo isto, unha amplísima maioría dos traballadores do grupo -son arredor de 130 entre os cinco xornais- decidiu ir á folga este venres, reclamando "o pagamento en tempo e forma dos salarios", así como un "plan de viabilidade que minimice a total incertidume sobre o futuro laboral". "E que dignifique as nosas condicións de traballo precario que a día de hoxe padecemos", aseguran desde o cadro de persoal. Ao tempo, están convocadas concentracións no Cantón Grande da Coruña, ás 12 horas; na praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa, ás 20horas; e na praza de Armas de Ferrol, ás 11.

O cadro de persoal denuncia "constantes atrasos" nos pagos e débedas polo impago de nóminas e pagas extraordinarias

Mentres, a editorial La Capital segue a recibir subvencións e axudas públicas por parte do Goberno galego. A última, de máis de 15.000 euros, chegou da Consellería de Economía e Industria a través dun convenio para que se publicasen informacións oficiais dese departamento durante un determinado período de tempo. Nos catro primeiro meses do pasado ano, o grupo empresarial recibiu uns 38.000 euros dentro do reparto a dedo que a Xunta levou a cabo para repartir un millón de euros entre varios medios naquel primeiro cuadrimestre. Son só un exemplo, como a inxección de 26.000 euros en convenio publicitario que recibiu de Medio Rural en plena vaga de incendios de 2013.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia amosou xa a súa "solidariedade" e apoio á protesta e lembra que "a precariedade no exercicio profesional do xornalismo só pode redundar nunha redución da calidade e a pluralidade da información que recibe a sociedade". "A información non é algo que se poda producir mediante procesos industriais nos que se poden aforrar custos de man de obra, senón que precisa bos profesionais que traballen en situacións dignas", di.  Tamén o Sindicato de Xornalistas de Galicia ou a CIG amosaron o seu "total apoio" ás reivindicacións dos traballadores do grupo.

Protesta dos traballadores do 'Diario de Ferrol' Dominio Público @raulsalgado
Protesta dos xornalistas de La Capital na Coruña Dominio Público @traballadoAlcoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.