O índice da cifra de negocios do comercio retallista é unha das fontes máis empregadas para medir a evolución deste sector, un dos pulmóns da economía galega. A observación da variable deste índice a prezos constantes, isto é, eliminándolle a distorsión das subas e baixadas de prezos, da inflación, indica que no conxunto do Estado o pasado ano o comercio polo miúdo foi quen de remontar moi levemente o voo. No entanto, os mesmos datos sinalan que, ao contrario do publicitado, Galicia non actúa, nin de lonxe, como locomotora da recuperación, tampouco neste ámbito. Ben ao contrario, o comercio retallista galego rematou o pasado ano estancado.
Segundo os datos feitos públicos este xoves polo INE o pasado decembro as vendas no comercio galego aumentaron un 3,5% a respecto do mesmo mes de 2013. Isto implica, polo tanto, que a campaña de Nadal de 2014 foi mellor que a anterior pero tamén que a mellora galega é a cuarta máis feble do Estado, só por diante de Castilla y León e Aragón (3,3%) e mais de Extremadura (3,5%). Mentres, autonomías como Balears (9,4%), Cantabria (8,8) ou Catalunya (7,4%) tiveron unha campaña de Nadal sensiblemente máis proveitosa.
A evolución das ventas do comercio retallista galego durante o 2014 foi do 0%
Ao carón do dato puntual de decembro figura outro máis preocupante, toda vez que indica que a poboación galega aínda non ten vontade ou capacidade de aumentar ou seu consumo. Malia ás proclamas oficiais o certo é que as vendas do comercio retallista galego non evolucionaron absolutamente nada durante 2014, ficando a media anual no 0%. Se ben é certo que este resultado é mellor que o de anos anteriores, marcados polas caídas, non o é menos que en doce autonomías encabezadas polas turísticas Canarias (4,6%) e Balears (3,2%) o incremento medio anual xa foi positivo durante o ano que vén de rematar.
O emprego no comercio aumentou levemente no Estado, pero en Galicia seguiu retrocedendo
Este panorama xeral ten tamén a súa tradución no emprego que o sector do comercio polo miúdo é quen de xerar. Mentres que na media do Estado a ocupación no sector do comercio incrementou un 0,8% en decembro e aumentou unha media anual do 0,1% en Galicia o aumento puntual do Nadal quedou no 0,2% e a media do ano nin sequera ficou no estancamento, senón que retrocedeu un 0,4%
Os datos enmárcanse, asemade, nun contexto no que a crise levou por diante uns 5.000 comercios no país mentres proliferaban polo territorio galego múltiples grandes superficies comerciais, tantas que mesmo unha delas, o Dolce Vita da Coruña, tivo que pechar. Todo isto sucede, ademais, mentres a destrución de emprego continúa en Galicia, segundo a última EPA, e mentres a poboación activa segue a se reducir por mor, entre outros factores, da emigración.