Galicia destrúe máis de 13.000 empregos en xaneiro

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Nin recuperación, nin emprego, nin expectativas. O paro volveu crecer en xaneiro, mes tradicionalmente malo para as cifras do desemprego. Foi a suba menos forte nun primeiro mes do ano no conxunto do Estado desde o comezo da crise, un triste consolo que non é tanto en Galicia, onde os datos case calcan aos de hai un ano, cun aumento relativo do 1,42% con respecto a decembro (fronte ao -1,45% de xaneiro do ano pasado) e unha perda de afiliados á Seguridade Social practicamente idéntica: 13.183 cotizantes menos agora fronte aos 13.249 que se rexistraran hai doce meses.

O aumento relativo do paro é case idéntico ao de xaneiro de 2014, ao igual que o descenso do número de cotizantes

En concreto, Galicia rexistrou no pasado mes de xaneiro 7.084 parados máis con respecto ao mes de decembro, o que deixa o número total de desempregados nas oficinas de emprego do país en 259.002, 22.075 menos que hai un ano, pero unha cifra inasumible nun contexto no que os dirixentes políticos se atreven a falar de recuperación e dun futuro esperanzador no plano laboral, onde a emigración, temporalidade e precariedade son norma.

O mercado laboral galego destruíu máis de 13.000 empregos en xaneiro

De feito, se os datos do paro volven ser negativos en Galicia -que teima en rachar o seu feble e escaso diferencial positivo co Estado- as cifras da afiliación á Seguridade Social son aínda peores. O mercado laboral destruíu máis de 13.000 empregos en xaneiro no país tras o remate da campaña do Nadal e a Xunta non se pode agarrar, nin tan sequera, aos últimos datos da EPA, que en España supuxo unha ridícula mellora pero que na comunidade autónoma supuxo pechar 2014 con 2.200 ocupados menos. En xaneiro, o número de cotizantes sitúase nos 913.329, máis de 242.000 menos que cando Feijóo chegou á presidencia da Xunta, aínda que 11.952 máis que hai un ano.

Porque, unha vez máis, a diferenza entre o dato do paro e de afiliación non é pequeno: de máis de 6.000 persoas, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron nas oficinas de emprego. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego.

Galicia perdeu 424 empregos ao día neste primeiro mes do ano, onde cada xornada sumou 228 parados máis

De feito, tanto nos datos de paro rexistrado ultimamente como nos da EPA revélase que Galicia non fai máis que perder poboación activa: a poboación que busca emprego cae, xa sexa porque emigra, deixa o mercado laboral ou volve aos estudos. Tal e como detallou Praza, case a metade das persoas que causaron baixa no paro durante 2014 non atoparan traballo. Producíronse case medio millón de baixas de persoas demandantes de emprego no país, das que algo máis de 274.000 tiveron como causa a colocación. As restantes, practicamente o 45% do total, producíronse por "non renovación" da demanda, isto é, porque a persoa demandante de emprego non selou a popularmente coñecida como tarxeta do paro na data correspondente, ou por "outras causas", entre as que figura de forma destacada a realización de cursos de formación e doutro tipo de estudos.

E o ano que vén de comezar non parece mudar a pésima tendencia. As cifras volven ser duras. Tanto como que Galicia perdeu 424 empregos ao día neste mes de xaneiro. E cada xornada sumou 228 parados máis.

No conxunto do Estado, o paro creceu tamén en 77.980 persoas (+1,75%), ata alcanzar os 4.525.691 desempregados. Ademais, o final da campaña das festas provocou tamén unha forte destrución de emprego, ao perder a Seguridade Social case 200.000 persoas, concretamente 199.902.

O Ministerio do Emprego xa intentou presumir aclarando que tanto un como outro dato son os mellores rexistros desde 2007, sendo esta a menor suba do paro nun mes de xaneiro e o segundo menor descenso da afiliación da Seguridade Social.

Máis do 90% de contratos temporais

Se debullamos as cifras do paro en Galicia, do total de desempregados apuntados nas oficinas de emprego, máis de 135.000 son mulleres polos case 124.000 homes, mentres que uns 14.000 son menores de 25 anos. Ademais, foi o sector servizos o que rexistrou unha maior destrución de emprego, ao incrementarse o número de parados en 7.389 persoas, alcanzando un total de 161.474. Na industria, pola contra, descendeu en 623 persoas e na consrución, 256, metnres que na agricultura incrementouse en 161.

Por outra banda, o 90,5% dos contratos rexistrados son temporais (56.510) fronte ao 9,5% indefinidos, tan só 5.911 dun total de 62.421.

Xa hai máis parados que cobran subsidio por desemprego que dos que reciben unha pensión contributiva

Ademais, no mes de decembro de 2014 había 128.998 persoas cobrando unha prestación por desemprego, pero xa hai máis persoas que perciben un subsidio por desemprego que unha pensión contributiva. En concreto, a distribución é de 57.137 con prestacións contributivas, 58.847 xa con subsidios por desemprego e 13.014 cunha renda activa de inserción.

Para afondar nos malos datos, a cobertura do sistema de protección por desemprego durante decembro -último dato facilitado- foi do 55,6%, mentres que un ano antes era do 60 %, case cinco puntos máis. Así, en Galicia xa hai unhas 100.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego. A contía media da prestación contributiva percibida por persoa  foi de 780,2 euros ao mes, fronte aos 815,3 euros da media do Estado.

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.