Os traballos no flotel de Pemex: horarios abusivos, precariedade e desregulación

Corte de chapa do flotel de Pemex en Navantia © Navantia

Naquel preacordo que Núñez Feijóo asinara con Pemex en setembro de 2012, o presidente da Xunta falara duns "3.000 empregos para os próximos dous anos" nos estaleiros galegos pola construción de dous floteis. En sucesivos anuncios, a Xunta prometeu estes dous buques hotel, pero tamén catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de empresas de Galicia. Non foi tanto así. 

Dos milleiros de empregos prometidos, no flotel de Pemex traballan unhas 300 persoas en Ferrol

No que se refire aos floteis, polo medio Pemex fíxose por 5,1 millóns de euros co 51% de Barreras a través dun acordo que implica tamén transferir a México a tecnoloxía e os coñecementos dun estaleiro histórico e centenario. E a construción de varios barcos, entre eles ese buque hotel. O outro faise en Navantia, onde se chegaron a anunciar que ata 2.000 persoas poderían traballar nese encargo da petroleira mexicana. O pasado maio levouse a cabo o corte inicial e simbólico da chapa do buque, no que na actualidade traballan arredor de 300 operarios: un cento en Navantia e máis de 200 nas auxiliares, nesas nas que nos últimos anos se despediron unhas 4.000 persoas

Pero as condicións nas que traballan os operarios das subcontratas -Maessa e Ainair- son pésimas. Cobran moito menos que antes da crise e xa foron á folga para denunciar os salarios precarios, os horarios abusivos e mesmo o incumprimento do convenio provincial. Deixaron de cobrar incentivos e incluso son contratados por horas. Así o denuncian os sindicatos e os traballadores, que esta semana acordarán en asemblea un novo calendario de mobilizacións para os vindeiros días

As auxiliares incumpren os acordos con Navantia de 2001, reducen os salarios, non pagan complementos e contratan por horas

Os operarios advirten de que se están a incumprir os acordos entre auxiliares e Navantia asinados xa en 2001 e que está a provocar que se perdan complementos de ata 300 euros para os traballadores. Mentres algunha das auxiliares opta directamente por non pagar eses acordos, outras deciden suprimilos para o cadro de persoal eventual. 

"Estanse aproveitando da necesidade de xente que levaba máis de dous anos en paro para precarizar máis aínda as súas condicións laborais", explica Marcelino Amado, delegado da CIG, que aclara tamén que chega a haber xornadas de doce horas continuadas. "Trabállase a hora corrida e mesmo as fins de semana", explica. "Estamos volvendo quince anos atrás", engade quen aclara que esta "desregulacións" afecta unha obra nova "na que é doado planificar e acordar condicións" que non se están a cumprir. 

"Aprovéitanse da necesidade da xente parada de longa duración; estamos volvendo quince anos atrás"

"As auxiliares usan a presión xunto a empresa para baixar prezos e axudar a que isto saia todo máis barato. Á parte da lexislación pola reforma laboral que xa nos precarizou, agora atacan tamén o tema salarial, que é fundamental, tratando de volver a acordos de antes de 2001 e volvendo quince anos atrás", aclara Amado, que denuncia tamén como se aproveitan as vacacións -como as de Nadal- para botar a xente que é contratada pouco despois. Ademais, báixase o soldo de maneira xeral e diminúese a categoría dos operarios ao contratalos, co conseguinte descenso do salario tamén. "Aprovéitanse do pouco traballo que hai para empeorar as condicións de todos; se o fan agora algunhas auxiliares, acabarano facendo todas no futuro", remata. 

Feijóo, no acto de corte de chapa do flotel en Barreras © Xunta
Manifestación dos traballadores de Navantia ante a sede do PP CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.