Traballo asalariado en Galicia? Non para os e as menores de 35 anos

Evolución do número total de asalariados de menos de 35 anos en Galicia Dominio Público Praza Pública

Ao longo da crise económica o número total de persoas asalariadas diminuíu en Galicia en 140 mil persoas, pasando dos 920 mil traballadores e traballadoras ata as 780 mil. A práctica totalidade dese descenso correspóndese coa redución da poboación moza que traballa por conta allea, que en seis anos, de 2008 a 2014, pasou das 366 mil persoas ás 214 mil, segundo a estatítica da EPA publicada este venres polo INE e que resume e fai media anual dos datos do pasado ano.

Se observamos outra estatística, a da poboación ocupada, a tendencia é idéntica. Entre 2008 e 2014 o número total de persoas con traballo en Galicia pasou do 1,2 millóns aos 998 mil, un descenso de 200 mil persoas. Os menores de 35 anos concentran a maior parte desa caída, pasando o número total de ocupados nestes grupos de idade dos 424 mil aos 250 mil, un descenso de 174 mil persoas.

A devandita diminución da poboación asalariada prodúcese en todos os grupos de idade das persoas novas. No grupo de 16 a 19 anos, pasou dos 13 mil de 2008 aos pouco máis de dous mil de 2014. No grupo de 20 a 24 anos a diminución foi de 65 mil a 29 mil. No grupo de 35 a 34 anos a caída foi de 288 mil ata os 182 mil. Unha parte dos mozos e mozas que anteriormente iniciaban a idades moi temperás a súa vida laboral, a bo seguro mudaron esta opción pola alternativa de estender o seu período formativo. Outros e outras emigraron a outras comunidades autonómas ou ao estranxeiro. Un terceiro grupo engrosa os números de récord das taxas de desemprego entre as persoas novas.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Menores de 35 anos 366,2 337,7 301 274,2 250,5 227,3 213,7
Total 920,9 898,0 865,4 852,3 810,1 775,3 779,5

Evolución do número total de persoas asalariadas en Galicia, por grupos de idade, en miles. Fonte: EPA

As cifras da EPA ofrecen, por suposto as terribles cifras do paro xuvenil que afecta aos menores de 25 anos, e tamén ao grupo de idade seguinte, entre os 25 e 34 anos, unha idade na que xeracións anteriores estaban xa traballando maioritariamente. A taxa de paro xuvenil pasou do 15,9% de 2007 e do 21,05% de 2008 ao actual 48,45%.

As cifras oficiais do INE tamén permiten visualizar unha realidade, a da emigración, que cada ano experimentan decenas de milleiros de mozos e mozas galegas. Así, descontada a pequena diminución provocada polo progresivo menor número de nacementos, vemos como entre 2008 e 2014 a poboación galega menor de 16 anos pasou de 340 mil a 348 mil persoas; pero o grupo de idade entre 16 e 19 anos descendeu dos 100 mil aos 84 mil; os situados entre 20 e 24 pasaron de ser 150 mil a ser tan só 121 mil; e os situados entre 25 e 34 anos caeron dos 425 mil aos 329 mil. En conxunto, se en 2008 había 675 mil galegos e galegas entre 16 e 35 anos, en 2014 esa cifra é de 533 mil. 142 mil mozos e mozas menos.

Evolución do número total de asalariados de menos de 35 anos en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.