A quebra de Pemex afonda na parálise das súas promesas en Galicia

Feijóo, xunto a directivos de Barreras e Pemex e autoridades © Xunta

Un dos principais socios comerciais cos que a Xunta de Feijóo asinou acordos e o dono de barreiras. A petroleira mexicana Pemex está en quebra técnica. As cifras así o  demostran, cun patrimonio negativo de 46.000 millóns de euros e uns pasivos que superan nun 36% os seus activos. A crise económica global e os baixos prezos do cru inciden nunha situación que a empresa estatal leva arrastrando na última década, na que en tan só dous exercicios non acumulou perdas. 

A baixada nos prezos do cru e a crise económica inciden na quebra de Pemex, que "apraza" os seus investimentos en Galicia

Os plans de Pemex para aforrar ata 3.600 millóns de euros implican o despedimento neste mesmo mes de marzo de 3.000 traballadores, pero tamén afecta os seus plans de investimento en Galicia, especialmente en Barreras, da que a petroleira estatal controla o 51%. Hai case ano e medio, a compañía adquiriu a maioría das accións por 5 millóns de euros, fíxose coa súa tecnoloxía e experiencia e prometeu a renovaciónn da frota de grandes buques ou a construción nos estaleiros de Vigo de cinco barcos máis pequenos que se chegaron a comprometer publicamente. Todo á marxe do flotel que xa leva un ano construíndose nas instalacións. 

Pemex, firma que achega máis dun terzo dos ingresos de México, sufriu perdas por máis de 260.000 millóns de pesos en 2014 (uns 16.000 millóns de euros), un 55% máis que en 2013, segundo asegura nun comunicado á Bolsa do país azteca. Ademais, o seu patrimonio é o máis baixo da historia, cunha caída de máis dun 300% respecto ao ano anterior, que afonda nunha quebra técnica que é obvia desde 2009.  

A pasada semana, Pemex recoñeceu a Praza que malia que "non se cancela ningún dos proxectos xa en marcha", en relación aos floteis, si haberá unha "necesaria revisión" doutros que se irán "ralentizando ou demorando" no tempo "ata que as condicións económicas melloren". "Iranse aprazando", asegurou a oficina de información da petroleira, en referencia a promesas que incluían a construción de tres buques tanque, un atuneiro e un barco de apoio que non foron comprometidos para a petroleira directamente.

Pemex recoñece que "demora" os proxectos en Galicia e mesmo a Xunta recoñece que non se investirá o prometido

Desde o estaleiro vigués, a resposta foi que non teñen "noticia ningunha" do abandono de proxectos futuros por parte de Pemex aínda que nin a Xunta descarta a rebaixa de expectativas. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, advertía que os recortes de investimento anunciados "non afectaban" a situación da empresa galega, ao manter o "compromiso" do flotel e ra renovación da frota menor a cargao de Armón e Freire, pero recoñece que é posible que se caian varios investimentos. Mesmo chegou a animar a Barreras e outros estaleiros a "explorar outras oportunidades" como a construción de buques de transporte e barcos de pesca. E recoñeceu tamén que os proxectos prometidos á marxe do flotel "dependen dos armadores" e non da petroleira mexicana. "Hai que esperar a ver como evoluciona o petróleo", insistira.

A Xunta prometera a construción de máis de 20 buques e unha base loxística no porto exterior da Coruña

Nada se sabe tampouco daquela base loxística que Pemex ía instalar no porto exterior da Coruña, e cuxa data se atrasou xa, nin dos catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de empresas de Galicia que prometera Feijóo. Máis de 20 embarcacións. A crise da compañía e o baixo prezo do cru non traen boas expectativas para os estaleiros do país. 

"Os que incomprensiblemente brindaban por que non acadaríamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis", asegurara Feijóo na súa conta de Twitter durante a campaña para as últimas eleccións autonómicas, hai ano e medio. Os floteis hanse botar, pero un faise en Navantia, onde se chegaron a anunciar que ata 2.000 persoas poderían traballar nese encargo da petroleira mexicana, cuns 300 operarios. Un cento en Navantia e máis de 200 nas auxiliares, nesas nas que nos últimos anos se despediron unhas 4.000 persoas e que agora son criticadas polos sindicatos polas precarias condicións laborais impostas. En Vigo, son uns 600 os operarios que constrúen o buque hotel. Prometéranse 3.000 empregos en dous anos. 

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com
Feijóo, co conselleiro delegado de Pemex en España © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.